Trátase da última cita musical que propón Sinsalaudio en Vigo antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxos abonos sairán á venda o venres 10 de maio

Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que promove a promotora Sinsalaudio, pecharase mañá, xoves 9, co seu terceiro e derradeiro concerto. O MARCO acollerá a estrea ao vivo en Galicia do saxofonista berlinés Julius Gabriel, quen fará parada na cidade olívica no marco da xira mundial de presentación do seu novo traballo discográfico, Tales from the Subterranean. As entradas para o directo, que comezará ás 20.30 horas, están á venda a través da plataforma en liña Enterticket

Sinsal Primavera, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente. Para o derradeiro concerto desta edición, o evento propón descubrir, por vez primeira en Galicia, ao saxofonista alemán Julius Gabriel, artista que explora os límites e as complexidades do instrumento, ademais da interacción entre a corporalidade, a acústica, a trascendencia e a hipnose. 

A base musical de Julius Gabriel -labrada en escolas de música públicas, clubes ‘underground’ e universidades- está fondamente arraigada á improvisación, para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. Como solista ten publicado numerosos discos, mais tamén ten sido parte de proxectos corais como Paisiel, Ikizukuri, Das Behälter, Blutiger Jupiter, About Angels and Animals, The Dorf ou Barry Guy Blue Shorud Band. Agora chega a Vigo no marco da xira de presentación do seu quinto traballo en solitario, Tales from the Subterranean, un álbum nado na pandemia e que supón un testemuño claro da resiliencia da expresión artística. O concerto comezará ás 20.30 horas do xoves 9, mais a apertura de portas terá lugar ás 20.15 horas. As entradas para este terceiro e último directo de Sinsal Primavera 2024, no que o alumnado dos conservatorios vigueses ten a posibilidade de acceder ás actuacións cun 50% de desconto, están á venda desde 10 euros na plataforma en liña Enterticket; ainda que tamén é posible adquirir o billete o propio día do concerto no acceso á sala.  

O concerto de Julius Gabriel no MARCO é a última cita viguesa que propón Sinsalaudio antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, que terá lugar na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo e cuxos abonos sairán á venda este mesmo venres, 10 de maio, mentres que as entradas por día farán o propio o vindeiro luns, día 13. Para máis información, pódese visitar https://festival.sins.al/


SINSAL PRIMAVERA 2024 | JULIUS GABRIELData: Xoves 9 de maio
Hora: 20.30h (apertura de portas ás 20.15 horas)
Lugar: MARCO de Vigo 
Evento: Concerto de Julius Gabriel no marco da xira mundial de presentación do seu novo disco, nomeado  Tales from the Subterranean. 

Escoita Julius Gabriel en Bandcamp

Julius Gabriel ao vivo – Vídeo en Youtube

20240508-NP-GAL-Sinsal-Primavera-2024-JULIUS-GABRIEL