Son culpábel…

porque pertenzo á caste do macho

que domina a terra

co seu brazo de lume

e o seu verbo tiránico

 

 

porque vou na ralea dos opresores

que constrúen campos de concentración

para encarcerar a disidencia

dos seres libres

 

porque sentencio a morte

cos ollos abertos

e sen escoitar os laios

do ser maltratado

e des que xace morto

lavo as mans

na inocencia do seu sangue

 

porque cando declaro QUERER

non digo AMAR

digo POSUÍR

digo ASOBALLAR

digo PROHIBIR

digo NON SER

 

Son culpábel…

porque nacín home

na oligarquía dos homes

onde a igualdade é unha mentira

proclamada en leis

prostituídas por homes

onde as palabras só teñen semántica

na lingua dos homes

onde, ti, muller, vives en estado

de excepción vilmente declarado

pola autocracia dos homes

 

Son culpábel…

mais busco redención

neste circundo global

afogado polo alento do home

 

Son culpábel…

 

MEA CULPA, Martiño Maseda

Setembro 2016