Parladoiro con… PATRICIA TORRADO QUEIRUGA

A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.

1. Se tiveses que escoller algún adxectivo co que definirte, ¿cal non utilizarías nunca?

Aburrida, convencional

2. Navegas polo eido do microrrelato con certa fluidez, aínda que tamén percorres os sendeiros da poesía. Cal aviva máis a túa paixón creadora e creativa?

Hai días que navegho e outros que me deixo ir á deriva. Hahahaha

Din por aí que non se debe escribir coas vísceras, que hai que ser reflexiva, que ten que pasar a quentura e asentar o proceso e as ideas. O meu impulso primixenio sempre é visceral.  Ás veces, acontece que tanto poesía como narrativa ou microrrelato van estruturados, nacen cun fin, cunha liña argumental clara; outras veces, sen máis, unha comeza a escribir e déixase levar. Non deixa de sorprenderme este proceso, porque cando rematas, a maior parte das veces non é tal e como o pensaras nun primeiro momento, o fío argumental muda como mudan os días, os sentimentos e a propia vida.

3. Democratizar a cultura ou popularizar a mediocridade? Se cadra é unha obviedade, mais agradecería a túa reflexión sobre esta dicotomía que vai in crescendo.

A mediocridade é aburrida, e eu non son unha persoa aburrida e moito menos á que lle guste aburrirse. Encántame a xenialidade, o sorprendente, e iso ten que ser a cultura, algo que nos sorprenda día a día. Algo que descubrir e que nos descubra a nós mesmxs —que nos faga reflexionar, unha vez, dúas ou unha vida enteira—. Se popularizamos a mediocridade cando imos decatarnos de que estamos ante unha grande obra de arte?

A cultura en si mesma é aprendizaxe, crítica, o malo disto é que para sermos críticxs co que nos rodea temos que facer aquilo do “Sapere aude”, aprender a pensar por nós mesmxs e iso carrexa grandes doses de responsabilidade, esforzos e mesmo frustracións que hai que aprender a xestionar.

Ao longo da pandemia vimos que a cultura foi a responsable de facer que nos arrepuxésemos ante o encerro, músicos agasallándonos coa súa arte, escritorxs lendo a súa obra online, pintorxs con titoriais,… de súpeto, todas aquelas materias que a moitxs lle pareceran banais no instituto cobraban sentido, collían forza e unha vez que puidemos saír á rúa e concentrarnos en buses e metros, en terrazas, praias,… a apertura dunhas cousas, significou o peche sen sentido de salas de exposicións, de teatros, de salas de concertos, cines,… inda que reducisen capacidade, inda que levásemos máscara. Foi tirar pola borda o terreo conquistado nese mes, neses dous meses.

4. Que supón para ti a consecución dun galardón literario?

O respaldo de sentir que non popularizas a mediocridade. O pulo de saber que o que fas serve para algo máis que para gardar nun caixón.

5. Como lecturas, ¿que clase de literatura te apaixona máis? E por que?

Nunca escollín. Leo teatro, poesía, ensaio, narrativa, novela, contos infantís,… Porque preciso de todas esas lecturas para vivir.

6. Saltando esa tópica expresión de “escribir desde nenxs”, ¿que buscas co proceso da escritura literaria?

O proceso da escritura literaria é tan fermoso que cun simple lapis e unhas cantas follas en branco permíteche viaxar por todos os mundos posibles, ser todo o que se desexa, vivir outras vidas, noutras peles e, sobre todo, esconxurar os males. Así foi como naceu en min, ata os dezaseis fun unha persoa tímida de xeito infinito e os males esconxurábanse por escrito, o meu carácter mudou en parte, pero o vicio da escrita segue sendo irrenunciable.

7. Cres que a lingua galega está en perigo de extinción?

Se seguimos vilipendiándoa, seguro. Decote, as cousas en perigo de extinción cóidanse con maior mimo, como cousas sacras que cómpre salvagardar, e isto non está pasando. O galego non é só unha lingua, é unha cultura, un sentimento, unha terra, unha historia, dándolle as costas dámonos as costas a nós mesmos.

Teño que recoñecelo, agora que estamos aquí, a peito aberto; hai algo en min que se retorce cando vexo a avoas que toda a vida falaron galego, que criaron xs fillxs en galego que agora lle falan xs netxs en castelán, e… nese castelán que nunca antes pronunciaron porque se lles falan a lingua nai séntense de menos. Que problema tivemos nunca xs galegxs en expresarnos nunha lingua, a nosa, e noutras? Fomos carne de emigración, fomos país de acollida, capital cultural, lingua rexia e lingua do pobo. Hai algo do que avergoñarse?

E por riba temos unha lingua tan rica, con tantos matices, con tantas verbas para designar o mundo que non se poden traducir a outras linguas, que sería unha mágoa deixala morrer cando podemos vela florear e gozala en todo o seu esplendor.

8. Se temos que combater con maior contundencia o machismo, ¿por que aínda boa parte das institucións culturais da Galiza seguen estando comandadas por homes? Será por causa do persistente paternalismo cultural?

Esa é unha pregunta interesante. Será que hai moito “non machista” da boca para fóra? O paternalismo non é só cultural, é social, permeable dende arriba a abaixo.

Algunha vez contastes cantas mulleres e cantos homes forman parte do pleno da RAG? A cantos homes e a cantas mulleres se lle ten dedicado o día das Letras Galegas? Hai homes cunha soa obra escrita moi ben considerados dentro da literatura galega, e hai mulleres con mancheas de obra publicada das que hai quen non oíu falar nunca.

A erradicación do machismo ten que ser un feito a todos os niveis, e para iso fai falla valorar a toda a poboación non polo seu sexo senón polas súas capacidades, estamos dispostxs? Para iso fan falla grandes doses de responsabilidade, actitude crítica e mente aberta.

9. Por que, de modo xeral, non se pode vivir do oficio de ser escritora? Que falla para que a arte, nos seus distintos formatos, non sexa o suficientemente valorada polo público receptor da mesma?

A xente adoita pensar que escribir escribe calquera, que os libros son caros, que non merece a pena ler,… por iso nunca viviremos da escrita.

Vouche contar a miña historia. A miña carreira en Filosofía saíume do lombo toda ela, non sendo o primeiro ano. Fixen tortas, biscoitos, madalenas a compañeiras e compañeiros, fixen broches, toucados, acuarelas e dei clases particulares para poder pagala, ata escribín discursos de voda. Curiosamente, houbo xente do meu entorno que coidaba que podía pedir estas cousas de balde polo mero feito de estar dentro do circulo de amizades, ou porque simplemente “iso a ti non che custa nada”. Por que non se valora o traballo que provén das artes, das habilidades, da escrita? A min non se me ocorre ir onda a miña amiga óptica, a dentista, a enfermeira e dicirlle que fagan o seu traballo de balde.

Que fai que a entrada a un museo, un libro, un CD, un concerto nos pareza caro, pero non a visita ao dentista, á perruquería, a un restaurante? Quen non valora o traballo dunhas e doutros por igual debería facer que llelo mirasen.

10. Quedaron moitas preguntas no tinteiro; daquela, formula ti mesma unha e respóndea

En que lugares te perderías?

No Arquivo secreto do Vaticano,  na Biblioteca de Coimbra  ou na Biblioteca do Trinity College. En calquera enclave natural galego, nos seus pobos, nas súas cidades, nas súas aldeas. Pero teño que confesar que hai un lugar ao que sempre volvo, no que adoro perderme, Florencia.