Silvia Penide despedirá o 2023 en Arteixo cun novo directo inclusivo da súa xira ‘XX Aniversario’

O concerto, no que a cantante estará acompañada de banda e intérprete de lingua de sinais, terá lugar a partir das 20.30 horas do venres 29 de decembro no auditorio do centro cívico e cultural da localidade coruñesa

Mientras dura el aplauso, o álbum que festexa as dúas décadas da artista sobre os escenarios e que presenta nesta xira, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais

Silvia Penide despedirá o ano do seu 20 aniversario sobre os escenarios na súa localidade natal, Arteixo. A cantante e compositora ofrecerá un novo directo inclusivo no marco da súa xira XX aniversario no Centro Cívico Cultural arteixán o vindeiro venres, 29 de decembro, a partir das 20.30 horas.

As entradas para o concerto de Silvia Penide en Arteixo están dispoñibles en liña, por 4€ (3€ a prezo reducido) a través da plataforma www.eventosarteixo.com, mais tamén é posible adquirir os billetes no propio Centro Cívico Cultural de Arteixo en horario de mañá, de 11.30 a 13.30 horas, ou até dúas horas antes do inicio do directo.

Na cita, a creadora estará acompañada pola súabanda ao completo (Carla López teclado e coros-, Paul Álvarez -guitarra- e Bruno Couceiro -batería) así como por unha intérprete de lingua de sinais (Natalia Navaza). A cita, apta para todos os públicos e que contará con algunha sorpresa, está promovida pola área de Cultura do Concello de Arteixo e tamén conta co apoio da rede cultural da Deputación da Coruña.

A xira XX aniversario recolle tamén as creacións de Mientras dura el aplauso, o primeiro vinilo que Silvia Penide publica na súa traxectoria. Dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 1 de decembro, o disco recupera algúns dos grandes éxitos da artista ao longo dos seus vinte anos sobre as táboas e inclúe un tema inédito: El colchón y el diván. Neste novo traballo discográfico, a cantautora conta con grandes voces do panorama musical galego e estatal, como Mercedes Ferrer, Víctor Manuel, Guadi Galego ou Javier Álvarez para reinterpretar as súas creacións. En Mientras dura el aplauso, a compositora tamén comparte cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez e algúns membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña, cos que entoa o sinxelo Diferentes Diferenzas, tema que pecha a cara B do vinilo e que nace do libro homónimo escrito pola propia Silvia Penide.



SILVIA PENIDE – XIRA XX ANIVERSARIO

Data: 29 de decembro
Hora: 20.30h
Lugar: Centro Cívico Cultural de Arteixo
Entradas: 4€ (3€ prezo reducido) en www.entradasarteixo.com e na billeteira do recinto  

20231219-Concerto-en-Arteixo-

Vilalba acollerá en xaneiro a estrea en Galicia de IRIBARNE, a nova obra de ButacaZero sobre Manuel Fraga

O concello natal do político será, o 13 de xaneiro, o punto de partida dunha xira que percorrerá boa parte da xeografía galega e outras cidades do resto de España

A obra desembarca en Galicia tras a súa presentación en Madrid, onde estivo en cartel un mes e esgotou todas as entradas

IRIBARNE é unha revisión da figura de Fraga en clave de humor coproducida por ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

Alén de Vilalba, IRIBARNE xa ten datas confirmadas en Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria

Logo da súa celebrada presentación en Madrid, ButacaZero vai estrear en Galicia a súa última proposta escénica, IRIBARNE, o vindeiro 13 de xaneiro en Vilalba. O Auditorio Carmen Estévez será o punto de partida dunha xira por boa parte de Galicia e numerosas cidades españolas que se desenvolverá durante o 2024. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

Despois da súa estrea galega no concello natal de Fraga, IRIBARNE comezará unha intensa xira que xa ten outras trece datas confirmadas dentro e fóra de Galicia e entre as que figuran Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que está editada por Subterfuge Records.

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

20231215-NP-Xira-Iribarne

O Encontro Mundial de Humorismo 2024 celebrarase do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña

O EMHU, o evento humorístico máis relevante de España, ampliará a súa programación no 2024 para ofrecer 11 xornadas continuadas de shows nos que participarán as figuras máis relevantes da escena galega e estatal

Espectáculos únicos, elencos exclusivos e producións propias formarán parte do cartel da cita, que un ano máis conta con Luis Piedrahita como director artístico

O Encontro Mundial de Humorismo celebrará a súa cuarta edición do 25 de abril ao 5 de maio na cidade da Coruña. EMHU, a cita humorística máis relevante de España, reunirá en 2024, durante 11 xornadas, as figuras máis relevantes da comedia galega e estatal. Serán case unha ducia de días nas que o humor, a improvisación e o impredicible derrubarán, coma se dunha máquina de demolición se tratara, a realidade en prol do sorriso, o deleite e a imaxinación. Porque, tal e como sinala Luis Piedrahita, director artístico do EMHU, “o humor destrúe, si, pero sempre para construír”.

O EMHU, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, regresará aos escenarios coruñeses na primavera de 2024 potenciando a súa proposta programática. O evento, que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Estrella Galicia, ampliará a súa duración, que pasará a ofrecer un total de 11 xornadas continuadas de humor en maiúsculas, repletas dos shows máis seguidos do momento, producións propias e espectáculos únicos, que contarán cos principais nomes da comedia galega e nacional. Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, están galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que o EMHU reúne un elenco de grandes figuras que se atopan por primeira vez nun mesmo escenario e nas que o público esgota rapidamente todos os billetes.

