TRES MULLERES NA ESCURIDADE

Mércores 15- 19,30 hs- Biblioteca Anxel Casal– 

No salón de actos. Actividade dirixida a público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala

Se o principio foi a palabra, antes dela foi o son e, despois, o entendemento e transmisión da súa melodía. Velaí a Música, que brota como o río da existencia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixencia. Velaí a Poesía, palabra melódica.

“Tres mulleres na escuridade”, é o encontro dunha poeta, escritora, dramaturga, ensaísta, feminista comprometida coa cultura e a vida, dunha violinista que reserva con gusto refinado, melodías de autores internacionais e galegos, e dunha actriz e contadora de historias que desde a máis profunda admiración e emoción dá voz aos textos escollidos.

Tres mulleres pensan, senten, crean e recrean , interactúan, enlazan as súas vidas.

Dende a súa obra, Luisa Villalta, do seu violín Irina Gruia, dende o escenario a voz de Sole Felloza.

A escuridade énchese de palabras e melodías, é unha viaxe ao universo lúcido e comprometido dunha creadora singular, cada verso, texto, melodía é un paso, un xogo que deixa atrás as sombras.

Textos seleccionados de «Música  Reservada», «Ruído», «Rota ao interior do ollo», «Concerto para un Home só», «Estudo das sombras»  En Concreto”, “Grial do sol perdido”entre outros.

Música: Julia Dopico Vale, Rosendo Mato, Jules Massenet, Johann Sebastian Bach, Mozart, Chopin, Grieg, Shostakovich entre outros.

Posta en escena: Sole Felloza

Arreglos musicais: Irina Gruia

Sole Felloza 

Sole Felloza é actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Actual directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia. Leva máis de 30 anos contando en festivais de América Latina, Europa e Africa.

Irina Gruia

Nada en Brasov, Romania, na coñecida rexión de Transilvania. Comeza a tocar o violín con 5 anos, sendo o inicio dunha infancia marcada pola participación en diversas actuacións por toda Europa, gañando varios premios en competicións musicais internacionais. Os seus estudos de Conservatorio Superior continúan nos Estados Unidos, onde estudia con Philip Setzer y Eugene Drucker, os dous violinistas do Emerson String Quartet. No ano 2003, Irina aproba a oposición para a «Real Filharmonía de Galicia», en Santiago de Compostela, desenvolvendo una intensa vida musical onde, ademáis das actuacións coa Real Filharmonía, Irina participa en diferentes grupos de cámara, en actos culturais e imparte clases de violín.

Dende o ano 2018 xuntas forman parte de ConcerArt un proxecto no que participan destacados músicos do país, co obxetivo de facer máis próxima a música clásica a todos os públicos..

Esta actividade conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.