Inauguración da Exposición colectiva a favor de A CREBA

Este venres 13 de decembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Outes, inaugurouse a Exposición colectiva a favor da Asociación A`CREBA.

Trátase dunha exposición comisariada por Cristina Carballedo a través de SUMARTE. Proxecto expositivo, e na que participan case unha trintena de artistas (Antonio Abad, Óscar Aldonza, Isabel Blanco, Abel Barandela, Carlos Barcón, Xavier Blanco, Tino Canicoba, Xavier Carrasco, Nacho Carnota, Corin Cervera, Luis de la Cuevas, Jorge ESpiral, Pedro Gª Losada, Lomartí, Miguel Anxo Macía, Emilio Mariño, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Manolo Rivera, Peña Romay, Noa Persán, Antón Sobral, Antonio Souto, Veiras Manteiga, Laureano Vidal, Mila Vázquez e Xoán Vila). E cuxa finalidade será recadar beneficios a favor de A CREBA, unha asociación para a saúde mental, concretamente, o 40% do diñeiro que se reúna durante a mostra expositiva.

Os artistas participantes amosarán e venderán as súas obras desde o 13 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2020 na citada Casa da Cultura de Outes.

Velaquí unha pequena galería de imaxes, xentileza de A CREBA e SUMARTE, que reflicten momentos da inauguración.

*Información e imaxes recollidas da Asociación A CREBA e de SUMARTE. Proxecto expositivo.

BERLAI en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

O grupo de música BERLAI estará este sábado, días 14 de decembro, ás 20 hrs na Casa-Museo Manuel María nun concerto que é de entrada libre (até encher a capacidade do auditorio).

BERLAI vai presentar o seu traballo DesconhecidoEste é o resultado de unir música con banda deseñada, de feito durante o concerto proxectaranse ilustracións deste traballo que elaborou o debuxante Ernesto Torterolo.

Deixámosvos aquí algunhas ligazóns de youtube por se queredes saber como soan e lembrade que podedes reservar en  contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Cruzei mares: https://www.youtube.com/watch?v=itAeIQeli8s

Um livro estranho: https://www.youtube.com/watch?v=itAeIQeli8s

Com os melhores desejos: https://www.youtube.com/watch?v=Njn48YjD6dg

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.

IESCHA.- Exposición de Leandro Seixas na Casa da Cultura de Vilalba

O xoves, 12 de decembro de 2019, ás 20:30 horas inaugurarase na Casa da Cultura de Vilalba a Exposición Leandro Seixas: esculturas.

Esta exposición, organizada polo IESCHA, en colaboración co Concello de Vialba, permanecerá aberta ata o 15 de xaneiro de 2020. E confórmana 11 pezas escultóricas, a maior parte delas realizadas en mármore.

*Información achegada polo IESCHA.

IEU.- Recital poético sobre o Pico Sacro en Antas de Ulla

O sábado 14 de decembro ás 18:30 h., na igrexa parroquial de San Xoán de Antas de Ulla, un fermoso templo románico no centro da vila, o IEU organizará un Recital Poético sobre o Pico Sacro no que se presentará o libro “Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda”.

Presentarán o acto o profesor Jaime Rodríguez Ouro e o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra,  e contaremos no recital poético coas intervencións do coordinador do libro e coautor Xosé Manuel Lobato, de Xoán Xosé Fernández Abella, de Charo Golmar e de Henrique Neira.

Con este recital poético o IEU inicia unha liña de actividades que continuará en 2020 con outro acto similar sobre o Monte Farelo que organizará no cume deste monte tan significativo para A Ulloa.

    

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns http://ieu.gal/