Cinsas, no cumio do desespero,
alí onde a vida xa non conta.
Grisalla orballando sobre a seca,
tinguindo de neutro os xéneros,
silenciando os matices na escoita
da monodia alporizada das charetas.
Cinsas de naturezas máis ca mortas…
cadaleitos de fragas,
mortalla de carqueixas,
velorios coas candeas acesas
alumeando as bágoas máis discretas,
resignadas ao comezo da nada
co salouco afumado no aire denso.
Cinsas no remol aínda quente das sospeitas
que adoecen no profundo das conciencias
e afondan con trades e coitelos
nutrindo unha utópica vinganza
coas armas da impotencia.
Cinsas que xamais agocharán os versos
coa choiva máis ansiada dos/as poetas.
*Autoría da Imaxe: Faro de Vigo