Mostra de Repertorio de Danza Clásica no Auditorio Municipal de Vilalba

Mostra de Repertorio de Danza Clásica no Auditorio Municipal de Vilalba

Mostra de Repertorio de Danza Clásica do Conservatorio de Danza de Lugo, que terá lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez, o xoves 3 de maio ás 20.30 horas, poderán verse fragmentos dos máis salientables ballets clásicos, dende “Lago dos cisnes” a “Raymonda”, pasando por “Bayadera” “El Carnaval de Venecia”, entre outras.

A entrada é libre e de balde até completar o aforo.

Pode consultar o programa en: Programa Mostra

Esta actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Vilalba

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo é o único centro público da Consellería de Educación da Xunta de Galicia onde se poden estudar as ensinanzas elementais e profesionais de Danza, nas especialidades de Danza Clásica e DanzaContemporánea.

 

*Información achegada pola área de Cultura do Concello de Vilalba

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de facer público o comunicado En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e un Día de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.

Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.

A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.

A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018

Programa MONDOÑEDO É POESÍA 2018

Programa MONDOÑEDO É POESÍA 2018

MONDOÑEDO é POESÍA 2018

1 de maio de 2018

ESPECIAL 5ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.

Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital do berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

RECITAL na RÚA

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

 

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho BouzasJaime Fernández, e Iria RivasCarmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén SenínIris CarroX. Ramón Sánchez VarelaCarme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA

18:30h.

No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos MestreChus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga NovoAntón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de  Marina Oural Villapol_MOV

 Agasallos aos asistentes

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.

Tirada: 600 exemplares.

A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.

TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS       

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

**

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be

*Descargar folleto de Mondoñedo É Poesía

 

CONTACTOS ORGANIZACIÓN

Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com

 

Mondoñedo, abril de 2018

 

Convocatoria do II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil Pola Igualdade

Convocatoria do II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil Pola Igualdade

O Instituto de Estudos Chairegos e o Concello de Vilalba, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, convocan o II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.

No seguinte enlace accederemos ao díptico coas Bases do mesmo.

Prazo de presentación de orixinais: Do 23 de abril ao 12 de xullo de 2018.