Fallo II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Este venres, 29 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Cospeito o xurado deliberador do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que organiza o propio Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ.

O xurado, conformado por Ana Mar Fraga Rábade, Montse González Álvarez, Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Martiño Maseda, despois das súas valoracións decidiu emitir o seguinte fallo:

Categoría 1 (menores de 18 anos)

1º Premio para Unha fraga de laios, de Mariña Maceiras Segovia (Pontevedra), “pola delicada inxeleza dos seus versos, o realismo e a emotividade destes e a chamada ao espertar das conciencias que supoñen na súa aposta ecopoética”.

2º Premio para E sigo pensando en ti, de Sandra Rodríguez Macía (Monforte de Lemos), “polo acerto do seu marcado ton intimista, que poetiza un pasado doloroso e é quen de alumar con esperanza un futuro no que non se esquecen os lazos afectivos doutrora”.

Categoría 2 (de 18 anos en diante)

1º Premio para Hora de penumbra, de Xurxo Alonso (Vilagarcía de Arousa), “onde se estimou a solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forrza dos símbolos empregados nun discurso que visita os grandes temas do ser humano (o pasar do tempo, a morte, o amor, a orfandade, a procura da esperanza) con ollada renovada e amplo caudal de intertextualidades”.

2º Premio para De casa queimada, de Iria Collazo López (Pontevedra), no que “salienta a habelencia no manexo das lerias da infancia e as visitacións do amor e o desamor nunha estética que ancora no neosurreal e que pon a voz poética ao servizo da intención dos sentimentos”.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 14 de decembro no local social de Pino, lugar xeográfico onde se sitúa a emblemática Torre de Caldaloba.

Antes, o 5 de decembro, a partir das 18 horas no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase o acto de presentación dos poemarios gañadores na I edición deste Certame poético chairego: Caldaloba en Terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña, publicados baixo o selo editorial de Alvarellos Editora.

CULTURGAL 2019

Culturgal é a Feira da actividade cultural en Galicia; unha cita de referencia que en 2019 se celebra do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema “Dálle unha volta á Feira!”. Durante 3 días a Feira presenta un programa de actividades que se espallan polos diferentes escenarios: Carpa, Libro, Foro, Familiar, Audiovisual, Arte Contemporánea. En total, máis de cen actos e actividades nunha programación que se constrúe coas propostas de empresas, artistas e institucións. Milleiros de persoas gozan cada ano dunha Feira que, cunha entrada a prezo popular, permite descubrir que é o se fai e que é o que vai vir no ámbito cultural en Galicia. Culturgal conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura.

Velaquí o enlace ao programa do CULTURGAL 2019.

*Información recollida desde CULTURGAL.

AELG.- Actividades da semana do 25/11 a 01/12

  • Hoxe, martes 26 de novembro, ás 12.30, conferencia Cóntamo cun conto. Os mecanismos da narración oral a cargo de Paula Carballeira. Será no salón de actos da Escola Universitaria CEU de Maxisterio  (Estrada Vella de Madrid, 8, Vigo –como chegar).
  • O sábado, 30 de novembro, último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, que Antonio Sandoval guiará con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!
    A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
  • Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra.

*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.

A Casa-Museo Manuel María organiza a andaina Polos Camiños da Tribo

A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA ORGANIZA PARA ESTE DOMINGO UNHA CAMIÑADA POR ALGÚNS DOS LUGARES DE OUTEIRO DE REI MÁIS ÍNTIMOS DE MANUEL MARÍA

A actividade, que leva por título “Polos camiños da tribo”, será guiada e dinamizada por Orlando Viveiro, estudoso e divulgador cultural. O percurso, de seis quilómetros, e cunha dificultade baixa, terá a súa saída ás 10 hrs, desde a Casa-Museo, e a súa chegada ao mesmo lugar entre as 12.30-13.00 hrs

O regato do Cepelo, A Barciela, as beiras do Miño, o Campo de Santa Isabel…serán algúns dos lugares polos que pasarán as persoas que participen no roteiro, en que se intercalarán explicacións do patrimonio natural e cultural do lugar coa lectura dalgúns poemas e textos de Manuel María. Outeiro de Rei, cos seus distintos espazos e persoeiros, significou para Manuel María non só o inicio vital, senón tamén as primeiras descubertas e ensoñares para a súa creación literaria.

A actividade é gratuíta e cómpre inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información desde a Casa-Museo Manuel María.

Exposición MULHERES, de Mercedes Vázquez Saavedra, na Sala de Exposicións do Concello de Viana do Bolo

Mañá, venres 22 de novembro, inaugúrase a Exposición “MULHERES”, de Mercedes Vázquez Saaveddra, na Sala de Exposicións do Concello de Viana do Bolo.

Tomando palabras da autora de dita exposición:

“Hoxe día importante para as MULHERES, e tamén día d@s músico@s, estou decantando versos, no decantador do vinho grialico, que move a palabra ao rítmo das corcheas, fusas e semifusas, no pentagrama da vida, as veces dura, durísima para moitas MULHERES, polo que entre tod@s,  decantemos versos na desfolhada do outono, que nos leva ao escuro inverno, onde a palabra xurde do íntimo, e vai polo mundo na busca do eco, facéndose oir. Palabra musical sonora, na busca dos versos, onde as MULHERES teñen a palabra, que xurden do íntimo, do profundo  e matriarcal: Da TERRA.

Días das mulheres, -que terían que ser tódolos días-, MULHERES que  berran SOS polas rúas.  Parafraseando a MINHA AMIGA PORTUGUESA A POETA HELENA BRANCO que lembro e encordo nestes días, coa POETA GALEGA DE VIANA DO BOLO, NIEVES FDEZ VIDUEIRA, que me acompanara mañá día 22 na presentación da exposición MULHERES, baixo a batuta de Ovidio Vilar, que dara pé á xuntanza lírica, presentada polo sr Alcalde de Viana, Secundino Fdez, e Paul Ferón, testemuña do pasado  das mulheres da raia na irmandade galaica.

E todo isto, grazas á proposta da exposición MULHERES, por parte de Jorge Minas, dinamizador cultural do entroido de Viana, no que as MULHERES estarán presente, noutra mostra da que daremos conta axiña.”

Velaquí unha galería fotográfica que amosa os contidos da citada exposición:

*Texto e galería fotográfica: Mercedes Vázquez Saavedra.