CULTURALIA GZ publicará na súa páxina as <VILARIÑAS> participantes no 1°Certame de micropoesía da Chaira. Así o acordaron os organizadores, NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, Lareira de soños cos responsables do proxecto Culturalia GZ, que estreará con esta publicación unha sección de creación literaria.
Dase así cumprimento a un dos puntos das bases do certame que compromete a edición dos poemas nun blog ou páxina dixital.
Culturalia GZ, un proxecto de clara vocación literaria e cultural no que están involucrados creadores e estudosos da nosa cultura, establece desta maneira pontes de colaboración tamén con entidades que se distinguen polo seu traballo na sociedade, neste caso dúas das máis activas de Guitiriz e da Chaira, como son o grupo NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, parroquia de nacencia do poeta chairego Xosé María Díaz Castro, inspirador deste novidoso certame de <VILARIÑAS>. Este acordo é un exemplo de traballo cooperativo que suma para o conxunto e contribúe a difundir máis e mellor a xa grande produción poética na Terra Chá, tentando a participación a través de pequenos poemas daquelas persoas con inquedanzas poéticas non necesariamente especializadas.
É o primeiro de futuros acordos de traballo en común aberto a sumar outras entidades que atopen neste soporte un recurso acaído aos seus proxectos e actvidades. Co remate do prazo de recepción de <VILARIÑAS>, o día 31 de marzo e unha vez que o xurado decida cales son os micropoemas gañadores, todas as <VILARIÑAS> poderán ser lidas en rigurosa estrea no CULTURALIA GZ.