LEMBRANZA DUN TEMPO PERDIDO

 

Quero fuxir

polo furado invisible

que se abre no tempo,

e que chora cos laios tristes do vento.

Quero fuxir

no cabalo negro da miña liberdade,

ir ó travesío das esferas do sono,

e darlle un novo nome ás miñas verbas

escritas en soidade…

Quero loitar contra os vellos pantasmas

da miña verdade,

reconstruír os meus pasos e o muro desfeito

que fica no tempo infinito do teu alento.

Quero comezar a vivir

entre as doces notas

dunha tenra melodía, que dan sentido

á cantiga que canto…

tristeira, dende a miña gorxa fonda.

Quero sentir de novo,

non renunciar ó que sinto,

por imposible que sexa…

e abrazar o que nun descoido debuxaches un día

entre liñas invisibles no meu corpo.

E na tenra caricia das túas mans frías,

cachiños de esquecemento

tatuados para sempre

na miña mirada… perdida.

(imaxe da rede) (versos do poemario :” rosa de outono”)

A casa dos avós

 

o lugar comesto polo dentame do silencio

entrar: un acto de reencontro con un mesmo

as pedras musitando

entre a fisura das tebras: o estertor do baleiro

posuíndonos

o cariz da estancia

unha ausencia impresa

e desmedida

nos adentros: a perfección

da xeometría dos espellos

ulcerados

como as contras: costuras de luz

como as ventas: transparencia de espectro

como o teito: límite de hélice

como o recordo: nicho de fundamento

airear unha casa: estercarse de luz

facendo levitar o instante

irmandar toda a poeira descarnada

matar a catarse

atopar algo que responda

entre o baluarte e o abismo

airear a casa dos avós

sempre foi

ollar o encarnado goleté da cerdeira

os torques dos castiñeiros

a fondura dun soño entre a proxección do val

volver ouvir

cantar as andoriñas

LATEXOS

 

 

Esta vez,

non fixo falta a lúa

para que prendera o lume

nos nosos ollos,

foi outro o culpable, o que fixo saltar

tódalas armaduras…

Ó mellor, foi a brisa morna

do solpor,

cun poñente de sol, tinguido de sangue,

non, non soupemos evitar tentacións,

e diante dos ollos dun sol fermoso,

fóronse unindo

as nosas mans e as nosas bocas,

prendidas as verbas, de desexo…

abrollaban dos nosos ollos.

Verbas caladiñas, ó ouvido,

silencios esnaquizados,

 

cada vez que no ceo, se acendía o sol,

na sacudida emocional das paixóns

calaron as verbas,

e falaron desafiantes… os sentidos,

bicándote, descubrín na túa entrega

toda a paz, e a harmonía do universo.

Entre o latexo

dos nosos corazóns namorados,

presos na rede que tece o desexo,

e cubreunos, a luz fermosa da alborada

mentres sentimos medrar,

o decisivo tremor da alma da terra,

marmurios do amencer,

e un bico de amor,

díxonos a cada un de nós,

o destino que tiñamos que seguir.

Voltaremos a cruzarnos,

e en cada chisco, estará a lembranza

que nos deixou aquela noite…

Esta é a mensaxe,

que levaremos presa no corazón,

será o contrato sen firma,

que nos unirá, xa para sempre…

(Debuxo de Isabel Pardo Martínez)

 

UTOPÍA

Doce melodía

que compoñen mans lizgairas

sobre a pel espida…

canto de serea

no baleiro da nostalxia,

corazón adormecido por tenras verbas.

Bágoas de brétema

na inmensidade dos tempos,

dos que xa non quero ter lembranza…

Bicos de soños,

na soidade desta alma baldía.

Lembranzas que perduran

na fondura

dun corazón adormecido.

E seguen a compoñer

esa doce melodía

que se escribe con bicos… no baleiro