Este sábado na Casa-Museo Manuel María proxección de MAMASUNCIÓN, de Chano Piñeiro, e coloquio-debate sobre a emigración galega actual

Este sábado, 1 de febreiro, ás 20 hrs, as persoas que desexen asistir ao auditorio da Casa-Museo poderán desfrutar da curtametraxe “Mamasunción”, dirixida en 1984 por un dos precursores e dos grandes do cinema galego, Chano Piñeiro. A proxección, cunha duración de 20 minutos, trata da emigración e da dor dos que fican .

Posteriormente, teremos un coloquio-debate sobre a realidade da emigración galega actual no que participarán a profesora na área de economía, socioloxía e política agraria da USC, no campus de Lugo, Mar Pérez Fra, e o historiador e profesor do IES Ánxel Fole, Xabier Molinos. Salientar que desde 2008 ao 2017 emigraron desde Galiza 300.000 persoas, das que 79.529 son mozos e mozas de 16 a 29 anos que se viron expulsados por falta de saídas laborais e que declaran non ter intención inmediata de voltar ante a falta de perspectivas de futuro en Galiza.

Ao inicio e ao final desta actividade recitaremos algún poema de Manuel María que nos enfronta con este drama persoal, social e nacional. Concretamente os escolleremos do poemario “Remol”, que este ano cumpre 50 anos da súa primeira edición.
A actividade está organizada por Via Galega, plataforma da que forma parte a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que está na actualidade a desenvolver unha campaña ante a preocupación e gravidade do novo ciclo migratorio galego e para reclamar da Xunta de Galiza políticas que paralicen as súas causas e a execución daquelas medidas necesarias que aseguren traballo digno no país para todas e todos e o retorno das persoas emigradas.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.

Entrega de premios da XLVIII Edición do Nadal en Begonte

Este sábado 25 de xaneiro, a partir das 17 horas, no salón de actos do Centro Cultural José Domínguez Guizán tivo lugar a entrega de premios dos distintos certames que se convocaron na XLVIII Edición do Nadal en Begonte (Poesía, Arte e Periodismo para adultos e de Debuxo para nenos).

Nun local case repleto de público, e ante a presenza de autoridades coma a Responsable de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez ou o alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e representantes do Belén begontino e persoas integrantes dos xurados de cada modalidade, as persoas premiadas foron recibindo os seus galardóns, segundo os ía nomeando o incansable mestre de cerimonias, Xulio Xiz.

Así, a artista Adolfina Mesa recolleu o premio ao resultar gañadora do XXX Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán contra a Violencia Sexual, coa súa obra Amor Mortal. Tamén o poeta Xosé Otero Canto estivo presente para recibir o galardón como gañador do XLIV Certame Nacional de Poesía Sobre o Nadal coa obra Xesús e a Crónica de Beria. Pola súa banda, no XLIV Certame Xornalístico Begonte e o Nadal, Pepe Pol recolleu o primeiro premio polo artigo Carta a los Reyes Magos y su respuesta, publicado en Galicia Digital, mentres que Beatriz Valcárcel recibiu o segundo premio polo artigo La historia real de un belén viviente, tamén publicado en Galicia Digital. E non podemos esquecer as nenas e os nenos que acudiron recoller cadanseus galardóns coma premiados no XLIV Certame de Debuxo Infantil sobre O Nadal.

O acto, ademais de servir como clausura das actividades na presente edición do Belén de Begonte, que vai camiño do médio século, tamén nos amosou a actuación do cuarteto de saxofón da Agrupación das Escolas Municipais de Música de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, xestionadas pola Asociación Músico Crisanto.

Véxase a continuación unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da citada entrega de premios.

Acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á escritora gañadora, ANTÍA YÁÑEZ, que terá lugar o sábado, día 1 de febreiro de 2020, ás 20:30 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.
O referido acto, presentado por CARMEN HERMIDA, contará coa intervención de MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha, ELBA VELEIRO, alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de
Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e ANTÍA YÁÑEZ, gañadora do premio.
Durante o acto irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, coa poesía, cos textos teatrais, coa imaxe…
Para elo, contamos coa participación de:
BANDA MATO VIZOSO
EMILIA MARTÍNEZ FUENTES
ALFONSO MASEDA
GRUPO DA BIBLIOTECA “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ” do IES BASANTA
SILVA.
BUXOS VERDES
Colabora no acto a Asociación de Xordos de Vilalba.

A entrada e libre e gratuíta.

A continuación, adxúntase cartaz, nota informativa e invitación de dito acto literario.

Concerto de PONDALIANA na Casa-Museo Manuel María

A poesía de Eduardo Pondal chega este sábado, ás 20 hrs, á Casa-Museo Manuel María a través do concerto de Pondaliana que interpretará unha representación da poesía do escritor de Ponteceso, con temáticas vivas e actuais como o amor, a paisaxe, a emigración, o compromiso cívico, a reivindicación lingüística…

A música de Xoán Padín (guitarra e voz), Lidia Piñeiro (pandeiro e voz), Cabe García (guitarra) e Fernando Couce (percusión) profundará no valor do escritor, cunha ampla variedade de estilos e ritmos, que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical. Entre os poemas que soarán encóntranse “O combate de Dumbría”, “Afiade esas fouces”, “Eu son galeguiña” ou “Carballos de Carballido”.

Pondaliana é un proxecto que se iniciou no ano 2017, centenario da morte de Eduardo Pondal. Daquela, a Sociedade Cultural Medúlio, de Ferrol, tomou como compromiso articular un espectáculo musical, baseado en poemas do grande poeta galego, para evidenciar o valor, a vixencia e a adecuación para a música do variado xénero e estilo da súa poesía.

O traballo editado nun libro-disco, en 2019, pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e A Mesa e ilustrado por Leandro Lamas, foi resultado da colaboración de máis de unha ducia de músicos coordenados polo profesor Francisco Rodríguez Sánchez e a Sociedade Cultural Medúlio.

O prezo do billete para asistir a este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.