OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2008

Hai libros aos que unha debe volver, de vez en cando, porque seguen resoando no transcurso do tempo. Ese é o caso de O único que queda é o amor do estrañado Agustín Fernández Paz, cuxa cita inicial constitúe, xa de entrada, unha declaración de intencións para as románticas e románticos:

“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”.

Orhan Pamuk

A obra está conformada por unha recompilación de historias moi diversas nas que o amor é a principal forza motora. Amores que nacen entre libros, amores que evoca a ausencia, amores non correspondidos, amores narrados por mascotas… Amores, ao fin e ao cabo, que prenden coma chamas nas lectoras e lectores desde o primeiro instante.

Malia ser este un dos grandes temas da literatura universal, coido que o libro, que foi publicado por primeira vez hai tres lustros, rompe coa uniformidade de moitas historias de amor, que perpetúan, aínda hoxe, o traxecto en sentido único dos sentimentos.

De lectura fácil e amena, O único que queda é o amor é un dos grandes imprescindíbeis das nosas letras. Motivo suficiente para mergullarse este verán nas súas páxinas, non si?

O rastro que deixamos. Gala homenaxe a Agustín Fernández Paz

O rastro que deixamos. Gala homenaxe a Agustín Fernández Paz

O vindeiro 17 de febreiro, a comarca de Ferrolterra renderá unha homenaxe póstuma ao escritor Agustín Fernández Paz. Baixo o título de O rastro que deixamos, título homónimo dun libro que escribiu o propio Agustín, e no que nos relata retallos fundamentais da súa vida.

Os actos comezarán pola mañá, dirixidos aos centros de ensino, e neses actos participarán artistas coma Guadi Galego, María Manuela, Mini e Mero, Xabier Díaz, o dúo Bellón-Maceiras, Miro Casabella ou A Banda da Loba. Acompañando á música tamén se proxectarán fragmentos dun documental sobre vivencias do propio Agustín na comarca.  Actos que se repetirán a partir das 20:30 h., destinados ao público xeral,

As entradas para asistir á citada e merecida homenaxe  son de balde, e poden recollerse até o 17 de febreiro no Teatro Jofre (de 11.00 h. a 13.00 h. e de 18.00 h. a 20.00 h.) e no Auditorio de Ferrol -na avenida do Mar, en Caranza- a partir das 18.00 h. do día da gala.