Este venres, 29 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Cospeito o xurado deliberador do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que organiza o propio Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ.

O xurado, conformado por Ana Mar Fraga Rábade, Montse González Álvarez, Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Martiño Maseda, despois das súas valoracións decidiu emitir o seguinte fallo:

Categoría 1 (menores de 18 anos)

1º Premio para Unha fraga de laios, de Mariña Maceiras Segovia (Pontevedra), “pola delicada inxeleza dos seus versos, o realismo e a emotividade destes e a chamada ao espertar das conciencias que supoñen na súa aposta ecopoética”.

2º Premio para E sigo pensando en ti, de Sandra Rodríguez Macía (Monforte de Lemos), “polo acerto do seu marcado ton intimista, que poetiza un pasado doloroso e é quen de alumar con esperanza un futuro no que non se esquecen os lazos afectivos doutrora”.

Categoría 2 (de 18 anos en diante)

1º Premio para Hora de penumbra, de Xurxo Alonso (Vilagarcía de Arousa), “onde se estimou a solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forrza dos símbolos empregados nun discurso que visita os grandes temas do ser humano (o pasar do tempo, a morte, o amor, a orfandade, a procura da esperanza) con ollada renovada e amplo caudal de intertextualidades”.

2º Premio para De casa queimada, de Iria Collazo López (Pontevedra), no que “salienta a habelencia no manexo das lerias da infancia e as visitacións do amor e o desamor nunha estética que ancora no neosurreal e que pon a voz poética ao servizo da intención dos sentimentos”.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 14 de decembro no local social de Pino, lugar xeográfico onde se sitúa a emblemática Torre de Caldaloba.

Antes, o 5 de decembro, a partir das 18 horas no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase o acto de presentación dos poemarios gañadores na I edición deste Certame poético chairego: Caldaloba en Terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña, publicados baixo o selo editorial de Alvarellos Editora.