Quero fuxir
polo furado invisible
que se abre no tempo,
e que chora cos laios tristes do vento.
Quero fuxir
no cabalo negro da miña liberdade,
ir ó travesío das esferas do sono,
e darlle un novo nome ás miñas verbas
escritas en soidade…
Quero loitar contra os vellos pantasmas
da miña verdade,
reconstruír os meus pasos e o muro desfeito
que fica no tempo infinito do teu alento.
Quero comezar a vivir
entre as doces notas
dunha tenra melodía, que dan sentido
á cantiga que canto…
tristeira, dende a miña gorxa fonda.
Quero sentir de novo,
non renunciar ó que sinto,
por imposible que sexa…
e abrazar o que nun descoido debuxaches un día
entre liñas invisibles no meu corpo.
E na tenra caricia das túas mans frías,
cachiños de esquecemento
tatuados para sempre
na miña mirada… perdida.
(imaxe da rede) (versos do poemario :” rosa de outono”)