Raúl Río Díaz, Trapeiro de Honra 2018

Raúl Río Díaz, Trapeiro de Honra 2018

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños  investiu a Raúl Río Díaz como Trapeiro de Honra 2018 o día 7 de abril. Esta distinción, que chega á súa quinta edición súmase así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Díaz Castro e dos Vilares; grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

O acto de entrega da V edición do Premio Trapeiro de Honra ao vilarego Raul Río tivo lugar nun acto que se celebrou na igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, o seu lugar de nacencia, coa presenza de numerosos amigos e veciños.

O acto contou coa participación de Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de Soños, que fixeron as presentacións, a artista chairega Isabel Pardoque realizou em vivo um retrato a Raúl, o crítico literario Armando Requeixo, os xornalistas Man Castro e Xulio Xiz, familiar e amigo de Díaz Castro respectivamente, os músico Mero Iglesias, o museólogo Felipe Senén, os cregos amigos Xaquín de Roca e Alfonso Blanco de Xermolos e o acordeonista de Lanzós Manuel Figueira e o flautista Manuel de Bemantes,, que amenizaron o acto.

Nesa xornada fixose entrega do Premio a Raúl Río, unha figura representativa deseñada pola artista Viki Rivadulla e tamén ás familias dos dous galardoados anteriores, Pepe de Cristos (2016) e Asunción dos Ares (2017). Figuras únicas realizadas a man e sen moldes e cos nomes de cada premiado.

Consolidado así um premio iniciado no 2014 coincidindo coa dedicatória ao poeta Diaz Castro das Letras Galegas, coa dedicatória na quinta edición a un grande amigo é defensor: Raúl Río Díaz.

Enlace a este libro homenaxe do Trapeiro de Honra 2018.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

MONDOÑEDO É POESÍA 2018 (Avance Programa)

MONDOÑEDO É POESÍA 2018 (Avance Programa)

MONDOÑEDO é POESÍA 2018

1 de maio de 2018

 

ESPECIAL 5ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo, ‘capital galega da poesía’.

Celebramos este 5ª recital, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta de fóra de Galicia, o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema con conexión en vivo e en directo desde (agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor por parte de Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

 

RECITAL: RÚA

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

 

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

 

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

 

RECITAL: AUDITORIO PASCUAL VEIGA

18:30h.

No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estéve. A música corre a cargo de Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación corre a cargo de Marina Oral Villapol_MOV

 

Agasallos aos asistentes

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]

Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.

 

EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Reúne en 200 páxinas as biografías e poemas dos 91 poetas e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.

Tirada: 600 exemplares.

A ilustración de portada é de Xosé Vizoso, contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e X. Vizoso.

 

A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS      

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos.

 

***

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.

Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

 

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be

 

 

CONTACTOS ORGANIZACIÓN

Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com

 

Mondoñedo, abril de 2018