Título do libro: LIBRO DE ALICIA
Autora: Olalla Cociña Lozano
Editorial: Espiral Maior
Ano de publicación: 2008
Rematou agosto, que non o verán, mais unha sente que deixou xa atrás un tempo de lecturas dilatadas ao sol, ás que ir e volver con toda a calma do mundo. Así a todo, algunhas conseguen traspasar esta fronteira e coarse entre as rutinas aceleradas de setembro. Tal é o caso do Libro de Alicia. Lembro e volvo a un dos poemas finais:
“rematando o verán
amósanos as cicatrices, a boca desdentada
coma unha experta actriz
preséntaste ante nós rota
e ensinas sen pudor o teu catálogo de remendos”
Alicia revélasenos de múltiples formas, prevalecendo ao longo destas páxinas unha delicada tenrura que acompaña á extinción dun modo de vida: o rural. Memoria e identidade, mais tamén fantasía, son algúns dos elementos cos que a autora, Olalla Cociña, vai artellando este marabilloso libro, galardoado co VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.
Certamente, pareceume asistir a unha poética dos sentidos, na que converxe o telúrico co tacto. A punto estiven de facer unha cunca coas mans, con tal de apañar unhas poucas migallas para os días de outono.