Xosé Vizoso

O sábado, 25 de marzo, honramos como se merece a Xosé Vizoso en Mondoñedo. Preséntase unha publicación colectánea da súa obra, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación, o concello mindoniense entrégalle os distintivos de Fillo Predilecto e arredor de 200 persoas procedentes de toda Galicia compartiremos co artista acto e mantel.

Na publicación, “Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo”, colaboran case en cento de persoas con artigos que, amais dunha sinopse biográfica, analizan as diferentes facianas da súa ampla e excelente obra (ilustrador, escultor, cartelista,  deseñador, escenógrafo, retratista, muralista …). Desde os primeiros pasos do pícaro que debuxaba cabalos na Fonte Vella ata o Vizoso con obra arrombada e encarpetada, que merece e debe ser coñecida, esparexida polo seu estudio de Brión. Completa o libro un coral capítulo de “agarimos”, 75 apertas en verso, en prosa ou debuxadas, asinadas por amigas e amigos do ancho mundo que Vizoso conquistou co seu sorriso.

O Castro, Sargadelos e o IGI saben da pericia deste moldeador de soños, do creador de formas que dedicou  a súa vida profesional a colaborar na construción da ilusión ideada por Seoane e Díaz Pardo. Máis alá deste reduto da intelixencia estética do país, Vizoso iluminou libros, empapelou paredes con carteis inconfundibles, esculpiu e murou con fermosas imaxes as nosas vidas. Puxo en papel, tantas veces nun humilde pano de mesa, o xesto de ducias de rostros e deu vida a numerosos escenarios teatrais.

Antes de rematar este bosquexo apurado do noso artista, e de convidarvos ao acto de homenaxe, debo desvelar  un segredo que explica o das mil mañas que se lle apoñen. O Vizoso que todos coñecedes, o artista refinado e elegante, o que desde diferentes propostas e soportes tratou de dotar a cada unha das obras nas que puxo a mente e as mans dunha singularidade ética e estética, o que contribuíu así á xestación dun repertorio icónico anovado para a arte galega, ten, cando menos, un segredo.

Cóntovos. En cada obra do Vizoso habita un ser do seu imaxinario particular; un ser creado e pintado por el. Pode ser un demachiño, un encanto, un trasno, un Velagullas, unha serea … unha criatura con aparencia inocente, camuflada nun ollo ou nunha flor,  tras dunha folla ou dun crecho,  e que nos espía desde dentro das súas obras sen que nós nos decatemos. Ese ser que nos observa, incluso pode que nos chisque o ollo, arquiva un montón de información sobre o incauto ou incauta e pásalla directamente, sen intermediarios, a Vizoso.

Grazas a esa estratexia, a eses dixomedíxomes que el pinta nas súas obras, é quen Vizoso de atender con tanto acerto os noso gustos cando deseña, debuxa, ilustra ou retrata! Ese é o seu truco, a verdadeira razón pola que nos ten entusiasmados! Coñece de antemán o que nos gusta e como a súa intención foi sempre a de ternos contentos e felices, faino e punto.

Gran artista e mellor xente este Vizoso!

©Antonio Reigosa