IEU: Lembrando a Feira de Santos de Monterroso

Unha vez máis suspéndese a Feira de Santos de Monterroso. A primeira vez que se suspendeu foi en 1918, debido á pandemia de gripe, e a segunda en 2020, debido á de coronavirus. Milleiros de persoas acudiron a ela ininterrompidamente dende hai máis de 700 anos, coa única excepción coñecida da súa prohibición nestes dous anos.

Da suspensión da feira en 1918 falounos maxistralmente Jesús Otero Pereiras no libro As Feiras de Monterroso, que o IEU publicou en 2019 e no que o filólogo Xesús Alonso Montero ilustrounos falando das variantes da máis popular cántiga, a dos 25 xastres, verdadeiro himno taberneiro da Ulloa.

Mais foi historiadora do IEU, María José Gómez Alvite, coordinadora deste libro, a que, co seu descubrimento dun documento do ano 1286, confirmou as hipóteses sobre a antigüidade da Feira de Santos. A ela debémoslle as mellores páxinas que se escribiron sobre o tema, como foi o libro 500 anos de feira de Monterroso.Elementos do patrimonio histórico editado polo Concello de Monterroso en 2010.

A nosa historiadora abriu tamén camiños noutros eidos e marcou pautas que seguiron outros investigadores, como foron a primeira investigación sobre o Camiño Santo, que estamos actualmente estudando e promocionando, ou o primeiro proxecto sobre o centro de interpretación das feiras de Monterroso, que serviu de base para un novo proxecto do IEU, o do Museo de Monterroso.

A feira de Monterroso non so é un lugar e un tempo de encontro, de exposición, de transacción, de desfrute, de intercambio ou de relación social, tamén o foi de rebelión, xa que nela xurdiu a revolta antifiscal de 1790, episodio magnificamente relatado por Fernando Salgado en Cairón nº 1.

Así mesmo, o IEU contribuíu á divulgación das feiras de Monterroso organizando en 2018 a exposición Por Feiras e mercados, cedida polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, con fotografías realizadas nos anos 50 e 60 por José Luis Vega, o célebre fotógrafo e reporteiro gráfico do xornal El Progreso.

Neste sombrío 1º de novembro de 2020 non celebraremos a Feira de Santos, pero quédannos as vellas fotografías ou os libros citados para lembrala, con textos que inspiraron artigos e entrevistas posteriores, como é o caso da entrañable reportaxe da monterrosina Marina García no programa de Mara Torres  El Faro de la Ser, na que interveu o concelleiro Xabier Vázquez García.

Esta reportaxe foi emitida o 30/10/2020 no programa El Faro, da cadea SER, entre o minuto 1:20:15 e o 1:28:25. Indispensable escoitala completa xa que remata cunha versión fermosísima de Guadi Galego da cántiga dos 25 xastres. Enviamos o enlace

https://play.cadenaser.com/audio/cadenaser_elfaro_20201030_013000_043000/

Podedes escoitala tamén en:

https://www.facebook.com/ElFaroCadenaSER/posts/2171651916303276

E para que baixedes a cántiga dos 25 xastres de Guadi Galego:

https://www.facebook.com/ElFaroCadenaSER/posts/2171644266304041

Son achegas de pequenos grans de area para conseguir que a Feira de Monterroso sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional (de momento é Feira de Interese Turístico Galego).

Crónica de Francisco Pardo, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns.

IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica ao Monte de Trascastro o sábado 17 de outubro

Para este sábado 17 de outubro, o IEU programa, dentro do seu proxecto Flora da Ulloa, a última excursión botánica do ano, adiada desde pasados fins de semana pola meteoroloxía adversa. O sábado 17 seica estará bastante cuberto -tras dun venres con bastante sol-, mais a día de hoxe con baixas posibilidades de choiva.
Aparte de rexistrar a flora que detecten, principalmente nas penedías de xisto, explorarase a localización do castro próximo e o estado dunha superficie bastante grande que mantén arborado autóctono.

Por mor das novas limitacións polo COVID-19, limitarase a un máximo de 10 persoas.

