Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG Nova Poesía Guitirica organizan para o 2 de xuño na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei un encontro de poetas, artistas, músic@s e creador@s, en xeral, que busca o intercambio de ideas, propostas e a interrelación nun espazo único e cargadas de simbolismo. No lugar que tiña inspirado ao poeta da Terra Chá, a arte e a palabra serán protagonistas dunha xornada de convívio aberto a quen desexe participar. Arredor de iniciativas como Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG, e partindo coa única premisa da irmandade artística, o Banquete da CHaira (BCH) é o punto de partida dunha plataforma comunal de cultura aberta onde colaborar, promover, intercambiar e dialogar.
O Banquete da CHaira terá o seu manifesto fundacional e será a base tamén dun audiovisual no que @s participantes serán protagonistas desde a súa perspectiva artística e creativa.
Unha proposta á marxe de soños institucionais, libre e independente, desde Santa Isabel, A Chaira, e aberta ao mundo!