OS FRESCOS DA IGREXA DOS VILARES

San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos Desamparados.

As orixes do templo datan do s. XII, se ben os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII.

No exterior o conxunto está formado por un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismales e un sarcófago. Támén existe un Calvario de tres cruceiros diante.

No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, da posible autoría do Mestre de Parga, que forman un ciclo ó longo dos muros da nave, con distintos temas, como o do enterro do Conde Orgaz. Descubertos no ano 1991, un ano máis tarde o profesor Monterroso elaborou un interesante traballo publicado no número 8 dos Cadernos de Estudos Mindonienses sobre estes murais.

O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversible.

Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo de San Vicenzo dos Vilares, centro de peregrinaxe senlleiro.

En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo. É por esto que a Asociación Sociocultural Lareira de soños ten encargado un proxecto e contactado coas entidades responsables para a consolidación, restauración e posterior posta en valor deste importante ben patrimonial, que sumado a outros elementos da contorna como os cobertizos da antiga Feira do Sete, a casa do Sindicato, a escola Habanera, o castro e os pozos cubertos, conforman un conxunto de moito valor e atractivo historico artístico.

A cultura e o patrimonio do rural chairego precisa desta actuación urxente. Así sexa.

Culturalia GZ publicará as VILARIÑAS

Culturalia GZ publicará as VILARIÑAS

 

CULTURALIA GZ publicará na súa páxina as <VILARIÑAS> participantes no 1°Certame de micropoesía da Chaira. Así o acordaron os organizadores, NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, Lareira de soños cos responsables do proxecto Culturalia GZ, que estreará con esta publicación unha sección de creación literaria.

Dase así cumprimento a un dos puntos das bases do certame que compromete a edición dos poemas nun blog ou páxina dixital.

Culturalia GZ, un proxecto de clara vocación literaria e cultural no que están involucrados creadores e estudosos da nosa cultura, establece desta maneira pontes de colaboración tamén con entidades que se distinguen polo seu traballo na sociedade, neste caso dúas das máis activas de Guitiriz e da Chaira, como son o grupo NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, parroquia de nacencia do poeta chairego Xosé María Díaz Castro, inspirador deste novidoso certame de <VILARIÑAS>. Este acordo é un exemplo de traballo cooperativo que suma para o conxunto e contribúe a difundir máis e mellor a xa grande produción poética na Terra Chá, tentando a participación a través de pequenos poemas daquelas persoas con inquedanzas poéticas non necesariamente especializadas.

É o primeiro de futuros acordos de traballo en común aberto a sumar outras entidades que atopen neste soporte un recurso acaído aos seus proxectos e actvidades. Co remate do prazo de recepción de <VILARIÑAS>, o día 31 de marzo e unha vez que o xurado decida cales son os micropoemas gañadores, todas as <VILARIÑAS> poderán ser lidas en rigurosa estrea no CULTURALIA GZ.

 

 

“O meu corpo será semente”

Corpo espido, sen alma, así o sinto,
pendurado do máis alto dunha negra nube,
abalado polo aire que me leva,
que me arrastra sen pausa, sen clemencia,
o meu corpo baleiro de esencia, de materia,
ficará asionllado neste solpor,
xa non tén maxia, nin dozura,
tornouse transparente, coma unha pinga de auga,
onde o musgo fai fogar…
sinto abrochar as follas verdes
nas miñas mans de orballo,
e pequerrechiñas as flores, nacen unha tras outra,
na punta das miñas pálpebras durmidas,
estes ollos que ficarán pechados para o mundo e
abertos somentes para tí,
na inmensidade dos tempos esquencidos.

Corpo baleiro de soños e de risas,
arrastrado polo chan da lembranza
coma unha folla seca, murchia, sen rumbo,
coma unha bolboreta coas ás molladas pola chuvia,
pola neve,
así as miñas ás permanecerán molladas, á carón do chan
polo que tí camiñas,
na lama dos carreiros, e nos prados, cubertos de flores,
o meu corpo será semente á primavera…
para preñar de vida… as leiras da nosa terra.

