O novo podcast de David Perdomo, El Nicho, será o evento encargado de inaugurar este EMHU 2024 no Auditorio da Sede Afundación, ás 20.00h, cun invitado moi especial: Xosé A. Touriñán
Pola súa banda, o Coliseum acollerá este venres, 26 de abril, ás 21.00h, o agardado espectáculo La capital del pecado 2.0, do ‘showman’ total Juan Dávila, que reunirá a máis de 6.500 persoas
A cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo, coa cifra récord de máis de 20.000 entradas despachadas, presentará na cidade herculina espectáculos como Mentes peligrosas,Esto no es un show, La ruina ou as galas exclusivas Humoris Causa e Fantastic Colofon
O EMHU 2024 pendurou o cartel “entradas esgotadas” na meirande parte dos espectáculos, mais é posible adquirir billetes a través de www.emhu.es para Celebreixon, Go Home e Tengo cosas para hacer; ou asistir ás actividades con entrada libre, como o Match de Impro, as mesas redondas Coidado coas bromas e O negocio del humor, ou a presentación do libro Pérdidas de risa
O Encontro Mundial de Humorismo arranca este xoves, 25 de abril, a súa cuarta edición na Coruña. Serán once xornadas para construír e destruír realidades a través do humor, ademais de derrubar tristuras e clixés coa mellor comedia do momento. Até o 5 de maio, o EMHU 2024 reunirá na cidade herculina ás figuras máis destacadas da escena humorística estatal e galega, como é o caso de Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, David Amor, David Cepo, David Perdomo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Juan Herrera, Jordi Moltó, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Raquel Martos, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé Antonio Touriñán ou o trío As R(h)umorosas, conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.
O podcast El Nicho, do coruñés David Perdomo, será o evento encargado de inaugurar este EMHU 2024 no Auditorio da Sede Afundación. A cita (xoves 25, ás 20.00 horas) contará cun invitado moi especial: Xosé A. Touriñán. A apertura de portas terá lugar ás 19.30 horas e o acceso será libre até completar a capacidade do auditorio. Cómpre salientar que esta actividade forma parte da campaña Cultura por Alimentos, na que o EMHU colabora con Afundación (Obra social ABANCA), de xeito que o público terá a opción de “trocar” a súa entrada de balde por unha doazón de alimentos non perecedoiros que, posteriorimente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas.
Pola súa banda, o venres, 26 de abril, o EMHU servirá un dos seu pratos fortes deste 2024 no Coliseum. A partir das 21.00 horas, máis de 6.500 persoas gozarán con La capital del pecado 2.0, deJuan Dávila, un dos ‘showman’ máis aclamados do momento; e que regresa ao evento logo de encher no EMHU 2023, en cuestión de minutos, o Teatro Colón. Para ver a Dávila nesta edición, os billetes esgotáronse nunhas horas.
Coa cifra récord de máis de 20.000 entradas e convites despachados, a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo presentará na Coruña algúns dos espectáculos en xira máis relevantes do momento, como Mentes peligrosas, Esto no es un show ou La ruina, mais tamén ofrecerá as xa clásicas galas de produción propia Humoris Causa e Fantastic Colofon, a gala final na que se entregarán os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso. Para todas estas citas as entradas están esgotadas desde hai semanas, pero o público aínda pode gozar dalgunhas propostas do EMHU 2024: quedan os últimos billetes dispoñibles para Celebreixon (con Roberto Vilar, 28 de abril, en dobre función), a obra de teatro Go Home (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio, baixo a dirección de Tito Asorey) ou a estrea en España da xira Tengo cosas para hacer da arxentina Dalia Gutmann (3 de maio en Afundación). As entradas pódense adquirir a través da páxina web www.emhu.es ou da plataforma www.ataquilla.com.
Ademais, o público interesado en asistir ao EMHU de xeito gratuíto, terá a oportunidade de achegarse até a Sede de Afundación para rir co Match de Impro, da Escuela Impro Coruña (27 de abril, 12.30h) ou ser parte dos parladoiros Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia(30 de abril, 20.00h) e O negocio do humor (4 de maio, 12.30h). Ademais, a Librería Santos Ochoa da rúa Teresa Herrera acollerá a presentación e sinatura do libro Pérdidas de risa, un acto no que a súa autora, Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.
DÚAS SEMANAS PARA CONSTRUÍR E DESTRUÍR COA MELLOR COMEDIA
O Encontro Mundial de Humorismo, a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades como de público, celebrará a súa cuarta edición na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. O evento está impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia.
