Presentación do libro RELATOS DA ULLOA en Buenos Aires

O escritor e socio do IEU Antonio Jorge Salgado López presentará o libro Relatos da Ulloa na Federación de Asociacións Galegas da República Argentina (FAGRA). O acto terá lugar o día 6 de decembro na sede da FAGRA, sita no barrio de San Telmo en Buenos Aires.

O libro, editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e por Gadis e coordinado polo noso socio o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra, consta de 14 relatos de coñecidos escritores/as inspirados na comarca da Ulloa.  Con esta presentación escoitarase de novo a voz da Ulloa en Buenos Aires, principal destino dos emigrantes da comarca a finais do século XIX e principios do XX.   Ademais da presentación dos Relatos da Ulloa e da distribución gratuíta de exemplares do libro, o noso socio Antonio Jorge Salgado proxectará vídeos sobre A Ulloa, un deles coa intervención da secretaria do IEU, a historiadora e filóloga María José Gómez Alvite, así como o saúdo do director do IEU invitando aos membros das Asociacións Galegas na Arxentina a visitar a nosa comarca.

A primeira presentación do libro Relatos da Ulloa tivo lugar no mes de maio en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego; a segunda en setembro no Centro Galego de Londres;  terceira realizarase o 6 de decembro en Buenos Aires, e o IEU ten proxectadas outras presentacións en Barcelona e en Euskadi.

Máis información:

*Información achegada desde o IEU.

O Concello de Vilalba presenta a Programación Nadal 2019-2020

O Concello de Vilalba vén de presentar a súa Programación de actividades para o Nadal 2019-2020. Unha programación que foi presentada pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xunto coa concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e a concelleira de Infancia e Mocidade, Antía Rama, e que conta con preto de 30 citas ao longo do mes de decembro e na primeira semana de xaneiro, subliñando que “intentamos introducir cousas distintas pensando nos gustos e intereses da veciñanza, desde os máis pequenos aos máis maiores, sen lembrarnos da xuventude”.

No seguinte enlace accederemos á citada programación de Nadal.

*Información facilitada desde Comunicación do Concello de Vilalba.

VI Recital Poético Solidario Internacional en Vilalba

O sábado 21 de decembro a partir das 20:00 h., o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acollerá unha nova edición do Recital Poético Solidario Internacional. Verso, que traes? Esperanza.

Este recital, organizado pola Asociación de Veciños de Nete e Culturalia GZ, e coa colaboración do Concello de Vilalba e Somos Unidos por el Cáncer, terá como causa solidaria Poesía contra o cancro, coa que se pretende recadar fondos para a loita contra esta enfermidade que afecta de modo xeneralizado á poboacion.

Poetas coma Pilar Maseda, Ana Mar Fraga Rábade, Beatriz Dourado, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez, Branca Villar, Emilia Martínez Fuentes, Daniel Irimia, Xesús Bermúdez, Luís Teixeiro (e outros nomes aínda por confirmar) achegarán os seus versos para solidarizarse na causa contra o cancro. Ademais traerán cadanseu libro que servirá de agasallo, despois do pertinente sorteo das entradas entre as persoas asistentes.

As entradas terán un prezo de 5 €, agás para as persoas menores de 12 anos, que entrarán de balde. A adquisición de ditas entradas pode facerse a través da Asociación de Veciños de Nete.

Anímate e Colabora!

Exposición colectiva a favor da Asociación A`Creba

O vindeiro venres 13 de decembro, a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Outes, inaugurarase a Exposición colectiva a favor da Asociación A`CREBA.

Unha exposición organizada por SUMARTE. Proxecto expositivo, e na que participarán case unha trintena de artistas (Antonio Abad, Óscar Aldonza, Isabel Blanco, Abel Barandela, Carlos Barcón, Xavier Blanco, Tino Canicoba, Xavier Carrasco, Nacho Carnota, Corin Cervera, Luis de la Cuevas, Jorge ESpiral, Pedro Gª Losada, Lomartí, Miguel Anxo Macía, Emilio Mariño, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Manolo Rivera, Peña Romay, Noa Persán, Antón Sobral, Antonio Souto, Veiras Manteiga, Laureano Vidal, Mila Vázquez e Xoán Vila). E cuxa finalidade será recadar beneficios a favor de A´CREBA, unha asociación para a saúde mental.