COVARDES SUPERHEROIS
Recoñezo ben a hipocresía
véxoa cada día en estado puro
neste visceral espertar
de agullas e galenos
que andan a aldraxarme
o corpo hinchado
coa alma cansada pola dor
de ver cada día máis
estupidez colectiva xunta.
Neste espertar de realidade
e pos-verdade significativo,
de rodillas,
ante os burócratas amansados,
xuíces e administrativos
que agardan polas motivacións
ben obxectivadas
cunha dialéctica propia do medievo
e agardando só a cobrar
a nómina a fin de mes
mentres arbitran entre a subxectividade
e as probas literales.

Recoñezo ben a hipocresía
predicada por mediocres
e covardes ben acomodados
covardes tras pancartas
de partidos proletarios
que un día nos venderon
o fume da democracia
cando xa estaban virados
a neoliberales católico-conservadores
de bonos, complementos e derivados.
Mirade, honestamente
estou farta…
pido silencio no nome da liberdade
de expresión e no meu propio nome
a tódolos marulos
que nos entreteñen
cos seus dogmas de telediario
e fan xogos malabares coas palabras
mentres, afogan miles de almas
no mediterráneo
e os cowboys imperialistas
bombardean pobos e civilizacións
para probar a súa mercadoría
armamentistica.
Que lles importa
a quen lle importa,
a nos tocounos
hai oitenta anos e aínda
estamos a buscalos mortos asasinados
por mans covardes e falanxistas,
hai unha pila de covardes
dirixindo o mundo
xogando a ser superherois.
Mentres a indecencia vestida
con roupa de marca viola, maltrata e asasina
a miles de nenos e mulleres cada día
ao carón das nosas casas.
Coñezo ben aos covardes
medrei ao carón dalgúns
polos que agora nos sinto
nin sequera indeferencia.
PILAR MASEDA