MusicAD

A Deputación de Lugo leva á Capela de Santa María 5 concertos de música gratuítos co novo MusicAD. Nesta ocasión a programación musical​ ​achega 5 actuacións cada sábado do mes de marzo, comezando o vindeiro día 4 cun concerto da violenchelista lucense Rosa Cedrón, que durante varios anos foi a voz do grupo folk Luar na Lubre; e rematando o 25 de marzo co dúo Davide Salvado e Pedro Pascual que interpretarán Lobos, o seu último traballo.​ ​

Todos os concertos desenvolveranse na Sala de exposicións da Capela de Santa María a partir das 20:30 horas. As entradas serán totalmente de balde, e poderanse recoller na propia Capela de Santa María; aínda que haberá que averiguar como facelo no número de teléfono 982210066.

Tamén se poderá ampliar información na propia web da Deputación de Lugo. Ou, de xeito resumido, no seguinte cartel anunciador

Descargar (PDF, 2.36MB)

Fallo do II Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro

Fallo do II Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro

O poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco resultou gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz. O xurado formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo tomaron tal decisión esta mesma tarde. Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.

 

*Autoría da fotografía: Alessandro Ardovini (2012)

Airiños de Rosalía

Ou a historia de como os versos de Rosalía de Castro viaxaron no fardel da memoria de Dolores Iglesias desde Mondoñedo ata Arxentina nas primeiras décadas do século XX.

Seguímoslle o rastro a un anuncio que publicaba no seu perfil de facebook o amigo e incansable pescudador de historias mindonienses, Cidre Fernández. Do cartel chaman a atención dous detalles: que a foto de fondo reproduce a fachada da catedral de Mondoñedo e que o texto anuncia os lugares onde se pode mercar en Bos Aires unha novela da autoría de Manuel Vázquez que leva por título “Lola, del Coto de Otero”. A foto e a mención ao lugar do Couto, ou Couto de Otero, que é o nome dun barrio próximo á cidade onde en tempos houbo unha próspera industria de olaría e onde aínda se ergue oufano o Pazo de San Isidro, conducen, inevitablemente, a Mondoñedo.
Grazas a internet descubrimos que a novela foi presentada publicamente o 12 de decembro de 2014 en Pilar, unha núcleo urbano a uns cincuenta quilómetros ao norte da cidade de Bos Aires.
O texto promocional da editora non especula: “ Hija ilegítima de un caballero de fortuna, Lolita vivió junto a su madre una niñez y juventud en que la discriminación social la marcó para siempre en aquel Mondoñedo prejuicioso y pueblerino de principios del siglo XX”. E máis adiante “ … pero ella llegó sola, con el recuerdo de sus bosques poblados de magia y con los versos de Rosalía de Castro sonando en sus oídos junto al dulce lamento de las gaitas”.

Na portada do libro aparece a moza Dolores, de pé e apoiándose nun lateral dun sofá, posando para a ocasión nunha foto de estudo típica da época. Na contracapa outra foto, esta de Dolores coa súa nai Josefa, noutro posado que semella ser do mesmo estudo e probablemente na mesma data que a anterior.

Manuel Vázquez

Urxía pórse en contacto co autor da novela e así o fixemos. Manuel Vázquez é o máis vello dos catro netos de Lola e o que máis conviviu coa avoa. É profesor de literatura e escritor. Ademais desta novela, a primeira que publica, asina dous tomos baixo o título “Mitos y leyendas de Pilar” que tiveron, conxuntamente coa novela, presentación especial na Feira do Libro de Bos Aires.

O intercambio de información con Manuel Vázquez foi fluído, sempre atento a responder o que sabe, que non é todo. Facilitounos toda a documentación da que dispón (partida de nacemento, pasaporte, permisos e copia dos certificados pertinentes para emigrar), e mesmo nos informou de como tiveron que agardar a que morrese a avoa para descubrir, por exemplo, que era filla de nai solteira.
Por testemuño oral dalgúns familiares do marido de Lola e avó de Manuel deducen que o pai ben puidera ser algún mozo de familia acomodada que ignorou a nai e tamén á filla.

Lola Iglesias

Por Manuel e polos documentos que nos amosa sabemos que Lola, Dolores Iglesias Fernández, naceu nos Samordás, en Galgao, parroquia do concello de Abadín, o 30 de novembro de 1889, onde foi bautizada o día 1 de decembro. Era a única filla e de pai descoñecido de Josefa Iglesias Fernández, muller natural da parroquia de Romariz do mesmo concello e veciña xa entón da parroquia do Carme en Mondoñedo. Non se sabe cando comezaron a vivir nai e filla no Couto de Otero, é probable que tamén vivisen no barrio dos Muíños onde Lola, segundo Manuel, deixou amigos. Pola razón que fose, e que os netos descoñecen, en 1922, cando contaba 32 anos, Lola preparou os papeis e decidiu marchar para Bos Aires.

Cruzou o Atlántico soa. A carta de identidade di que era solteira, que non constan antecedentes, que tiña os ollos castaños, e que está sa sen imperfeccións destacables. O consignatario da Compañía The Royal Mail Steam Packet Company na Coruña autoriza o embarque para o día 24 de setembro de 1922 con destino a Bos Aires. Uns días antes, o alcalde accidental de Mondoñedo, Antonio Pardeiro, expide un documento onde asegura que Lola nin se dedicou á mendicidade, nin atentou contra a orde pública, que se dedicou só aos seus labores e que posúe ideas sans. Outros documentos necesarios para poder emigrar aseguran que non cometeu delitos e que é apta para o traballo.
En Bos Aires viviu un tempo na casa dun paisano de Mondoñedo chamado Luis Basanta. Casou con Manuel Vázquez, un asturiano de Mieres que era labrador, e tiveron un único fillo que morreu hai algo máis de 25 anos. Dolores e Manuel mercaron unha propiedade e dedicáronse a cultivar e vender o que producían.

