Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O CHAPEU DE AMANDINE BARBIER

Amandine, afamada cantante do século pasado, nacida en Arromanches, rexión de Calvados, destacou máis polos seus estrafalarios chapeus que pola súa voz ou letras. Os deseños únicos da casa parisiense “La Folie des Chapeaux” eran tan grandes que  ocultaban case  por completo o seu rostro, eclipsando o escaso talento que a natureza lle outorgara. Cada vez que o quitaba a inspiración desvanecíase e non era capaz de interpretar unha canción. Co tempo, os seus sombreiros chegaron a fusionarse con ela nunha só identidade, transformándoa nunha icona da moda mentres a música quedaba no esquecemento.

A finais dos noventa a súa actuación no San Froilán de Lugo, nunha Praza Maior, totalmente ateigada, foi todo un acontecemento; o sombreiro que lucía quedou gravado na memoria dos espectadores. Aínda hoxe hai moitos que se lembran da asombrosa posta en escena por parte da diva francesa. Esa noite decidín imitala. Ao día seguinte acudín á Sombreirería Da Costa, na rúa Conde Pallares de Lugo e merquei o meu primeiro chapeu. Desde aquela e ata o día de hoxe, non saio da casa sen esta prenda talismán.