por Beatriz Dourado | Jun 2, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Ultraluz
Autora: Ledicia Costas
Editorial: Centro PEN Galicia
Ano de publicación: 2022
Achégome a Ultraluz con certa curiosidade. Teño lido varias obras de Ledicia Costas, destinadas tanto ao público infantil- xuvenil coma ao adulto, mais sempre desde a narrativa. Descoñecía a súa faceta poética. Que podería atopar tras da mirada fixa desa nena da portada, que nos evoca a unha Alicia no País das Marabillas, sostendo unha enorme cunca?
Efectivamente, seguindo os pasos desa intuición, descubro que as páxinas de Ultraluz están impregnadas pola maxia da infancia. A autora artella, desde ese fío da fantasía, que tan ben manexa, un cosmos de luces e sombras, convidándonos a entrar nel e a beber, coma o resto de criaturas, da apócema da beleza.
Sorpréndeme novamente Ledicia Costas, porque aínda recoñecendo algúns dos trazos da súa escrita, é quen de ofrecernos unha poesía diferente. Unha poesía que chama por nós, coma un personaxe misterioso, para mergullarnos nun universo tan real e onírico asemade .
“alá onde remata o mundo
mordemos as costuras para ser libres”.
por Beatriz Dourado | Abr 30, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Escritoras
Autora: Carmen G. de la Cueva
Ilustradora: Ana Jarén
Editorial: Lumen
Ano de publicación: 2023
Hoxe traio a este espazo unha das últimas novidades da editorial Lumen: Escritoras. Realmente, non sei ben como definir este libro –se é que iso é algo indispensábel á hora de falarmos sobre lecturas-. A obra narra, parcialmente, a vida dalgunhas destacadas escritoras (Carmen Baroja, María Lejárraga, María de Maeztu, Elena Fortún, Carmen Laforet ou Carmen Martín Gaite, entre outras) sen pretender a exhaustividade da biografía. Mais a narración ten algo especial que nos atrapa desde a primeira páxina. Percíbese nela unha amálgama de sensibilidade e tenrura, perfectamente artelladas a través de cada palabra e ilustración. E é que Escritoras pode abrirse coma unha caixa de costura que vai fiando o pasado e o presente das mulleres que buscaron e buscamos incesantemente un cuarto propio para escribir.
O fío que conecta todas estas vidas, incluída a da propia autora –nai e escritora-, é o da sororidade. Porque se algo queda patente despois da súa lectura é que a historia das creadoras vai ligada á da cooperación e o apoio mutuo entre compañeiras. Sorprendeume enormemente a información recompilada neste volume, que amosa extractos de correspondencia entre escritoras de diferentes tempos, como é o caso do contacto epistolar entre Elena Fortún e Carmen Laforet. Emocioneime moito ao lelo. Sentín que todas compartimos unha resistencia, á de escribir desde as marxes, rebelándonos contra tantos séculos de dogma e imposición.
En definitiva, un libro contra o silencio, un libro para enchernos de azos e alegría. Un libro que nos empurra a crer na nosa valía porque, tal e como sinala Carmen G. de la Cueva, cando unha muller escribe non pertence a ninguén máis que a ela mesma.
por Beatriz Dourado | Feb 27, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética
Edición literaria: Ramón Nicolás
Ilustracións: Baldo Ramos
Editorial: Faktoría K de Libros
Ano de publicación: 2008
Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron.
Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.
O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.
Chove, chove na casa do probe
e no meu corazón tamén chove.
por Beatriz Dourado | Feb 5, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Los galgos, los galgos
Autora: Sara Gallardo
Editorial: Malas Tierras
Año: 2021
É difícil explicar o abraio que supón atopar unha novela tan impresionante coma esta, que data de 1968. Unha novela que envellece realmente ben e que nesta edición, tan coidada de Malas Tierras, amósase coma unha verdadeira alfaia literaria. Case cincocentas páxinas que retratan unha época e unha sociedade coma a arxentina, albiscando o luscofusco que envolve ao seu protagonista, Julián, que semella ir animalizándose ao longo da obra.
Cargada de humor, intelixencia e, tamén, de melancolía, Los galgos, los galgos narra, con gran mestría e delicadeza, a viaxe dun perdedor, que evoca na lectora ou lector unha amálgama de diferentes sensacións, que van desde a tenrura até o desprezo. Non é doado despegarse desta fuxida cara ningures, que alterna os escenarios Bos Aires-París-Bos Aires, e que talvez veña a indicarnos que ninguén pode ficar por sempre nun lugar invariábel.
Sen dúbida, o tempo, tan habilmente tratado pola autora, sexa o elemento transcendente que conforma esta narración. O tempo que nos consome e que pasa arrogantemente veloz coma os adorábeis galgos de Las Zanjas, ese lugar que nos recibe e nos despide con certo sabor agridoce.
“Caminemos. Otra vez caminemos, a campo atraviesa. Ya se ve mi casa. Allí, extendidos en mecedoras de color, estarán mis parientes”.
Imposíbel non anotar o nome de Sara Gallardo e querer descubrir máis sobre a súa escrita tan brillante e vivamente poética. Esta é xa unha tarefa pendente.
por Beatriz Dourado | Dic 28, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: CORREDORA
Autor: María Reimóndez
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2017
Deseño da cuberta e interiores: Miguel A. Vigo
Imaxe da cuberta: Zerihun Seyoum (pintor etíope), The Runners, 2006
Volvo á LIX con Corredora. Xa anteriormente comentara que as liñas que delimitan as lecturas para público infantil- xuvenil ou adulto son –ás veces-pouco nítidas. E coido que está ben así. Sobre todo, para poder movérmonos, sen ningún tipo de estigma, por diferentes propostas literarias, que nos enriquecen a todxs.
Recoñezo nestas páxinas a mirada crítica da súa autora, María Reimóndez, sempre comprometida con diferentes causas sociais e políticas. A través da protagonista desta historia –Genet, unha atleta etíope-, asistimos a unha carreira de fondo pola visibilidade das mulleres e do seu empoderamento. De feito, diría que o libro deixa en si un certo pouso a resistencia, a seguirmos correndo para loitar polos nosos dereitos.
“Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro”.
Sen dúbida, estamos perante un relato conmovedor e de superación, que nos convida a coñecer outras realidades xeográficas e culturais e, especialmente, a pensar e repensar un mundo que segue a pór obstáculos a todas aquelas persoas que se afastan do prototipo home branco- occidental- acomodado.Abofé, un relato necesario.