 

Vizoso, o artista das mil mañas

Xosé Vizoso

O sábado, 25 de marzo, honramos como se merece a Xosé Vizoso en Mondoñedo. Preséntase unha publicación colectánea da súa obra, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación, o concello mindoniense entrégalle os distintivos de Fillo Predilecto e arredor de 200 persoas procedentes de toda Galicia compartiremos co artista acto e mantel.

Na publicación, “Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo”, colaboran case en cento de persoas con artigos que, amais dunha sinopse biográfica, analizan as diferentes facianas da súa ampla e excelente obra (ilustrador, escultor, cartelista,  deseñador, escenógrafo, retratista, muralista …). Desde os primeiros pasos do pícaro que debuxaba cabalos na Fonte Vella ata o Vizoso con obra arrombada e encarpetada, que merece e debe ser coñecida, esparexida polo seu estudio de Brión. Completa o libro un coral capítulo de “agarimos”, 75 apertas en verso, en prosa ou debuxadas, asinadas por amigas e amigos do ancho mundo que Vizoso conquistou co seu sorriso.

O Castro, Sargadelos e o IGI saben da pericia deste moldeador de soños, do creador de formas que dedicou  a súa vida profesional a colaborar na construción da ilusión ideada por Seoane e Díaz Pardo. Máis alá deste reduto da intelixencia estética do país, Vizoso iluminou libros, empapelou paredes con carteis inconfundibles, esculpiu e murou con fermosas imaxes as nosas vidas. Puxo en papel, tantas veces nun humilde pano de mesa, o xesto de ducias de rostros e deu vida a numerosos escenarios teatrais.

Antes de rematar este bosquexo apurado do noso artista, e de convidarvos ao acto de homenaxe, debo desvelar  un segredo que explica o das mil mañas que se lle apoñen. O Vizoso que todos coñecedes, o artista refinado e elegante, o que desde diferentes propostas e soportes tratou de dotar a cada unha das obras nas que puxo a mente e as mans dunha singularidade ética e estética, o que contribuíu así á xestación dun repertorio icónico anovado para a arte galega, ten, cando menos, un segredo.

Cóntovos. En cada obra do Vizoso habita un ser do seu imaxinario particular; un ser creado e pintado por el. Pode ser un demachiño, un encanto, un trasno, un Velagullas, unha serea … unha criatura con aparencia inocente, camuflada nun ollo ou nunha flor,  tras dunha folla ou dun crecho,  e que nos espía desde dentro das súas obras sen que nós nos decatemos. Ese ser que nos observa, incluso pode que nos chisque o ollo, arquiva un montón de información sobre o incauto ou incauta e pásalla directamente, sen intermediarios, a Vizoso.

Grazas a esa estratexia, a eses dixomedíxomes que el pinta nas súas obras, é quen Vizoso de atender con tanto acerto os noso gustos cando deseña, debuxa, ilustra ou retrata! Ese é o seu truco, a verdadeira razón pola que nos ten entusiasmados! Coñece de antemán o que nos gusta e como a súa intención foi sempre a de ternos contentos e felices, faino e punto.

Gran artista e mellor xente este Vizoso!

©Antonio Reigosa

CHAIRA OUTONO

Silencio ancestrai, Universo nun poema, flor dunha esperanza máxica, dun outono derradeiro, estrela dun soño ao carón da lembranza, cunha soidade que viaxa no tempo, man esperando a inmortalidade.

Ousadia da vida, camiño que soña, con árbores de follas que fan música, deserto cunha máxica liberdade.

Bágoas da alma na soedade dun cristal, lúa baleira, néboa e orballo, río que leva un doce son na auga, chaira das meigas, pasaxes que durmen sentadas nun poema.

Ana Mar Fraga Rábade.