por Beatriz Dourado | Sep 2, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: LIBRO DE ALICIA
Autora: Olalla Cociña Lozano
Editorial: Espiral Maior
Ano de publicación: 2008
Rematou agosto, que non o verán, mais unha sente que deixou xa atrás un tempo de lecturas dilatadas ao sol, ás que ir e volver con toda a calma do mundo. Así a todo, algunhas conseguen traspasar esta fronteira e coarse entre as rutinas aceleradas de setembro. Tal é o caso do Libro de Alicia. Lembro e volvo a un dos poemas finais:
“rematando o verán
amósanos as cicatrices, a boca desdentada
coma unha experta actriz
preséntaste ante nós rota
e ensinas sen pudor o teu catálogo de remendos”
Alicia revélasenos de múltiples formas, prevalecendo ao longo destas páxinas unha delicada tenrura que acompaña á extinción dun modo de vida: o rural. Memoria e identidade, mais tamén fantasía, son algúns dos elementos cos que a autora, Olalla Cociña, vai artellando este marabilloso libro, galardoado co VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.
Certamente, pareceume asistir a unha poética dos sentidos, na que converxe o telúrico co tacto. A punto estiven de facer unha cunca coas mans, con tal de apañar unhas poucas migallas para os días de outono.
por martinho | Oct 12, 2017 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Este venres, 13 de outubro ás 20 horas, na Casa Habanera de Guitiriz levarase a cabo a presentación do poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco, que resultara gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz.
Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.
*Autoría da fotografía de Eduard Velasco: Alessandro Ardovini (2012)
*Información da presentación facilitada polo Concello de Guitiriz
por martinho | Feb 27, 2017 | Autores/as, Novas
O poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco resultou gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz. O xurado formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo tomaron tal decisión esta mesma tarde. Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.
*Autoría da fotografía: Alessandro Ardovini (2012)