Manuel non chegou a coñecer o avó asturiano que, segundo conta, morreu por un “ataque de presión” (hipertensión). Lola, xa viúva, vendeu a chacra (finca) e a partir dese momento sostívose coas rendas obtidas dunhas vivendas que tiña alugadas. E tamén dos tecidos que fabricaba ao ganchillo e facendo encaixes de bolillo. Lola morreu con 84 anos na cidade de Zárate, onde residía, o 17 de decembro de 1973.

Memoria de Mondoñedo

Manuel Vázquez viaxou a Mondoñedo en maio de 2014 e en xaneiro de 2017. Foi nestas viaxes cando puido contrastar o que lle contara a avoa daquel Mondoñedo dos primeiros anos do século XX e do que nunca saíra ata que pegou o chimpo transoceánico. As canles dos Muíños, a catedral, a igrexa da parroquia do Carme e o seu camposanto, onde está enterrada Josefa, a nai de Lola …
Manuel dinos que en Mondoñedo, “fermosa cidade”, foi moi ben atendido por todas as persoas coas que procurou información e asegúranos que Dolores Iglesias era posuidora dunha educación excelente, incluso sorprendente para a época. Dinos que lía moito desde pequena, e que o fixera toda a vida, que coñecía e cantaba fragmentos de zarzuela, o que lles fai supoñer que acudía a espectáculos e función teatrais, probablemente en ambas beiras.

O neto Manuel intúe que se Lola puidese ler este artigo diría unha frase que lles soía repetir: Xa andaches falando de min, lambón!

Lola e os versos de Rosalía de Castro

Manuel Vázquez non resolve, non pode facelo, moito máis dos numerosos enigmas da biografía da súa avoa. Na súa novela “Lola, del Coto de Otero” completa coa ficción o que non puido documentar, o que seguramente cómpre a unha vida, unha de tantas, que precisaba resetear (borrar da memoria), experiencias amargas.

En calquera caso, e curiosamente, a avoa Lola “nunca quiso que aprendiéramos a hablar gallego, aunque sí me enseñó, siendo niños, a recitar de memoria algunos poemas de Rosalía de Castro”. “La abuela lo canturreaba incluso. Aún me parece recordar la melodía. ¡Y de esto hace más de cincuenta años!”

Airiños, airiños, aires / Airiños da miña terra / Airiños, airiños, aires / Airiños levaime a ela!

Non permitás que aquí morra / airiños da miña terra / que inda penso que de morta / hei de sospirar por ela.

Suspiros rosalianos que un día de setembro de 1922 viaxaron de Mondoñedo a Bos Aires e que agora regresan pola maxia da palabra.

© Antonio Reigosa

COVARDES SUPERHEROIS

COVARDES SUPERHEROIS
Recoñezo ben a hipocresía
véxoa cada día en estado puro
neste visceral espertar
de agullas e galenos
que andan a aldraxarme
o corpo hinchado
coa alma cansada pola dor
de ver cada día máis
estupidez colectiva xunta.
Neste espertar de realidade
e pos-verdade significativo,
de rodillas,
ante os burócratas amansados,
xuíces e administrativos
que agardan polas motivacións
ben obxectivadas
cunha dialéctica propia do medievo
e agardando só a cobrar
a nómina a fin de mes
mentres arbitran entre a subxectividade
e as probas literales.

Recoñezo ben a hipocresía
predicada por mediocres
e covardes ben acomodados
covardes tras pancartas
de partidos proletarios
que un día nos venderon
o fume da democracia
cando xa estaban virados
a neoliberales católico-conservadores
de bonos, complementos e derivados.
Mirade, honestamente
estou farta…
pido silencio no nome da liberdade
de expresión e no meu propio nome
a tódolos marulos
que nos entreteñen
cos seus dogmas de telediario
e fan xogos malabares coas palabras
mentres, afogan miles de almas
no mediterráneo
e os cowboys imperialistas
bombardean pobos e civilizacións
para probar a súa mercadoría
armamentistica.
Que lles importa
a quen lle importa,
a nos tocounos
hai oitenta anos e aínda
estamos a buscalos mortos asasinados
por mans covardes e falanxistas,
hai unha pila de covardes
dirixindo o mundo
xogando a ser superherois.
Mentres a indecencia vestida
con roupa de marca viola, maltrata e asasina
a miles de nenos e mulleres cada día
ao carón das nosas casas.
Coñezo ben aos covardes
medrei ao carón dalgúns
polos que agora nos sinto
nin sequera indeferencia.
PILAR MASEDA

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Día de Rosalía de Castro

Publicado: Mércores 8 Febreiro 2017
Area: Cultura Eventos

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Polo tanto, o vindeiro 24 de febreiro ás 20h na Casa da Cultura de Vilalba, a Área de Cultura do Concello de Vilalba e mais o portal dixital Culturalia GZ, en colaboración coa propia AELG, van organizar unha lectura pública e continuada de textos de Rosalía de Castro. E para iso convocan a distintos colectivos vilalbeses e á cidadanía, en xeral, a participar en dito acto de lectura de textos rosalianos