Patricia Torrado Queiruga, As flores dunha primavera extinta

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

As flores dunha primavera extinta

Unha muller colle da man a unha nena, pequena, duns cinco ou seis anos. Óllanse e sorrinse, unha porque a quere ensinar, a outra porque goza do que comparten. O primeiriño é apañar as flores que medran cando xa se extinguiu a primavera, cando xa as árbores perden a súa cor. Os monllos dispostos sobre o banco de pedra da casa vella, o gato rebuldeiro frétase coas floriñas que quedaron sobre o mandil da avoa, ela coa fouce cortou un anaco de xesta para tecela e logo espetar flor a flor as cores do recordo nunha coroa festiva.

Cando eramos cativas, os cemiterios eran un lugar para mulleres, as avoas, nais, irmás, fillas, parellas, eramos as que limpaban nichos e sepulturas, as que colleitabamos as flores, facíamos os arranxos, as que acendíamos as candeas, as que rezábamos todo o que nos ensinaran outras antes ca nós sen cuestionar crenzas, versículos ou tradicións, as que levabamos xs máis pequenxs con colares de zonchos; por cada castaña, unha ánima liberada.

Eu son das que volve aos cemiterios, porque son lugares que no mesmo silencio falan aos catro ventos de historias malogradas, de soños e esperanzas, de amizade, de amor. Son das que esculca con curiosidade, porque as mans e as olladas de quen por alí discorre tamén fala do mundo que somos e do mundo que formamos.

De cativa, a avoa falaba coa sogra cando lle limpaba a sepultura, un resumo anual devagar neses intres que compartían unha coa lembranza da outra. Sempre me chamou a atención que a avoa se fixese cargo da sepultura da sogra e non da de súa nai, da que se ocupaba a súa cuñada, o herdo da memoria ía sempre de muller a muller, custodias vivas dos recordos dos que xa non estaban. Eu agora falo co avó cando limpo a súa sepultura e a través da friaxe da pedra mándolle a pouca quentura que podo a aqueles ósos que quixen tanto, porque me sei  vixía dos seus recordos, herdeira de segredos, loitas e medos; é por iso que o meu fillo fala do bisavó como se o tivese coñecido, aleitar no recordo é tamén un herdo feminino.