Acuarela “Oito de Marzo”
Unha primeira mostra do próximo Proxecto Expositivo.
Obra: Oito de Marzo
Técnica: Acuarela / Mixta
Estilo: Abstracto
Autor: Adolfina Mesa
Mostra de Repertorio de Danza Clásica do Conservatorio de Danza de Lugo, que terá lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez, o xoves 3 de maio ás 20.30 horas, poderán verse fragmentos dos máis salientables ballets clásicos, dende “Lago dos cisnes” a “Raymonda”, pasando por “Bayadera” “El Carnaval de Venecia”, entre outras.
A entrada é libre e de balde até completar o aforo.
Pode consultar o programa en: Programa Mostra
Esta actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Vilalba
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo é o único centro público da Consellería de Educación da Xunta de Galicia onde se poden estudar as ensinanzas elementais e profesionais de Danza, nas especialidades de Danza Clásica e DanzaContemporánea.
*Información achegada pola área de Cultura do Concello de Vilalba
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de facer público o comunicado En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos:
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e un Día de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.
Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.
A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.
A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018
MONDOÑEDO é POESÍA 2018
1 de maio de 2018
ESPECIAL 5ª EDICIÓN
Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.
Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital do berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).
O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.
RECITAL na RÚA
17:00h.-Praza do Seminario
Homenaxe á Escola Poética do Seminario
Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.
Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.
17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)
Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.
18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)
Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.
RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA
18:30h.
No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de Marina Oural Villapol_MOV
Agasallos aos asistentes
Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018
Edita: Asociación As San Lucas
Patrocina: Deputación de Lugo
Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.
Tirada: 600 exemplares.
A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.
TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS
Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.
**
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.
Redes
Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be
*Descargar folleto de Mondoñedo É Poesía
CONTACTOS ORGANIZACIÓN
Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com
Mondoñedo, abril de 2018