RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xosè Abeledo)

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xosè Abeledo)

Nesa esquina non equivocada

 

Cada noite pronunciaba

o prohibido do tacto

 

A memoria necesaria

de comerse cos dedos

 

Ser cada pequeno e húmido poro

dun tranvía

subitamente invadido

de pluma e carne adolescente

 

Camiñar polas rúas

non haber ninguén

abrazar a doce ereción da lúa.

 

 

Xmac. No Eume. 15-setembro-2017.
Poema para Poesía en Feminino (San Sadurniño)
Fotografía de Malena Carballo.

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xelo Teijido)

CALADA E QUEDA

El bate fortemente nela.

Malleira tras malleira,

Ela agarda calada e queda

Por un mañá mellor

Que nunca chega…

 

A dor é a partes iguais

Física e psicolóxica,

As verbas firen a ialma,

E ela aguanta a malleira verbal,

Noutrora golpes físicos inmemorábeis.

 

El faina sentir desprezábel e ruín,

Mais ela afoga os berros no silencio,

Agardando calada e queda

Por un mañá mellor

Que nunca chega.

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Pas Veres)

Voei como a laberca

coas teas de neboa branca

ben cinguidas, ben pretas.

O gando novo nos penedos

día a día vai pasando,

van pacendo, van medrando.

Voei como a laberca

coas lendas das lagoas,

das augas, das penas.

Voei como a laberca

ben lixeira

baleira

voei

como a laberca

Voei…

 

Pas Veres

MEA CULPA

Son culpábel…

porque pertenzo á caste do macho

que domina a terra

co seu brazo de lume

e o seu verbo tiránico

 

 

porque vou na ralea dos opresores

que constrúen campos de concentración

para encarcerar a disidencia

dos seres libres

 

porque sentencio a morte

cos ollos abertos

e sen escoitar os laios

do ser maltratado

e des que xace morto

lavo as mans

na inocencia do seu sangue

 

porque cando declaro QUERER

non digo AMAR

digo POSUÍR

digo ASOBALLAR

digo PROHIBIR

digo NON SER

 

Son culpábel…

porque nacín home

na oligarquía dos homes

onde a igualdade é unha mentira

proclamada en leis

prostituídas por homes

onde as palabras só teñen semántica

na lingua dos homes

onde, ti, muller, vives en estado

de excepción vilmente declarado

pola autocracia dos homes

 

Son culpábel…

mais busco redención

neste circundo global

afogado polo alento do home

 

Son culpábel…

 

MEA CULPA, Martiño Maseda

Setembro 2016