Concertos de Música Miúda para crianzas na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 22 de xaneiro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María retomamos a actividade cultural dirixida para as nenas e nenos e as súas familias. E facémolo cun concerto de MÚSICA MIÚDA.

“Música Miúda” é unha banda composta por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez que naceu en 2019 e percorreu con dous espectáculos (“Cambia o conto” e “Historias de Bemol Pequeno”) moitas bibliotecas e escolas galegas. Espectáculos en que mesturan contos e cancións de creación propia, con especial fincapé na diversidade e a integración, cunha perspectiva de xénero. Actualmente están a preparar o seu primeiro libro-disco. 

No concerto deste sábado van recompilar os temas da banda que conforman os dous contacontos musicais. A meiga Xela, o dinosauro Pepón, Antía Carapuchiña, o pirata Efrén e máis personaxes levarán ás persoas que asistan pola vila de Bemol Pequeno para aprender, cantar e divertirse nun espectáculo de música en directo para toda a familia! 

É unha actividade dirixida para nenas e nenos maiores de 3 anos. Para asistirdes á actividade cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: AMOR PAXARO

AMOR PAXARO, Miguel Díaz

Amor paxaro

Sostennos soamente o amor, acotío desprezado. O amor paxaro nunha gaiola. O amor que escolle vivir encarcerado. O amor imparable e o amor á cadea. O amor un día ferido, ao seguinte esnaquizado. O amor rexurdido.

Nas súas dispares feituras, o amor billete de ida. Que é e non se reflicte. O amor que cala e o que é silenciado. O amor que se agocha, errático, nas tebras dun orgullo ferido. O amor á beleza, de infindas maneiras marxinada. O amor á forma e á silueta. Ao abismo, ás marxes. Ás augas dun río en fuxida, ao illó dun prado cercado. O amor á espiña, defensa do pétalo albiscado. Ao conflito, tamén, que en ti se tece, que nas mans me ferve. O amor á cerna e á mirada, nela debuxado. E o amor debuxando a mirada.

Sostennos o amor, na humidade da outonía, na folla do carballo. O amor en travesía e o amor ancorado. O amor que sempre é hoxe e que nunca é pasado, que no  cancro do presente salta o valado.