Exposición de fotografias da Ulloa, de Alberto P. García, no Castelo de Pambre

Hoxe sábado, 26 de setembro de 2020 ás 12,30 h, o IEU inaugurou a exposición fotográfica ÁS HORAS. Fotografías da Ulloa, de Alberto P. García, no Castelo de Pambre.

Alberto P. García tráenos a Pambre a súa visión particular e de coidada estética da natureza da Ulloa: paisaxes misteriosas, árbores centenarias, outeiros, fervenzas, fauna, flora… unha Ulloa diversa e colorida.

A exposición, comisariada por Braulio Vilariño e con deseños de Azucena Pérez Souto, permanecerá instalada ata o 14 de novembro na Sala 2 do Castelo de Pambre.

O IEU investiga a orixe do Tesouro de Antas de Ulla

O TESOURO DE ANTAS DE ULLA

Esta é unha historia recente, pero moi antiga no tempo. Só sabemos algúns datos pero queremos coñecer máis. Por eso decidimos acudir a memoria da xente da Ulloa para que nos axude a reconstruir esta historia.

No ano 1972, o Museo de Pontevedra adquiriu un conxunto de espirais de prata. O lote está actualmente constituído por un aro central do cal colgan seis cadeas, cada unha con cinco espirais irregulares de tamaño decrecente. Trátase de pezas fabricadas a partir dun arame, de acabado irregular. O peso e o tamaño das espirais é variable, e o conxunto pesa en total 335,10  g, o que ven sendo moito se temos en conta o resto da totalidade da prata prehistórica, xa que no noroeste coñécense menos dunha veintena de espirais de prata atopadas en enterramentos de carácter individual de hai uns 4000 anos. 

No caso de Antas de Ulla, aínda que habitualmente atribúeselle unha función como “colar”, parece que esta configuración sería unha manipulación posterior ao seu achado. Polo seu carácter de medida e partibilidade, foi relacionado con outros “tesouros” conformados por cadeas de espirais, normalmente de ouro, que poderían ser formas de acumulación “pre-monetais”, sendo esto compatible cun posible uso ornamental. 

Determinouse que a prata coa que están realizadas as espirais ten poucas impurezas e baixos contidos en chumbo, polo que non se  trataría dunha prata obtida a partir da galena arxentífera mediante o proceso denominado “copelación”, descoñecido na Península Ibérica antes da chegada e asentamento dos primeiros colonos  fenicios, senón que sería obtida doutros minerais metálicos e mediante outros procesos.

Para coñecer a procedencia da prata, foi estudado mediante a técnica coñecida como “isótopos de chumbo”. Baséase en que a composición  isotópica do chumbo nos minerais de cobre, ferro e prata é única en cada localización particular. Esta composición  isotópica pode localizarse tamén en obxectos metálicos manufacturados, permitindo a discriminación das fontes de subministración da materia prima. Os resultados das análises isotópicas da prata do conxunto de Antas de Ulla amosaron trazas semellantes ás do sur da Península Ibérica, con posibles distintas procedencias. Foi a primeira peza arqueolóxica estudada en Galicia mediante esta técnica. 

Ainda que como vemos, constitúe unha evidencia arqueolóxica excepcional e de gran interese, é moi pouco o que se coñece sobre a súa procedencia. O único dato que se recolleu na bibliografía é que “apareceu nun illote do río Ulla ó paso por Antas de Ulla, dentro dunha caixa de bronce ou ou cobre que non foi conservada”. Pero fáltannos  por saber outros datos moi importantes. Xorden moitos interrogantes: Porque aparece ahí? Alguén sabe, onde se atopou realmente? Porque aparece nun illote? Alguén sabe algo deste colar?

En colaboración con Beatriz Comendador, profesora da Universidade de Vigo, queremos saber máis … como foi atopado… que se coñece ou que se conta sobre este achado… 

Queremos tirar deste “fío de prata” para reconstruir un pouco máis a memoria deste tesouro, que forma parte da nósa propia memoria. Dicía Cunqueiro que os tesouros son “xente viva”, e que tamén poden ser “unha verba”, ou “un lugar”. Por iso queremos emprender esta procura acompañados de xente, verbas e lugares.

Se alguén pode dar algunha información prégase, chame ao telf 609760169 ou ao correo hgc9591@gmail.com

INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS