O grupo EXERIA presenta o seu novo sinxelo “Ata que sexamos reis”


O estilo do grupo EXERIA estaría nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos 90 ́s, e incluso o britpop, todo aderezado con letras en galego. As raíces son importantes para calquera proxecto, e a sensación de pertenza a un lugar e a un tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións, formando así o leito polo que discorre o seu discurso estilístico.
Logo da presentación de “Un novo nome” en marzo deste ano, a súa consecuente xira por todo o sur da Galicia e de gañar o concurso de bandas do Trece Roeis Fest 23, a banda do Condado segue avanzando a pasos cada vez máis grandes, dar pasos coa presentación en directo do seu primeiro sinxelo “Un novo nome”. Gravado en Estudios Lufs, atopámonos cun tema dos máis celebrados no seu potente directo.
O 27 de outubro EXERIA estrea o novo sinxelo “Ata que sexamos reis” que virá acompañado dun videoclip dirixido por Nazaret Pastoriza. Un vídeo no que aparecen as máscaras do entroido das perriñas, tradicional da aldea de Ribadetea, en Ponteareas, recentemente recuperado.
A portada do sinxelo está deseñada polo artista Adrián Rodríguez Parcel e reflicte perfectamente a temática da canción, que trata sobre os esforzos que os protagonistas fan para acadar as súas metas (sexan temas amorosos, conflitos internos ou escaladas de poder); asuntos que o grupo trata nunha clave case pop-rock, con contundentes retrousos e partes máis oníricas-ambientais-melódicas.

As primeiras datas de presentación serán: 

Sabado 28/10 22:00h
La disfrutona del Orzan 
C/Bosco nº5 A Coruña
Xunto a SKIRL
10€

Martes 31/10 21:30
Fabrica de Chocolate (JAGÜELIN PARI)

C/Rogelio Abalde nº22 Vigo
Xunto a The Lelly Kelly´s
8€

A continuación vai a información de dous dos grupos que acompañarán a EXERIA na presentación do seu novo sinxelo

Skirl-Bio-y-enlaces-de-interes

Dossier-2024-The-Lelli-Kellys-1

O FIOT convida á reflexión sobre o acoso escolar, a homofobia e os prexuízos sociais coa estrea absoluta de ‘O pequeno poni’

A compañía Redrum Teatro leva á escena a súa adaptación ao galego da obra de Paco Bezerra,un dos referentes da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática

Ao finalizar a función do venres, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 á xornalista cultural Ana Romaní

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acollerá este venres, 13 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta do espectáculo O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro a partir dun texto asinado polo dramaturgo Paco Bezerra, referente da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática 2009. A obra expón un conflito social de actualidade e moitas veces silenciado, como é o ataque ao diferente e o acoso escolar, unha dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo. 

Redrum Teatro, compañía comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto de Paco Bezerra que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos. Coa súa proposta, Redrum Teatro dirixe a mirada ao acoso escolar a raíz dunha escrita da que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBIQ+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e mais da incomprensión familiar. 

A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, quen participaron, esta mañá, na presentación do espectáculo, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés. O elenco estivo acompañado polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da localidade bergantiñá, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Na súa intervención, Guillermo Carbajo sinalou que estrear O pequeno poni no marco do FIOT é unha “gran satisfacción”, xa que se trata dun dos grandes festivais en Galicia e un “auténtico referente” para a escena do país. “É a primeira vez que estreamos no FIOT e iso é sempre unha garantía absoluta para un espectáculo que bota a andar”, explicou Carbajo. O actor quixo manifestar o agradecemento da compañía á organización do festival e aproveitou a ocasión para facelo extensible ao Concello do Grove, cuxo auditorio acolleu os ensaios, ao Concello de Teo e á Agadic, xa que O pequeno poniconta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica. 

No referente á obra, Carbajo limitouse á destacar que o seu personaxe achégalle unha perspectiva de “aceptación da diversidade e meis de tolerancia” a unha historia que, durante a rolda de prensa, analizou máis polo miúdo a actriz Laura Míguez, coprotagonista da montaxe. “Este texto de Paco Bezerra pon o foco nunha serie de temas que son fundamentais hoxe por hoxe: o respecto á identidade e á diversidade, a violencia institucional e os diferentes paradigmas da crianza”, sinalou Míguez. 

A actriz puxo o foco neste último aspecto ao indicar que Irene e Xaime, os dous protagonistas do espectáculo, son dous pais que intentan “facelo o mellor posible” ante o conflito empregando “as ferramentas que teñen”. “Cada un destes pais difiren nas formas, amosan aspectos polarizados e esta situación repercute no seu fillo”, reflexionou Míguez antes de engadirlle outro elemento que afecta o benestar do cativo: “a violencia institucional”. “A institución, neste caso representada no centro educativo, amosa a incapacidade tanto para actuar e tomar medidas radicais fronte ás agresións como para asesorar as familias”, afondou Míguez.

O pequeno poni

Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez) conforman unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, quen vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida: O meu pequeno poni. Algo inocente que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afronta a parella, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta a obra, unha peza que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais coma colectivas. 

Paco Bezerra escribiu este texto no 2016 a raíz de diferentes novas dos Estados Unidos que coñeceu a través dos medios. Concretamente, céntrase no caso de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu á escola cunha mochila da serie nomeada anteriormente. Mais Grayson nunca chegou a sentar no pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. Neste caso, a dirección do colexio optou por culpabilizar ao menor agredido e acusouno de “disrupción na aula”.

Encontro con Paco Bezerra, Alex Sampayo e Guillermo Carbajo na ‘Escola do espectador nas ondas’

Para todas aquelas persoas que queiran afondar tanto no texto coma na montaxe de Redrum Teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo propón unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar o sábado 14, ás 17.00 horas, no Dubra Café. A cita, de acceso libre, contará coa participación do director de O pequeno poni, Alex Sampayo, do actor Guillermo Carbajo e do dramaturgo Paco Bezerra. O podcast estará dispoñible na sección de OndaFIOT no espazo web www.fiot.gal.


Entrega do premio Xograresa de Outono

Por outra banda, o mesmo venres 13, contra as 22.15 horas, unha vez finalice a función de O pequeno poni, o FIOT de Carballo entregará o galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní. A xornalista, Premio Nacional de Periodismo Cultural 20218, súmase así á comunidade de honra do FIOT, que congrega ás e aos profesionais imprescindibles para o desenvolvemento das artes escénicas do país. 

Ao outorgar este recoñecemento, tanto as xograresas e xograres de outras edicións, coma o propio FIOT, salientan o papel de Ana Romaní como figura imprescindible no xornalismo cultural. Con este recoñecemento, o festival abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo así en valor a súa relevancia e necesaria labor par o coñecemento e a consolidación do teatro. 

AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO

Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura
É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta
Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889

Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro

Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón
Por elas (concerto), de Adhara e Ritman

Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia

Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas

Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas

Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura*
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta
Ao finalizar a función, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir

Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Con Alex Sampayo (director de Redrum Teatro), Guillermo Carbajo (actor de O pequeno Poni) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2009.
Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa

Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo

20231011-NP-FIOT32-O-pequeno-poni

Dios Ke Te Crew celebra os seus ‘Tremendos Anos 20’ cunha xornada maratoniana de concertos o 2 de decembro en Santiago de Compostela

A banda máis emblemática do hip hop do país celebrará o seu vinte aniversario a través dun “abraiante akelarre musical de amizades” que se desenvolverá nas salas Capitol e Malatesta desde as 19.30h da tarde e até as 05.00h da mañá

Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores actuarán na festa de aniversario, na que tamén colaborarán Grande Amore, Malandrómeda, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou Guillerme (Quempallou), entre outros nomes

DKTC activa hoxe mesmo a venda de entradas, que inclúen un exclusivo fanzine de agasallo, no espazo web
www.diosketecrew.org; no que haberá un cupo limitado de billetes para aquelas persoas que queiran acceder “á cerimonia litúrxica completa”

Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, celebrará o vindeiro 2 de decembro os seus vinte anos sobre os escenarios por todo o alto: Santiago acollerá, entre as 19.30 e as 05.00h, unha xornada maratoniana de concertos e actuacións nas que DKTC se acompañará de artistas da escena musical galega, como Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes. As entradas para a cita, que terá lugar nas salas Capitol e Malatesta, están desde hoxe mesmo dispoñibles no espazo web www.diosketecrew.org e na plataforma en liña www.enterticket.es
A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras da propia banda, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, celebrará dúas décadas de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) e Guillerme (Quempallou) compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol. Será unha data sinalada na historia do grupo, “porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda”, aseveran os seus membros.

