DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Día de Rosalía de Castro

Publicado: Mércores 8 Febreiro 2017
Area: Cultura Eventos

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Polo tanto, o vindeiro 24 de febreiro ás 20h na Casa da Cultura de Vilalba, a Área de Cultura do Concello de Vilalba e mais o portal dixital Culturalia GZ, en colaboración coa propia AELG, van organizar unha lectura pública e continuada de textos de Rosalía de Castro. E para iso convocan a distintos colectivos vilalbeses e á cidadanía, en xeral, a participar en dito acto de lectura de textos rosalianos

O PESO DA CULPA

O PESO DA CULPA

Sentiuse débil, vulnerábel coma un raparigo que viña de perder algo moi prezado e que, por máis que teimase, xa non conseguiría substituír. Moi dentro de si, desexaba que aquilo nunca tivese acontecido. Ollaba para ela alí tirada, talvez nun estado semellante ao dun moribundo. Nin sequera ousaba situarse á súa beira. De lonxe, cismaba no que podía sucederlle en canto descubrisen aquel delito. Seu pai, un experto avogado, xa lle tiña advertido que cando alguén cometía un quebrantamento da lei, xulgábano e, se resultaba condenado, obrigábano a cumprir unha pena, incluso de prisión. Imbuído naquel nefasto pensamento estremeceuse o seu corpo, igual ca un xunco. Sobre todo, pola carga tremebunda adherida a cada sílaba do substantivo ‘prisión’. A súa cabeza negou varias veces nun aceno de desesperación. De ningún xeito aturaría tal repulsivo castigo. Odiaba comparecer diante dun xuíz, que, con seguridade, fitaría para el coa mirada severa dun individuo castigador e, ao descubrir a súa culpa, non amosaría ningunha clemencia cara a el. E, para rematar, sentenciaría o seu ingreso no cárcere, sen posibilidade de fianza nin de outra clase de redención. Ademais, a opinión destrutiva que se iría conformando no pensamento da xente que o coñecía e que, antes de saber do seu delito, o tiñan por unha boa persoa, arruinaría a súa incipiente reputación. Daquela, cavilou nun rumbo distinto para o seu futuro. Definitivamente, non tiña necesidade de enfrontarse ás poutas depredadoras da xustiza. Con determinación, mais guiado pola prudencia do sixilo, apañou os anacos da figura de porcelana que escachara ao caerlle das mans, carretounos nunha presada polo sombrizo corredor que o encamiñaba até a cociña, onde se apurou a agochalos con cautelosa malicia no fondo do caldeiro do lixo.