o lugar comesto polo dentame do silencio

entrar: un acto de reencontro con un mesmo

as pedras musitando

entre a fisura das tebras: o estertor do baleiro

posuíndonos

o cariz da estancia

unha ausencia impresa

e desmedida

nos adentros: a perfección

da xeometría dos espellos

ulcerados

como as contras: costuras de luz

como as ventas: transparencia de espectro

como o teito: límite de hélice

como o recordo: nicho de fundamento

airear unha casa: estercarse de luz

facendo levitar o instante

irmandar toda a poeira descarnada

matar a catarse

atopar algo que responda

entre o baluarte e o abismo

airear a casa dos avós

sempre foi

ollar o encarnado goleté da cerdeira

os torques dos castiñeiros

a fondura dun soño entre a proxección do val

volver ouvir

cantar as andoriñas