Mais esta excelsa celebración ampliará o seu espazo de festexos e chegará a dúas salas da cidade, “porque unha soa sabía a pouco”, explica DKTC. Así, entre as 19.30 e as 00.00h, a actividade desenvolverase na Sala Capitol, mentres que, entre as 00.30 e as 05.00h, a festa acontecerá na Malatesta co concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, ademais doutras sorpresas adicionais.

As entradas para a festa de aniversario ‘Tremendos Anos 20’ xa están á venda na web oficial da banda, www.diosketecrew.org. O público poderá adquirir, por 20€, a entrada que dá acceso unicamente á Capitol, ou o bono que dá acceso á experiencia completa (Capitol + Malatesta, 25€), do que haberá un cupo limitado de billetes dispoñibles ao que poderán acceder as primeiras compradoras. Ademais, para culminar esta celebración, o público recibirá pola compra de cada entrada, como agasallo, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións de artistas gráficas e 20 remixes de hits de DKTC realizados por outros tantos produtores musicais. Un traballo portentoso que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial. 

DIOS KE TE CREW

Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LPs, diversos EP e percorrer centos de escenarios, DKTC publica no 2022 En que ano estamos?, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos máis salientables dos últimos tempos: OG, con Boyanka Kostova.

O vindeiro 2 de decembro, a banda -acompañada de A.L. Crego nos visuais- festexará os seus Tremendos Anos 20 sobre os escenarios en Santiago de Compostela, nunha xornada que, de seguro, ficará no recordo das persoas seguidoras da recoñecida banda de Ordes.

20231011-NP-Concerto-Tremendos-Anos-20

O FIOT estrea mañá o espectáculo inclusivo ‘É meu amigo!’, no que a lingua de signos e a oral en galego contan por igual

A compañía coruñesa A trastenda dos contos, conformada por Gema Santos e Caxoto, presenta unha obra para público infantil que pretende sensibilizar na integración e na igualdade de oportunidades; e que conta co apoio do FIOT, preocupado tamén pola atención ás necesidades de todos os públicos

O público infantil tamén poderá gozar esta semana de obras como Ma solitud, do recoñecido clown catalán Guillem Albà; Gernika (danos colaterais), de Os monicreques de Kukas; ou mesmo Solo, de Roi Borrallas, peza que abre este xoves 12 unha nova edición do FIOT en Ruta

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, situada no andar -1, acollerá desde mañá,a partir das 20.00 horas, a exposición monográfica Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

O Programa de Sala ofrecerá a estrea absoluta de O pequeno poni, de Paco Bezerra, quen participará o sábado 14 na Escola do espectador das ondas; ademais das funcións de Sexpiertos, que conta no seu reparto con Telmo Uriarte Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- ou da comedia negra El Traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo coma protagonistas

A Rúa dos Contos ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais da man de Vero Rilo e Santi Cribeiro, coa proposta Tralalareira, e o concerto Por elas, con Adhara e Ritman

Liñas de programación como FIOT en Ruta, que leva o teatro ás parroquias da comarca de Bergantiños, ou as funcións de microteatro do Certame Metro Cadrado inician esta semana a súa actividade

A estrea absoluta do espectáculo inclusivo É meu amigo!, da compañía A Trastenda dos Contos, marcará o inicio dunha semana no FIOT marcada pola súa intensa actividade escénica e coa ollada posta no público infantil, con funcións programadas en seis das súas liñas de programación escénica, como Fiotiño, Rúa dos Contos, OTNI, FIOT en Rita, Programa de Sala e Metro Cadradro; ademais da apertura da mostra monográfica sobre Carlos ‘O Xestal’ no Pazo da Cultura. 
É meu amigo! é un espectáculo inclusivo para persoas xordas e ouvintes, no que a lingua de signos e lingua oral contan e se integran por igual grazas ao traballo  conxunto, para a creación desta peza, de Gema Santos e Caxoto, narrador cunha extensa traxectoria no FIOT e, particularmente, na liña para o público máis novo: o Fiotiño. “Cremos que a xestualidade da lingua de signos, e a combinación da palabra e do xesto, suma moito á hora de narrar contos”, apuntou Caxoto esta mañá na presentación da obra.  Neste sentido, Gema Santos salientou “a importancia de que a cultura visualice e conte, nas súas propostas, cunha lingua minorizada como é a de signos; que ademais dota de riqueza ao espectáculo”. 

