por martinho | Feb 7, 2023 | Creación, Literaria, Novas, Xeral
Este sábado, 11 de febreiro, ás 19 horas, preséntase na Casa-Museo Manuel María o libro de María Xosé Lamas, Un corvo en Caldaloba.
A autora, xunto a Antón de Guizán (de Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños), introducirá aos asistentes nesta peza teatral escrita sobre os feitos decorridos na torre de Caldaloba no século XV e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. Unha peza teatral para gozar da súa lectura, e da súa representación, reivindicando un anaco da historia de Galiza e a recuperación da torre, como distintas entidades chairegas e lucenses reclaman, fronte ao seu deterioro e esquecemento.
A entrada será libre.
Outras actividades previstas para o mes de febreiro:
-Sábado, 18 de febreiro, ás 20 horas, e previo ao día de Rosalía, a Casa-Museo Manuel María terá o privilexio de contar coa representación da exitosa peza de Xúlio Lago e María Barcala (Teatro do Atlántico) Libre coma paxaros. Esta obra teatral é un percurso polo pensamento e a palabra de Rosalía. Será necesario reservar (billete 5 euros).
-Sábado, 25 de febreiro, ás 20 horas, De Ninghures en concerto, presentarán o seu traballo “Aquí”. Oito mozos e mozas de diversas do noso país que desfrutan tocando xuntas as músicas de raíz cun grande variedade de instrumentos. Será necesario reservar (billete 5 euros).
por martinho | Ene 23, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O IESCHA organiza o acto de Conversa con Germán Castro, ao redor de Ángeles Alvariño, que terá lugar o vindeiro venres 27 de xaneiro, ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Vilalba.
NOTA_INFORMATIVA_GERMAN-CASTRO
por martinho | Mar 12, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro venres 18 de marzo de 2022, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro de María Xosé Lamas “Un corvo en Caldaloba”, obra de teatro publicada polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba.
NOTA_INFORMATIVA_UN-CORVO-EN-CALDALOBA
por María Xosé Lamas | Oct 17, 2017 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Cinsas, no cumio do desespero,
alí onde a vida xa non conta.
Grisalla orballando sobre a seca,
tinguindo de neutro os xéneros,
silenciando os matices na escoita
da monodia alporizada das charetas.
Cinsas de naturezas máis ca mortas…
cadaleitos de fragas,
mortalla de carqueixas,
velorios coas candeas acesas
alumeando as bágoas máis discretas,
resignadas ao comezo da nada
co salouco afumado no aire denso.
Cinsas no remol aínda quente das sospeitas
que adoecen no profundo das conciencias
e afondan con trades e coitelos
nutrindo unha utópica vinganza
coas armas da impotencia.
Cinsas que xamais agocharán os versos
coa choiva máis ansiada dos/as poetas.
*Autoría da Imaxe: Faro de Vigo
por María Xosé Lamas | Oct 9, 2017 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Un verso en memoria de Xohana Torres ” Nós tamén navegar” deu nome a un Congreso sobre os últimos 40 anos de poesía galega que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra durante os días 6 e 7 de outubro.
Creadoras, analistas, críticas e, sobre todo, poetas que concordaron en que, adoptando calquera das súas múltiples formas, hoxe máis ca nunca, a poesía é necesaria.
Medre, pois, a POESÍA!
Velaí unha pequena galería fotográfica que reflicte momentos de dito acto: