XXXIV FESTIVAL DE POLIFONÍA E PANXOLIÑAS no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado, día 11 de xaneiro de 2020, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba celebrarase o XXXIV Festival de Polifonía e Panxoliñas que organiza a Coral Polifónica de Vilalba coa colaboración do Concello de Vilalba. Dito festival contará coa participación da Coral Polifónica Luar, o Orfeón Lucense e a propia Coral Polifónica Vilalbesa.

*Informa Alfonso Baamonde García, director da Coral Polifónica Vilalbesa.

~regresar~

“Un home que practica toda a súa vida a lucidez convértese nun clásico da desesperanza” E. Cioran

~regresar~

Se cheguei a observar a caída,

dime porqué regreso coma un animal desnortado.

O meu corpo [carne exhausta] non logrou transformar

a historia do holocoausto

en descubrimento.

A paisaxe rómpeme todos os esquemas

e escribo unha nota breve que di:

“alomenos permanecen os corvos”.

Malia todo, recoñezo o lugar

pero síntome coma un nómade

atravesando a orografía que esquece.

Choverá.

Asolagaranse os campos.

O vento rizará a crina dos cabalos

que galopan sobre a memoria.

Tronará.

Pero sempre será fermoso regresar

aquí-a min-a ti:

eramos fillos da tempestade.

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.

Como traballadoras da palabra, as escritoras e escritores en lingua galega non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego.

A falta dunha política verdadeiramente transformadora para a lingua, a nosa principal ferramenta de construción creadora, vese evidenciada máis unha vez polas institucións europeas, como continuidade das diferentes sentenzas xudiciais de ámbito galego que xa anularon algunhas das propostas involucionistas do goberno.

A presenza do galego é insuficiente en varias áreas da comunicación social e o seu incumprimento vén recollido no informe de expertos, mais é especialmente salientábel a recomendación primeira e prioritaria: «Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos».

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere lembrar que a esta situación se chegou por vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística.

Un informe que recibimos a seguir da publicación polo Instituto Galego de Estatística dos datos estatísticos que poñen en evidencia como a nosa lingua perde presenza entre os máis novos, posto que xa o 25% manifesta non saber expresarse na lingua de noso. Resultados que chegan após a imposición do Decreto 79/2010, que contou cunha amplísima oposición social e que, nove anos despois, se demostra como un elemento que non impediu os retrocesos e, por suposto, non supuxo ningún avance.

Somos traballadoras da palabra de noso que leva apegada nela a memoria colectiva e como tal reclamamos que as autoridades atendan co debido respecto as advertencias do Consello de Europa.

Entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia, após ser recriminado publicamente con tal contundencia e claridade. No entanto agardamos que polo menos sirvan para mudaren o camiño que nos leva á extinción lingüística e cultural.

Por iso a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega considera que cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias, para camiñarmos cara á galeguización do ensino como paso imprescindíbel para frear o descenso do uso da nosa lingua e recuperar o seu uso, así como garantir o seu futuro.

 O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
19 de decembro de 2019

*Información achegada desde a Secretaría Técnica da AELG.

Exposición A MÉTRICA DO ILUSIONISMO. CAXIGUEIRO no Museo Provincial de Lugo

Este vindeiro xoves, 19 de decembro, ás 20:00h, celebrarase a inauguración da EXPOSICIÓN: A métrica do ilusionismo. Caxigueiro, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo. E permanecerá aberta ao público desde o 19 de decembro ao 25 de febreiro de 2020.

A MÉTRICA DO ILUSIONISMO é unha proposta que revisa as series máis representativas de Caxigueiro dende o 2005 -última exposición individual en Lugo- ate a actualidade. Pódese dicir que A MÉTRICA DO ILUSIONISMO é unha viaxe introspectiva do autor, pero tamén un empeño por compartir as súas paisaxes e un xeito de entender o mundo.

Enlaces de interese:
Folleto: a métrica do ilusionismo (Caxigueiro)
Convite inauguración: a métrica do ilusionismo (Caxigueiro)

*Información facilitada desde a Rede Museística Provincial de Lugo.


Acto de entrega de premios II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Este sábado, 14 de decembro, o edificio social da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino acolleu o acto de entrega dos premios do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA.

Nun acto moi concorrido, a palabra e as emocións foron as protagonistas. Esa primeira das emocións xurdiu cando o alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, descubriu un cadro no que aparecía debuxado o rostro do anterior presidente da Asociación Cultural de Pino, Moisés Paz Carral, que falecera en datas recentes, o que supuña un feito de homenaxe colectiva á súa persoa.

Despois da lectura da acta do fallo elaborada polo xurado, procedeuse á entrega de premios, comezando polas gañadoras da Categoría 1 (menores de 18 anos).

A primeira en recoller o seu galardón foi Sandra Rodríguez Macía, de Monforte de Lemos, da man de Ana Mar Fraga Rábade, integrante do xurado.

Despois a Mariña Maceiras Segovia, de Pontevedra, entregoulle o galardón do 1º Premio Inés Lozano Carral, actual presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino.

Deseguido, veu a entrega dos galardóns ás persoas gañadoras da Categoría 2 (de 18 anos en diante).

E comezou recibindo o seu 2º premio Iria Collazo López, de Moaña, que llo entregou Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ.

Rematou a entrega de premios na persoa de Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, que recolleu o agasallo de ser o gañador na súa categoría da man de Armando Castosa, alcalde do Concello de Cospeito.

Despois das pertinentes fotografías realizadas entre as persoas premiadas, xurado, entidades convocantes e familiares, pasouse a un momento máis distendido compartindo todos un pequeno ágape, ofrecido polo Concello de Cospeito.

Galería fotográfica do acto de entrega de premios do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, realizadas polo veciño de Pino, José Manuel Pena Regueiro.

Medre a Poesía! Medre Caldaloba!