A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa –Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, La nueva normalidad, La ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa -na que se atoparán por vez primeira xuntos nun escenario Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril-.
Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da proposta Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou a gravación do podcast El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. As invitacións para estas dúas actividades esgotáronse en horas.
Porén, aínda é posible asistir a outras das actividades de entrada libre do EMHU. En Afundación (na que se convida ao público a participar na campaña Cultura por Alimentos, que supón “trocar” a entrada de balde por alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Altas) daranse cita El Nicho de David Perdomo, Match de Impro da Escuela Impro Coruña, e os parladoiros Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor. Ademais, a Libraría Santos Ochoa acollerá a presentación do novo libro de Sílvia Abril, nomeado Pérdidas de risa.
AXENDA EMHU 2024 – XOVES 25 E VENRES 26
SOBRE EL NICHO
Xoves 25 de abril, 20.00h
David Perdomo desembarca no Encontro Mundial de Humorismo con El Nicho, un espectáculo baseado no seu podcast sobre perfumes. Si, leron ben, perfumes: cheiros que non se poden compartir en Youtube, pero que, por fin, todo o mundo poderá gozar en directo. Unha experiencia olfactiva que nos levará por toda a historia con moito humor e retranca e na que, por suposto, estará acompañado. Polo seu programa pasaron figuras como Dani Rovira, Lúa Mosquetera, Pablo Meixe ou Bárbara Grandío, entre outros moitos referentes. Nesta ocasión especial, Perdomo non podería elixir un mellor invitado. Coruñés, do Dépor e un dos cómicos máis queridos polo público do EMHU: Xosé A. Touriñán.
SOBRE LA CAPITAL DEL PECADO 2.0 , DE JUAN DÁVILA
Venres 26 de abril, 21.00h
Juan Dávila, o auténtico showman, o mesías da improvisación, volve ao EMHU co monólogo cómico do momento. Un espectáculo ideal para ver coa familia, cun grupo de amigas, en parella, se estás solteiro ou solteira, se estás buscando novas oportunidades (quen sabe!) ou con algunha cita inesperada. Sábese como comeza, pero o final sempre é decisión do público: forma parte do imprevisible. Este primeiro venres do EMHU, un Coliseum ateigado gozará co show máis gamberro e atrevido do ano!
PROGRAMACIÓN EMHU 2024
Xoves 25 de abril, 20.00h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
El Nicho. David Perdomo.
Venres 26 de abril, 21.00h | COLISEUM (entradas esgotadas)
La capital del pecado 2.0. Juan Dávila.
Sábado 27 de abril, 12.30h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
Match de impro. Escuela de Impro Coruña.
Sábado 27 de abril, 19.00 e 22.00h | PALEXCO (entradas esgotadas)
Mentes peligrosas. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.
Domingo 28 de abril, 17.30 e 20.00h | TEATRO COLÓN
Celebreixon. Roberto Vilar.
Martes 30 de abril, 19.30h | TEATRO COLÓN (convites esgotados)
Lo que me han enseñado los mayores. Jordi Moltó.
Martes 30 de abril, 20.00h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia. Dani Alés, Luis Álvaro, Alberto Olmos e José María Rodríguez Santos.
Mércores 1 de maio, 19.30h | TEATRO COLÓN
Go Home. Espectáculo dirixido por Tito Asorey, con David Amor e Josito Porto.
Xoves 2 de maio, 20.00 e 22.30h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
Esto no es un show. Galder Varas.
Venres 3 de maio, 19.00h | LIBRARÍA SANTOS OCHOA (r/ Teresa Herrera) (entrada libre)
Presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril. Con Sílvia Abril e Luis Piedrahita.
Venres 3 de maio, 19.00h | SEDE AFUNDACIÓN
Tengo cosas para hacer. Dalia Gutmann.
Venres 3 de maio, 21.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
La nueva normalidad. Álex Clavero.
Sábado 4 de maio, 12.30h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
O negocio do humor. Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e Luis Piedrahita.
Sábado 4 de maio, 12.30 e 18.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
La Ruina. Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
Sábado 4 de maio, 19.00 e 22.00h | PAZO DA ÓPERA (entradas esgotadas)
Humoris Causa. Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.
Domingo 5 de maio, 12.30h | TEATRO COLÓN (convites esgotados)
El sentido de la birra. Ricardo Moya e Antonio Resines.
Domingo 5 de maio, 20.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
Fantastic Colofon. As R(h)umorosas, David Cepo, Javier Veiga e Xosé A. Touriñán.
Inclúe a entrrega dos Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso.
PROGRAMA
Programa_EMHU2024_baixa-2