O IEU organiza a proxección do documental NEGRO PÚRPURA o sábado 6 de novembro en Monterroso

O sábado 6 de novembro ás 19,00 h, en colaboración coa Área de Cultura e Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o IEU proxectará no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso a longametraxe  Negro Púrpura, filme de carácter documental producido por Illa Bufarda e dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. 

Ao remate da proxección celebrarase un coloquio coas directoras da película.

O IEU organiza a presentación da Revista CAIRÓN en Monterroso o sábado 30 de outubro

O sábado 30 de outubro de 2021 ás 18,00 h, no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso, terá lugar a presentación do quinto número da revista Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

Na presentación, que está integrada na programación da Feira de Santos, intervirán Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso; o xornalista Daniel Salgado, director de Cairón; Francisco Pardo, director do IEU; o xornalista Fernando Salgado; e os poetas Martiño Maseda e José Carlos Ulloa.

Tamén haberá presentacións por outras localidades. Concretamente, en Palas de Rei será o domingo 7 de novembro pola mañá e en Antas de Ulla o sábado 13 de novembro pola tarde.

IEU.- Inauguración en Lugo da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas”

O venres 15 de outubro, no pazo de San Marcos de Lugo, celebrarase a inauguración da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, promovida polo Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada polas socias de dito Instituto, Patricia Coucheiro e Susana Varela Negro. 

A exposición está integrada no programa “Mulleres rurais”, da Rede Museística da Deputación de Lugo, organizado pola súa xerente, Encarna Lago, para conmemorar o día da Muller Rural. 

Trátase dunha exposición colectiva de catorce fotógrafas que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio, con propostas fotográficas que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca da Ulloa. 

Velaquí o díptico da exposición

Exposición de Menchu Lamas no Castelo de Pambre

O sábado 3 de xullo ás 12,00 h celebrarase a inauguración da exposición de Menchu Lamas, que organiza o IEU no castelo de Pambre (http://ieu.gal/exposicions/sala-1-castelo-de-pambre/). Dita exposición permanecerá instalada na sala 1 do Castelo de Pambre ata o 4 de setembro.

Encargáronse da coordinación e montaxe da exposición: a propia Menchu Lamas, Braulio Vilariño e Lucía Hidalgo.

Adxuntamos en pdf o díptico.

*Os carteis e díptico foron deseñados por Azucena Pérez Souto (Du-As).