A Chaira e Ferrolterra unidas coa poesía pola igualdade e contra a violencia machista.

A Chaira e Ferrolterra unidas coa poesía pola igualdade e contra a violencia machista.

POESÍA EN FEMININO

Así se chama a iniciativa que a Concellaría de igualdade de San Sadurniño organiza para o dia 16 de setembro ás 18:30 no patio do prazo municipal um recital poético musical no que ten unha importante participación a poesía chairega.

Varias das persoas integrantes da Nova Poesía Galega achegaranse a San Sadurniño para intervir neste evento que ten como finalidade visibilizar a creatividade literaria feminina e o seu compromiso pola igualdade e contra a violencia machista.

Ao evento asistirán da NPG Nova Poesia Guitirica, Xelo Teijido, Mar Beres, Pas Veres e Antón de Guizán,  así como os vilalbeses María  Xosé Lamas e Martiño Maseda, a poeta do rural de Quiroga Ana Vila Portomeñe e a  pontesa Silvia Pardo Galdo. Tamén estará a poeta de Labrada, Luz Campello García (NPG) que ademais de ser unha profesional no ámbito do social tamén acaba de publicar “Inventario do prohibido” no que se fai unha chamada á igualdade real entre mulleres e homes.

Todos e todas traerán os seus versos ao patio interior da Casa do Concello, onde tamén poderemos escoitar as interpretacións da nativa de San Sadurniño Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira. O acto pecharao a cantautora Sandra Tenreiro e como peche contaremos coa actuación da profesora de Guitiriz co seu último traballo “InfuSons”.

*Información achegada dende a asociación Os Vilares, Lareira de Soños.

Os Vilares, Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

ABRARGUER.

ABRANGUER.

Abranguer a mestura do aire, abecer das follas secas, pregoeiras dun segredo mensaxe da auga, brazos xungidos en abeiro resgardo, verdade dunha lenda, sombra dun agasallo, adro dunha igrexa afeito os oficios sagrados.

Escoitar a natureza salvaxe, un silencio detido na máis pura bágoa, andar pola terra nun aloumiño lunático.

Ambear un presaxio, cando o aburbullar da auga sae dun frío manancial.

Coitado ó celme en cabelo branco, estrollando os sentimentos que abranguen,  un feixe de palla .

Enfeite enebro dun doce devagar.

Ana Mar Fraga Rábade.

 

Comeza a rodaxe do documentário O Armeiro de Berulfe/A memória retratada

Comeza a rodaxe do documentário O Armeiro de Berulfe/A memória retratada

Comezou xa a rodaxe do segundo proxecto audiovisual de Os Vilares, Lareira de Soños que continuará nas vindeiro semanas.

Tralo éxito do primeiro, Entrar aos Vilares (finalista da #12MICE), dirixida por Cibrán Tenreiro é que sigue a percorrer Galiza, este segundo adentrase nunha época a través da figura do fotógrafo ambulante e polifacético José Lobeiras Gómez ‘O Armeiro de Berulfe’ que foi ademáis de retratista coñecido na comarca chairega de boa parte do século pasado, un homen de numerosos ofícios, como zoqueiro, ferreiro, sacamoas, barbeiro, xoieiro, iluminador de festas con peteománs, ebanista, o primeiro en poñer canalóns de cinz na zona, curandeiro, piloto e armeiro.

Os seus retratos de numerosas actividades deses tempos e as testemuñas de coñecidos serán o fío condutor deste novo traballo, dirixindo por Antón de Guizán e Luís de Fabete e coa colaboración de Moncho Fuentes (fotografía), Sandra Tenreiro (música), Maria Blanco (montaxe) e o asesoramento e supervisión de Cibrán Tenreiro (director de Entrar aos Vilares) e Bruno Pena (director de A Chave de Bascuas).

Imaxes de bautizos, vodas, enterros e mortos, feiras, postais, militares, nenos, mozas, festas e reunións familiares, retratos… Lembranzas de família e veciños, lugares vinculados ao Armeiro serán o “collage” audiovisual deste documentário que busca recuperar a figura deste “Leonardo” rural e a -memória retratada- dun tempo a través da mirada do Armeiro de Berulfe, o fotógrafo ambulante republicano dos Vilares de Diaz Castro, ao que tamén retratou.

Con este filme, que será estreado a comenzos do próximo ano, desenvolverase unha exposición é unha publicación sobre o seu traballo fotográfico.

*Adxuntamos imaxes de rodaxe e cartel.

*Información facilitada pola propia asociación Os Vilares, Lareira de Soños.

 

Os Vilares, Lareira de Soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

AVOA

AVOA.

Contáballe o neto na súa lingua, as páxinas dun libro xamais escrito, o quente nunha pobre lareira, en vellos bancos de madeira, ao carón dun pote de miseria.

Non esquezas a lingua que te funda, nestas raíces está a túa herdanza, non deixes fuxir a música do teu corazón, onde aluma a candea hai vida.

Para ti o xardín sempre ten flores, máis aló dos carrís da vida, garda o espírito dos homes bos, e contálle ao mundo que non se pode matar a liberdade.

Escribe no vértice da túa vida, cando os tembrorosos días se esgoten, alí está a verdade que a de vir, esgotáronse os lobos con pel de año.

Ti apalparás a liberdade escollida, nunha tépeda mazaroca de millo, que comerás o quente libremente, baixo ó sol que quenta a terra e fai xermolar a vida.

Vai para todas as avoas e avós que souberon ensinarnos a lingua que nos funda.

Ana Mar Fraga Rábade.

 

CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA

CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA

Na tarde de onte, conducido polo xornalista Xulio Xiz, celebrouse na Casa da Cultura do Concello de Vilalba o acto de presentación dos poemarios gañadores na pasada edición do Certame Literario que convoca o Concello de Vilalba. Refírome concretamente ás obras Telúrica de Xosé Otero Canto e Sonetos preposicionais de María Xosé Lamas, que acadaran o primeiro e o segundo premio, respectivamente. Un acto ateigado de xente que acudiu a escoitar na voz dos propios poetas algúns apuntamentos sobre cadanseus libros, ademais do recitado duns cantos poemas dos mesmos. Amenizou o acto o cuarteto musical Tuba e Dálle.

Velaí unhas imaxes que ilustran parte do acontecido onte:

Deseguido, fíxose pública na voz de Xulio Xiz, integrante do xurado, a acta coa resolución da XLIII Edición do Certame Literario de Vilalba, un dos máis lonxevos da Galiza, e agora ademais de maior contía económica, ao reducir o número de galardóns a un único premio, o cal se incrementa até os 7.000€. Lida a acta descubrimos que a obra gañadora neste 2017 foi ANTÍDOTO da escritora coruñesa Emma Pedreira Lombardía.

Emma Pedreira xa posúe unha ampla traxectoria literaria, non só en canto a premios acadados senón tamén no tocante a libros publicados. Por citar algúns datos que dean conta do anterior: Premio López Abente de Poesía con s/t, XIV Premio de Poesía Concello de Carral por Libro das mentiras, V Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño con Casa de orfas, IX Premio de Poesía Novacaixagalicia con Antítese da ruína, Premio Johán Carballeira por Velenarias, IV Premio Internacional de Poesía, “El Mejor Poema del Mundo”, co poema Lista da compra da viúva. Sen esquecermos títulos coma Corazón e demais tripas, Bestiario de silencios, Bibliópatas e fobólogos, etc.

 

Medre a Poesía!