Este sábado, 14 de decembro, o edificio social da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino acolleu o acto de entrega dos premios do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA.
Nun acto moi concorrido, a palabra e as emocións foron as protagonistas. Esa primeira das emocións xurdiu cando o alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, descubriu un cadro no que aparecía debuxado o rostro do anterior presidente da Asociación Cultural de Pino, Moisés Paz Carral, que falecera en datas recentes, o que supuña un feito de homenaxe colectiva á súa persoa.
Despois da lectura da acta do fallo elaborada polo xurado, procedeuse á entrega de premios, comezando polas gañadoras da Categoría 1 (menores de 18 anos).
A primeira en recoller o seu galardón foi Sandra Rodríguez Macía, de Monforte de Lemos, da man de Ana Mar Fraga Rábade, integrante do xurado.
Despois a Mariña Maceiras Segovia, de Pontevedra, entregoulle o galardón do 1º Premio Inés Lozano Carral, actual presidenta da Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino.
Deseguido, veu a entrega dos galardóns ás persoas gañadoras da Categoría 2 (de 18 anos en diante).
E comezou recibindo o seu 2º premio Iria Collazo López, de Moaña, que llo entregou Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ.
Rematou a entrega de premios na persoa de Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, que recolleu o agasallo de ser o gañador na súa categoría da man de Armando Castosa, alcalde do Concello de Cospeito.
Despois das pertinentes fotografías realizadas entre as persoas premiadas, xurado, entidades convocantes e familiares, pasouse a un momento máis distendido compartindo todos un pequeno ágape, ofrecido polo Concello de Cospeito.
Galería fotográfica do acto de entrega de premios do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, realizadas polo veciño de Pino, José Manuel Pena Regueiro.
Medre a Poesía! Medre Caldaloba!