OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Galicia en bus

Autora: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Di a lucense María Reimóndez no seu Galicia en bus (Premio JohanCarballeira 2017): “Non me afago a que Lugo sexa unha estación de paso”. E precisamente decido volver a estas páxinas tras varios días escoitando falar de “AVES de paso” e desa teima de querer conectarnos a un centro omnipotente mentres as periferias resistimos como podemos (Ourense- Madrid: 2.15 h/ Lugo- Compostela: 2.43 h).

Estamos ante un poemario escrito desde a propia experiencia da autora, como usuaria frecuente de autobús, no que atopamos versos dun importante calado político e social. Ao longo deste particular traxecto, estruturado en catro partes, a escritora vai colocando varios sinais que nos interpelan dunha ou outra forma: lugares-lembranza, camiños que toman a palabra, toponimias e arquitecturas desde unha perspectiva de xénero… A medida que avanzamos na lectura, aparece, asemade, unha especie de intermitente baixo uns textos dun documento titulado O transporte público rodoviario na Galiza, escrito por un tal M. Roda, que vai xerando un interesante diálogo poético até o final da obra.

“Se cadra por iso din que en Galicia hai tanta poesía, porque vivimos en permanente estado fragmentario.

Resposta de M. Roda na defensa da súa tese”.

“Transformarei en poesía

o meu destino.”

Quen sabe, quizais aínda non é demasiado tarde para empapármonos do espírito rebelde que aquí se desprende e reivindicar fervorosamente o noso punto de partida e o destino que queremos.

“As palabras son perigosas

porque abren o camiño

que todo o cambia.

Porque fan posible

o imposible.

Porque son o único 

e definitivo

medio de transporte”

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Masculino singular

Autora: Carlos Negro

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2016

Masculino singular é algo máis que un corte de sangue no medio do afeitado, tal e como podemos intuír do deseño da cuberta de Miguel Vigo. Pasado xa un lustro desde a súa publicación, segue a ser unha lectura urxente para tempos convulsos (se é que nalgún momento deixaron de selo).

Estamos ante a poesía da deconstrución, da necesidade de visibilizar outros modelos masculinos que transgriden os dogmas do patriarcado. Escrito de forma directa, partindo da cotiandade máis crúa, o libro ofrece unha interesante escolma de poemas. Atopamos así, entre as súas páxinas, poemas curtos e longos, poemas narrativos e visuais e, incluso, potentes caligramas.

Agradécese, ao mesmo tempo, a honestidade á hora de fuxir das certezas e amosarnos versos que nos interrogan a cada paso, que deixan unha especie de encomenda para seguirmos tirando do fío.

Autores como Octavio Salazar ou Jorge García Marín, entre outros, teñen transitado por estes camiños con gran acerto; mais coido que Carlos Negro, ao facelo desde unha poesía contemporánea e lúdica, conecta tamén cun público tan necesario coma o xuvenil.

Velaquí a revolución pendente: “Esixo a tenrura pró meu sexo”.