Doazón do Museo de Monterroso ao IEU e ao Concello

D. Carlos Méndez, fundador do Museo Parroquial de Monterroso, e Francisco Pardo, director do IEU, asinando o documento de doazón do museo (Xullo 2020)

O sacerdote e historiador D. Carlos Méndez Vázquez, fundador e propietario do Museo Parroquial de Monterroso doou o seu museo ao Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e ao Concello, coa condición de que as pezas da súa extensa colección pasen a ser propiedade do Concello de Monterroso e a xestión do futuro museo sexa realizada en exclusividade polo Instituto de Estudos Ulloáns.

A colección está formada por pezas de grande interese histórico (muíños prerromanos, verracos, ídolos, tégulas, pezas de tear romano, ventás visigóticas, capiteis románicos…) que D. Carlos Méndez  recolleu e catalogou durante décadas, algunhas encontradas ou mercadas polo historiador, e outras doadas polos veciños de Monterroso  ou cedidas en depósito. A tipoloxía das pezas é moi variada, abrangan restos históricos de diferentes épocas,  e de moi diferentes temas (culinario, espiritual, festivo, artístico, documental).

Como herdeiros deste prezado legado, o IEU e o concello de Monterroso proxectan a creación dun gran complexo museístico integrado por un Centro de Interpretación da Feira, o Museo Carlos Méndez (arqueoloxía, historia e etnografía), unha Aula-taller de restauración, a biblioteca, o arquivo e unha sala de usos multíplices, agrupados todos eles baixo a denominación xeral de Museo de Monterroso.

O Museo de Monterroso será instalado no edificio do antigo centro de saúde da vila (actual sede do IEU), ocupando as tres plantas do mesmo. Na planta baixa instalarase a Aula-Taller de restauración e a sala de actos e exposicións, e na planta segunda a biblioteca especializada e o arquivo. Na planta primeira localizaranse o Centro de Interpretación da Feira, con tres grandes salas (“O enclave da feira”, “Os feirante”s e “As mercadorías”) e o Museo Carlos Méndez, con outras tres salas (“Etnografía comarcal”, “Dende as orixes de Monterroso ata a década dos 20 do século pasado”, “O último século da historia monterrosina”).

O Instituto de Estudos Ulloáns será o responsable da xestión, motivo polo que a Xunta de Goberno creou a Comisión de Xestión do Museo de Monterroso, integrada por unha directiva (directora, dous vicedirectores e conservador), unha ampla representación do concello de Monterroso e unha serie de vogais socios do IEU e de asesores externos. A directora do Museo do Monterroso será a historiadora María José Gómez Alvite e os vicedirectores serán o presidente e vicepresidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo.  A D. Carlos Méndez se lle concederá a distinción de director honorario.

 Trátase dun ambicioso proxecto museístico interactivo, dirixido ao público en xeral pero tamén a investigadores e estudosos das feiras e da historia da comarca da Ulloa. Un complexo museístico que pretende ser un referente de dinamización cultural da Galicia rural.

IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica ás brañas da Serra do Careón o domingo 30 agosto

Despois da exitosa excursión do pasado domingo 16 de agosto pola ribeira do Ulla (12 persoas e encontro dun importante núcleo da ameazada Scrophularia herminii), o IEU prepara para o próximo domingo 30 de agosto, dentro do proxecto FLORA DA ULLOA outra andaina polo monte coa ansia de procurar e identificar plantas polas brañas da Serra do Careón e o seu contorno.

Á mañá visitarán a braña do Puxeiro, lindante con Friol e Toques, onde se poderán ver plantas raras na Ulloa e tamén en Galicia, como unha especie de toxo das brañas (Genista berberidea, exclusiva da Galicia atlántica e norte de Portugal) ou a pimpinela maior (Sanguisorba officinalis).

A tarde será máis aventureira e exploratoria, buscando lugares brañentos pola zona central da serra e polo contorno das aldeas de Dorra, Ermita, Émora e Labagueira (parroquia de Cuíña).
Farase case imprescindible o uso de botas e pantalón largo. Polas condicións actuais, tamén será obrigatorio o uso da máscara sanitaria

IEU.- Excursión botánica á carballeira de Lebesende o domingo 2 de agosto

Despois destes meses de parón debido á pandemia, o domingo 2 de agosto , o IEU retomará as excursións botánicas do proxecto Flora da Ulloa.
Dentro da temática de flora rara e ameazada, e coorganizado con Quercus Sonora, a visita levará ata a Carballeira de Lebesende, en perigo por un proxecto de enerxía eólica que pretende cruzar dita carballeira cun vial de acceso para un único muíño, para o cal existen alternativas a priori menos agresivas. 

En Anexo van alegacións feitas polo Instituto de Estudos Ulloáns ao respecto, baseadas no traballo realizado por Quercus Sonora.

O obxectivo será coñecer máis detalles da flora desta carballeira e arredores, tanto para seguir recopilando información da flora ulloana como para ter máis coñecemento no que basear as alegacións que se poidan facer ao respecto do proxecto eólico nun futuro.

As prazas será limitadas en torno a 10 persoas e será preciso levar mascara de protección para evitar potencial propagación do coronavirus. A volta está prevista para o medio día, en torno ás 14h.

Se non hai novidades coa pandemia e coa meteoroloxía, seguirán outras excursións cada dúas semanas até, cando menos, mediados do mes de outubro.

Presentación do nº4 de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

O sábado 4 de xullo ás 20 h., o IEU presentará na súa sede social de Monterroso o número 4 de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns. Intervirán na presentación o director de Cairón, Daniel Salgado, o xornalista Fernando Salgado,  e o director do IEU, Francisco Pardo.

O venres 17 de xullo ás 17 h. terá lugar no castelo de Pambre (Palas de Rei) a segunda presentación de Cairón nº 4, acompañada dunha visita ao castelo guiada por Francisco Pardo. Intervirán nesta ocasión o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o galerista Braulio Vilariño, e o director do IEU, Francisco Pardo.

E finalmente o sábado 18 de xullo ás 20 h., a revista Cairón será presentada na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla pola deputada provincial Pilar García Porto, polo escritor e historiador Xosé Lois García, polo párroco de Antas de Ulla Javier Diéguez, e por Xurxo Mouriño en representación do IEU. O lugar de presentación, unha igrexa románica, responde á divulgación do estudo sobre a arte románica na comarca da Ulloa que na actualidade están levando a cabo socios, socias  e colaboradores do IEU.

IEU.- Presentación de Cairón 4 na V Feira do Disco e do Libro Galego de Monterroso

O sábado 14 de marzo ás 16,45 h, no transcurso da V Feira do Libro de Monterroso, o IEU presenta o cuarto número de Cairón coas intervencións de Daniel Salgado, director de Cairón, Xesús Alonso Montero, socio honorario do IEU, e Francisco Pardo, director do IEU. 

Na Feira do libro, que se celebrará na Cúpula de Monterroso, terán instalado durante todo o sábado un stand compartido coa editorial Chan da Pólvora, e no que as persoas socias poderán recoller o exemplar de Cairón nº 4 e pagar a cota anual ou tomar os impresos para a súa domiciliación. Exporán ademais, no stand do IEU, exemplares de todos os libros e revistas que levan publicados ata hoxe, así como os carteis das 20 exposicións, principalmente de arte contemporánea, que organizaron ata a actualidade.