por martinho | May 10, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
TRES MULLERES NA ESCURIDADE
Mércores 15- 19,30 hs- Biblioteca Anxel Casal–
No salón de actos. Actividade dirixida a público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala
Se o principio foi a palabra, antes dela foi o son e, despois, o entendemento e transmisión da súa melodía. Velaí a Música, que brota como o río da existencia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixencia. Velaí a Poesía, palabra melódica.
“Tres mulleres na escuridade”, é o encontro dunha poeta, escritora, dramaturga, ensaísta, feminista comprometida coa cultura e a vida, dunha violinista que reserva con gusto refinado, melodías de autores internacionais e galegos, e dunha actriz e contadora de historias que desde a máis profunda admiración e emoción dá voz aos textos escollidos.
Tres mulleres pensan, senten, crean e recrean , interactúan, enlazan as súas vidas.
Dende a súa obra, Luisa Villalta, do seu violín Irina Gruia, dende o escenario a voz de Sole Felloza.
A escuridade énchese de palabras e melodías, é unha viaxe ao universo lúcido e comprometido dunha creadora singular, cada verso, texto, melodía é un paso, un xogo que deixa atrás as sombras.
Textos seleccionados de «Música Reservada», «Ruído», «Rota ao interior do ollo», «Concerto para un Home só», «Estudo das sombras» En Concreto”, “Grial do sol perdido”entre outros.
Música: Julia Dopico Vale, Rosendo Mato, Jules Massenet, Johann Sebastian Bach, Mozart, Chopin, Grieg, Shostakovich entre outros.
Posta en escena: Sole Felloza
Arreglos musicais: Irina Gruia
Sole Felloza
Sole Felloza é actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Actual directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia. Leva máis de 30 anos contando en festivais de América Latina, Europa e Africa.
Irina Gruia
Nada en Brasov, Romania, na coñecida rexión de Transilvania. Comeza a tocar o violín con 5 anos, sendo o inicio dunha infancia marcada pola participación en diversas actuacións por toda Europa, gañando varios premios en competicións musicais internacionais. Os seus estudos de Conservatorio Superior continúan nos Estados Unidos, onde estudia con Philip Setzer y Eugene Drucker, os dous violinistas do Emerson String Quartet. No ano 2003, Irina aproba a oposición para a «Real Filharmonía de Galicia», en Santiago de Compostela, desenvolvendo una intensa vida musical onde, ademáis das actuacións coa Real Filharmonía, Irina participa en diferentes grupos de cámara, en actos culturais e imparte clases de violín.
Dende o ano 2018 xuntas forman parte de ConcerArt un proxecto no que participan destacados músicos do país, co obxetivo de facer máis próxima a música clásica a todos os públicos..
Esta actividade conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
por martinho | May 9, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor e tradutor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.
O autor recollerá o seu Premio honorífico como Escritor Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024, que terá lugar o 11 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Previamente, o venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), terá lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.
Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/escritora-galegoa-universal/2024/1/1/escritor-galego-universal-2024-joseba-sarrionandia
por Suso De Lameliña | May 9, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O CHAPEU DE AMANDINE BARBIER
Amandine, afamada cantante do século pasado, nacida en Arromanches, rexión de Calvados, destacou máis polos seus estrafalarios chapeus que pola súa voz ou letras. Os deseños únicos da casa parisiense “La Folie des Chapeaux” eran tan grandes que ocultaban case por completo o seu rostro, eclipsando o escaso talento que a natureza lle outorgara. Cada vez que o quitaba a inspiración desvanecíase e non era capaz de interpretar unha canción. Co tempo, os seus sombreiros chegaron a fusionarse con ela nunha só identidade, transformándoa nunha icona da moda mentres a música quedaba no esquecemento.
A finais dos noventa a súa actuación no San Froilán de Lugo, nunha Praza Maior, totalmente ateigada, foi todo un acontecemento; o sombreiro que lucía quedou gravado na memoria dos espectadores. Aínda hoxe hai moitos que se lembran da asombrosa posta en escena por parte da diva francesa. Esa noite decidín imitala. Ao día seguinte acudín á Sombreirería Da Costa, na rúa Conde Pallares de Lugo e merquei o meu primeiro chapeu. Desde aquela e ata o día de hoxe, non saio da casa sen esta prenda talismán.
por martinho | May 8, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
María Reimóndez presentará o seu último libro “A Casa do Amo”. Será ás 20:00 horas do mércores, día 15 de maio de 2024, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará tamén coa intervención de Luz Darriba, escritora, e de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
NOTA-INFORMATIVA-MARIA-REIMONDEZ
por martinho | May 8, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Trátase da última cita musical que propón Sinsalaudio en Vigo antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxos abonos sairán á venda o venres 10 de maio
O Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que promove a promotora Sinsalaudio, pecharase mañá, xoves 9, co seu terceiro e derradeiro concerto. O MARCO acollerá a estrea ao vivo en Galicia do saxofonista berlinés Julius Gabriel, quen fará parada na cidade olívica no marco da xira mundial de presentación do seu novo traballo discográfico, Tales from the Subterranean. As entradas para o directo, que comezará ás 20.30 horas, están á venda a través da plataforma en liña Enterticket.
Sinsal Primavera, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente. Para o derradeiro concerto desta edición, o evento propón descubrir, por vez primeira en Galicia, ao saxofonista alemán Julius Gabriel, artista que explora os límites e as complexidades do instrumento, ademais da interacción entre a corporalidade, a acústica, a trascendencia e a hipnose.
A base musical de Julius Gabriel -labrada en escolas de música públicas, clubes ‘underground’ e universidades- está fondamente arraigada á improvisación, para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. Como solista ten publicado numerosos discos, mais tamén ten sido parte de proxectos corais como Paisiel, Ikizukuri, Das Behälter, Blutiger Jupiter, About Angels and Animals, The Dorf ou Barry Guy Blue Shorud Band. Agora chega a Vigo no marco da xira de presentación do seu quinto traballo en solitario, Tales from the Subterranean, un álbum nado na pandemia e que supón un testemuño claro da resiliencia da expresión artística. O concerto comezará ás 20.30 horas do xoves 9, mais a apertura de portas terá lugar ás 20.15 horas. As entradas para este terceiro e último directo de Sinsal Primavera 2024, no que o alumnado dos conservatorios vigueses ten a posibilidade de acceder ás actuacións cun 50% de desconto, están á venda desde 10 euros na plataforma en liña Enterticket; ainda que tamén é posible adquirir o billete o propio día do concerto no acceso á sala.
O concerto de Julius Gabriel no MARCO é a última cita viguesa que propón Sinsalaudio antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, que terá lugar na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo e cuxos abonos sairán á venda este mesmo venres, 10 de maio, mentres que as entradas por día farán o propio o vindeiro luns, día 13. Para máis información, pódese visitar https://festival.sins.al/.
SINSAL PRIMAVERA 2024 | JULIUS GABRIELData: Xoves 9 de maio
Hora: 20.30h (apertura de portas ás 20.15 horas)
Lugar: MARCO de Vigo
Evento: Concerto de Julius Gabriel no marco da xira mundial de presentación do seu novo disco, nomeado Tales from the Subterranean.
Escoita Julius Gabriel en Bandcamp
Julius Gabriel ao vivo – Vídeo en Youtube
20240508-NP-GAL-Sinsal-Primavera-2024-JULIUS-GABRIEL