IEU.- Proxecto Flora da Ulloa: Excursión botánica aos ríos Ulla e Ferreira o sábado 15 de febreiro

O IEU retoma o proxecto FLORA DA ULLOA con novas excursións centradas en coñecer as plantas máis raras e ameazadas da Ulloa, como desculpa para seguir coñecendo a comarca e o conxunto da súa flora. O inverno está fraquiño e o impulso primaveral asoma por varias frontes; os amarelles ou narcisos son do máis propio deste tempo
Á mañá, de forma máis divulgativa e mediante un paseo accesible a calquera, visitarase A Peneda para coñecer e valorar a poboación do Narcissus cyclamineus, un narciso exclusivo da Galicia atlántica e norte de Portugal, do que só coñecemos esta poboación na Ulloa, no seu limite leste da área de distribución.
Á tarde procurarase a especie, e o que se tercie, na ribeira do Ferreira (sábese dunha poboación xa no concello de Guntín), só para espíritos e pernas aventureiras, nunha das zonas máis salvaxes e inaccesibles da Ulloa.
As persoas participantes deben avisar a súa asistencia para a xeira da tarde.

IEU.- Exposición de Correa Corredoira no Castelo de Pambre

O sábado 8 de febreiro ás 12,30 h, terá lugar a exposición de Correa-Corredoira que o Instituto de Estudos Ulloáns organiza no castelo de Pambre (Palas de Rei) e que permanecerá instalada ata o 3 de abril de 2020. A exposición de Correa Corredoira “Pintor no Taller”, comisariada por Braulio Vilariño, é a primeira dunha serie de exposicións dos artistas que integraron o grupo Atlántica e que finalizará no outono cunha retrospectiva de todo o grupo.

Estas exposicións de arte contemporánea galega, organizadas no castelo de Pambre polo Instituto de Estudos Ulloáns, están subvencionadas por O Teu Xacobeo, e os dípticos e carteis son un deseño de Azucena Souto.

No seguinte enlace vai o convite de dita exposición.

IEU.- Recital poético sobre o Pico Sacro en Antas de Ulla

O sábado 14 de decembro ás 18:30 h., na igrexa parroquial de San Xoán de Antas de Ulla, un fermoso templo románico no centro da vila, o IEU organizará un Recital Poético sobre o Pico Sacro no que se presentará o libro “Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda”.

Presentarán o acto o profesor Jaime Rodríguez Ouro e o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra,  e contaremos no recital poético coas intervencións do coordinador do libro e coautor Xosé Manuel Lobato, de Xoán Xosé Fernández Abella, de Charo Golmar e de Henrique Neira.

Con este recital poético o IEU inicia unha liña de actividades que continuará en 2020 con outro acto similar sobre o Monte Farelo que organizará no cume deste monte tan significativo para A Ulloa.

    

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns http://ieu.gal/

Presentación do libro RELATOS DA ULLOA en Buenos Aires

O escritor e socio do IEU Antonio Jorge Salgado López presentará o libro Relatos da Ulloa na Federación de Asociacións Galegas da República Argentina (FAGRA). O acto terá lugar o día 6 de decembro na sede da FAGRA, sita no barrio de San Telmo en Buenos Aires.

O libro, editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e por Gadis e coordinado polo noso socio o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra, consta de 14 relatos de coñecidos escritores/as inspirados na comarca da Ulloa.  Con esta presentación escoitarase de novo a voz da Ulloa en Buenos Aires, principal destino dos emigrantes da comarca a finais do século XIX e principios do XX.   Ademais da presentación dos Relatos da Ulloa e da distribución gratuíta de exemplares do libro, o noso socio Antonio Jorge Salgado proxectará vídeos sobre A Ulloa, un deles coa intervención da secretaria do IEU, a historiadora e filóloga María José Gómez Alvite, así como o saúdo do director do IEU invitando aos membros das Asociacións Galegas na Arxentina a visitar a nosa comarca.

A primeira presentación do libro Relatos da Ulloa tivo lugar no mes de maio en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego; a segunda en setembro no Centro Galego de Londres;  terceira realizarase o 6 de decembro en Buenos Aires, e o IEU ten proxectadas outras presentacións en Barcelona e en Euskadi.

Máis información:

*Información achegada desde o IEU.