O humor regresará á cidade da Coruña como unha máquina de demolición, protagonista do cartel desta cuarta edición, creado polo deseñador gráfico e ilustrador Riki Blanco, que coroa unha bóla de derriba flotante que esboza un sorriso. Tal e como explica Luis Piedrahita, “o humor é unha deconstrucción construtiva que traballa demolendo pensamentos anquilosados, gravidades impostadas e outros ‘blablabás’ para despois rearmar o quebracabezas dos seus anaquiños”. “O humor aborrece o solemne, o pesado e, sobre todo, aos pesados. Cando alguén cos pés no chan ameaza con restrinxir o espazo aéreo das cabezas, o humor torpedéao sen piedade e reconstrúeo de novo, poñéndolle os pés nas nubes e a cabeza na lúa. O humor destrúe, pero sempre para construír”, sinala o director artístico do EMHU.

“O humor é unha detonación controlada. Ao desorganizar a lóxica da realidade, formamos novas e impredicibles estruturas mentais. Logo da devandita demolición, xorden novas arquitecturas para o deleite dos sentidos e da intelixencia”, asevera Riki Blanco, responsable da imaxe gráfica do EMHU xunto coa deseñadora lucense Rebeca Losada. “O humor non é un acto destrutivo, todo o contrario: derruba fugazmente a realidade para construír unha nova versión, debedora da orixinal. Non se esquece dela, xa que sen esa referencia non funcionaría”, engade Blanco.

EMHU

O Encontro Mundial de Humorismo é a cita coa comedia máis relevante e multitudinaria de España. Figuras como Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, Leo Harlem, Eva Hache, Javier Cansado, Carolina Iglesias, Ignatius Farray, Ana Morgade, Dani Rovira, Juan Dávila, Eva Soriano, Javier del Pino, Javier Veiga, Oswaldo Digón ou Xosé A. Touriñán, entre outras moitas, formaron parte do cartel nas súas tres primeiras edicións, nas que o público puido gozar de espectáculos como Estirando el chicle, Buenismo Show, Saldremos mejores, La ruina ou La vida moderna.

O EMHU dará a coñecer proximamente os nomes que conformarán o cartel da súa cuarta edición. A programación troncal de espectáculos do EMHU completarase con diferentes actividades paralelas, dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán en distintos recintos culturais da cidade da Coruña.

20231215-NP-GAL-EMHU-2024-Datas-e-cartel

Presentación das obras gañadoras no V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O vindeiro sábado 16 de decembro, a partir das 17 h., no Museo das Aves de Cospeito celebrarase a presentación das obras gañadoras no V Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que organizan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

As obras que se presentarán son Cartografía dos tránsitos, de Maurizio Polsinelli, que acadara o primeiro premio, e Caeiro, de Mercedes Rodríguez Bolaño, gañadora do segundo premio. Ámbalas dúas editadas baixo o selo de TrisTram.

No acto, ademais das persoas autoras das obras, participarán tamén Armando Castosa, alcalde de Cospeito, María José Paredes, concelleira de Cultura de Cospeito, Inés Lozano, presidenta da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, e Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ.

Durante a celebración do evento tamén haberá música ao vivo co dúo 2naFronteira, integrado por Mauizio Polsinelli, ao piano, e a voz de Carmen Penim.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: PONTES

Miguel Díaz, PONTES

Miro todo. Retrato parte. Lonxe, preto. Onte ferida, hoxe bagaxe.

A miña fe sobrevive na proximidade, na nervadura da folla. No acto de asomarse á invisible presenza da molécula. Na fonda curiosidade que me esperta o que sendo non se reflicte.

Mais tremo tamén na liña, inalcanzable e non sempre definida, do horizonte. Na paisaxe latexante que aparece ao recuar, no retroceso necesario para relaxar a mirada, para habitala con outras perspectivas. No exercicio preciso para contemplar o conxunto dunha beleza tecedora de pontes que desde aquí non podo tocar. Pontes que me falan, ás costas, de quen xa non son, despois de atravesalas. Pontes que desde a distancia locen a maridanza extinguida do meu pronome a carón dun verbo asombroso. Nunha fugaz conxugación na que fun percorrido polas xemas da galaxia.

O Teatro Jofre activa a venda de entradas de Síntese Horizonte, o novo directo de Guadi Galego con banda

A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia, cun espectáculo que tamén presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, cuxos billetes xa están esgotados, e o 13 de abril en Pontevedra

Guadi Galego actuará no Teatro Jofre o vindeiro 27 de xaneiro. A cantante e compositora presentará na Ferrolterra o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Desde esta mañá é posible adquirir as entradas para asistir á cita no recinto ferrolán a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.

Guadi Galego quere ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora a través de  Síntese Horizonte. O directo presentarase con tres citas exclusivas nas que se acompañará dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, e que se reunirá especialmente para esta feliz ocasión. Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez participarán nesta tríade de actuacións, que tamén destacarán tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento). 

Síntese Horizonte presentarase, ademais, o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cuxas entradas se esgotaron en menos de 24 horas desde que saíron á venda, e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan, no que máis da metade das butacas xa están ocupadas. Estes billetes pódense adquirir tamén a través do espazo web www.ataquilla.com

GUADI GALEGO

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. 

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país,Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.



DATAS SÍNTESE HORIZONTE

26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela. Entradas esgotadas. 
27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol. Entradas á venda en www.ataquilla.com 
13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’. Entradas á venda en www.ataquilla.com

20231213-NP-Guadi-Galego-Sintese-Horizonte-en-Ferrol