O IEU participará no Acto de Nomeamento como Filla Predilecta do Concello de Agolada á científica Marisol Soengas González

O IEU unirase á homenaxe que se vai facer á científica Marisol Soengas González o 7 de decembro en Agolada, no que será nomeada Filla Predilecta do Concello de Agolada. Na homenaxe, unha representación do IEU participará ás 18 h. nas intervencións protocolarias.

Tamén trasladamos información con enlaces da exposición de Kukas, “Só paisaxes, sós”, que inauguramos o  sábado 2 de novembro no Castelo de Pambre, así como o díptico no arquivo adxunto.

*Información facilitada polo IEU.

O IEU e os Cantares de Cego na Feira de Santos de Monterroso 2019

O IEU participa con diferentes actividades nas feiras comarcais máis destacadas, como as Feiras do Libro, Feiras do Queixo da Ulloa, Feira dos Bicos. E non podía faltar na feira das feiras que é a de Santos de Monterroso (1 de novembro de 2019). Este ano organizan, en colaboración co Concello de Monterroso, os Cantares de Cego, recuperando unha vella tradición e a idiosincrasia da feira monterrosina. Contarán coa actuación do socio, o escritor, poeta e cantor Toño Núñez; do animoso acordeonista Xosé Manuel Miguélez de Santo Xusto; e do pícaro máis ocorrente, Brais Gayoso. Tres personaxes que darán moito que falar. As actuacións, como se facía tradicionalmente, non terán lugar nun espazo único nin a unha hora determinada, senón que os actores percorrerán a feira, e alí onde haxa un lugar axeitado e concorrido interpretarán os seus romances. Unha cita imprescindible.

Máis infomación en http://ieu.gal/actuacions/

IEU.- Exposición CAMIÑOS DE NATUREZA, CULTURA E PEREGRINAXE, de Xosé Manuel Pérez Paredes, no Castelo de Pambre

O IEU organiza este domingo 20 outubro ás 13 h. no Castelo de Pambre a inauguración da exposición de fotografía do noso socio Xosé Manuel Pérez Paredes CAMIÑOS DE NATUREZA, CULTURA E PEREGRINAXE. Perú: Camino Inka
As fotografías desta exposición corresponden ao percorrido realizado do 1 ao 4 de abril de 2012 por 6 integrantes da Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos”: Zeltia Laya Sanchez, Ana Isabel Ramos Lavandeira, Afonso García Penas, Xesus Vila Nuñez, Oscar Varela Casal e Xosé Manuel PérezParedes, polo “Val Sagrado dos Incas”, desde o km 82 (Piscakucho) ata chegar ao cañón do río Urubamba, concretamente a Machu Picchu e Wayna Picchu.

*Información achegada desde o IEU.

IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica As Somozas-Farelo

Como a pasada fin de semana resultou imposible organizar a excursión inicialmente prevista polo río Seco, nas serpentinas que lindan Palas con Santiso e onde son frecuentes as principais rarezas botánicas da Ulloa, e como aínda apenas choveu, desde o IEU (dentro do proxecto Flora da Ulloa) adiaron esa excursión para o sábado 19 , de maneira que este próximo sábado 12, as persoas que asistan patearán as ladeiras do Farelo, por onde hai máis dun século o cura Baltasar Merino rexistrou algunhas das primeiras plantas das que a ciencia botánica ten coñecemento na Ulloa.

As poucas excursións que farán no inverno serán os sábados, xa que desde o domingo 20 o monte convértese nun perigoso campo de combate que acostuma provocar accidentes mortais, aínda que non estarán libres de topar con batidas ao porco bravo, que tratarán de evitar.

Seguirán a procurar brañas e gándaras, onde varias especies raras aínda poden estar en flor, como as orballiñas do xénero Drosera, unhas curiosas plantas insectívoras que non se viron este ano.

Neste comezo do outono, seguramente tamén se encontrará e se aprenderá a distinguir as dúas tollemerendas que aparecen no cartel anexo: Crocus serotinus, unha especie de zafrán bravo, que xa se observou en flor desde o pasado día 27; e Merendera montana, dunha familia distinta, cando menos aberta desde o día 20.

*Información achegada desde o IEU.

Flora da Ulloa: 16ª Excursión botánica aos nacentes do Ferreira e do Pambre

O Instituto de Estudos Ulloáns, dentro do programa de exploración do territorio de Flora da Ulloa, o próximo sábado 21 despediremos o verán coa 16ª excursión botánica aos nacentes dos ríos Pambre e Ferreira, nos arredores das aldeas de Xacel, Fonte da Uz e Bistulfe.

Cerna do sistema montañoso da Dorsal Galega onde se afastan vales e aguas, unhas van ao sur cara ao Ulla e outras ao leste para o Miño.

En especial procuraremos plantas de braña de floración outonal, como a xanzá azul (Gentiana pneumonanthe) que ilustra o cartel anexo.

A data podería mudar de confirmarse as previsións de chuva que temos a día de hoxe.

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns.