MONDOÑEDO é POESÍA 2018

MONDOÑEDO é POESÍA 2018

MONDOÑEDO é POESÍA

1 de maio de 2018

ESPECIAL 5ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.

Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital do poeta berciano Juan Carlos Mestre (Premio Castela-León das Letras 2018), e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

RECITAL na RÚA

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

 

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

 

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA

18:30h.

No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de  Marina Oural Villapol_MOV

 Agasallos aos asistentes

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.

Tirada: 600 exemplares.

A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.

TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS         

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

**

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=0_NKuysI-h0

 

Mondoñedo, abril de 2018

 

BANQUETE DA CHAIRA na Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei

BANQUETE DA CHAIRA na Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei

Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG Nova Poesía Guitirica organizan para o 2 de xuño na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei un encontro de poetas, artistas, músic@s e creador@s, en xeral, que busca o intercambio de ideas, propostas e a interrelación nun espazo único e cargadas de simbolismo. No lugar que tiña inspirado ao poeta da Terra Chá, a arte e a palabra serán protagonistas dunha xornada de convívio aberto a quen desexe participar. Arredor de iniciativas como Culturalia GZ, Os Vilares lareira de soños e NPG, e partindo coa única premisa da irmandade artística, o Banquete da CHaira (BCH) é o punto de partida dunha plataforma comunal de cultura aberta onde colaborar, promover, intercambiar e dialogar.

O Banquete da CHaira terá o seu manifesto fundacional e será a base tamén dun audiovisual no que @s participantes serán protagonistas desde a súa perspectiva artística e creativa.

Unha proposta á marxe de soños institucionais, libre e independente, desde Santa Isabel, A Chaira, e aberta ao mundo!

QUE COMERÁ O REI? DE CÁNDIDO PAZÓ O VINDEIRO 5 DE MAIO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

QUE COMERÁ O REI? DE CÁNDIDO PAZÓ O VINDEIRO 5 DE MAIO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

O vindeiro 5 de maio, sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María programamos “Que comerá o rei?“, co actor Cándido Pazó.

Trátase dunha sesión de historias e contos inspirados en textos e debuxos de Castelao. Pazó, coa palabra como única ferramenta, procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil e o trazo delicado e potente do xenial artista e político galego.

O prezo do billete para poder presenciar este espectáculo é de 5 euros e pode reservarse escribindo acontacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao 698177621