Logo de dous anos de investigación na integración entre as dúas linguas -nas que, por exemplo, a construción gramatical é diferente- e a realización dunha residencia artística en Carballo, a estrea absoluta de É meu amigo! terá lugar mañá, mércores 11, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura; e a entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O FIOT apoia este espectáculo -dirixido especialmente ao público infantil- preocupado tamén por manter un comportamento socialmente responsable e pola atención ás necesidades de todo o público, e lembra que haberá espazos nas primeiras filas para persoas e familias con diversidade auditiva

O acto desta mañá tamén deu pé ao anuncio da inauguración, este mércores 11 ás 20.00 horas, da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ unha proposta monográfica que se achega á persoa e ao traballo artístico do narrador oral Carlos Díaz Gestal, coñecido como ‘O Xestal’, a través dalgúns obxectos persoais e de gravacións que del se conservan. A mostra, que se situará no andar -1 do Pazo da Cultura, poderase visitar até o 12 de novembro. 

PROGRAMACIÓN DO FIOT NA PONTE DE OUTUBRO

Alén da estrea de É meu amigo!, o público infantil -especialmente a partir dos 8 anos- poderá gozar con outros espectáculos ao longo desta extensa fin de semana. Así, o día 12, o recoñecido clown catalán Guillem Albà presentará no marco do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha dobre función do seu premiado espectáculo Ma solitud -Premio Fetén 2023 ao Mellor Espectáculo de Pequeno Formato- que estreará en Galicia e do cal ofrecerá sesións ás 18.00 e ás 20.30 horas. Ao día seguinte, o venres 13, a compañía pioneira no teatro de marionetas en Galicia, Os monicreques de Kukas, presentará Gernika (Danos colaterais), un alegato antibelicista, stuil e poético que rende honmanxe a Picasso. Na peza,  pensada para pases de 5 minutos, cun único espectador, conta cun formato de teatro íntimo, case de pintura en movemento, no que prima o traballo artesanal e a mirada plástica e artística. 
Para público miúdo tamén é o espectáculo que abrirá unha nova edición do FIOT en Ruta, o programa do festival que leva as artes escénicas ás parroquias de Bergantiños. Así, o xoves 12, o clown galego Roi Borrallas presentará no Centro Social de Oza, ás 19.00 horas, o seu espectáculo Solo, proposta na que, a través dos monicreques, da manipulación de obxectos e do humor, reflexionará sobre a soidade e as caretas que todas e todos nos poñemos no día a día. 

No caso do Programa de Sala, a programación estará marcada pola estrea absoluta, o venres 13, deO pequeno poni, de Paco Bezerra (Premio Nacional de Literatura Dramática 2019), cunha adaptación ao galego presentada pola compañía Redrum Teatro baixo a dirección de Álex Sampayo. Protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, a peza aborda o acoso escolar e a homofobia. Ao día seguinte, ás 17.00 horas, o Dubra Café acollerá unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas na que participarán Paco Bezerra e Álex Sampayo. 

Ademais, o sábado 14 o auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha función de Sexpiertos, que chega da man de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se desenvolve entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na súa quinta edición, CEN -que se vinculou ao festival desde os seus inicios- escolleu FIOT como a iniciativa cultural galega de referencia para visualizar nos demais territorios participantes no proxecto. Nesta ocasión, propón un espectáculo distinguido co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta co intérpreteTelmo Uriarte -Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- como cocreador e coprotagonista.

Xa de cara ao domingo 15, o FIOT presentará un dos pratos fortes desta edición, a comedia negra El Traje, que conta con dúas das figuras máis recoñecidas do panorama escénico e audiovisual de España, como son os premiados Javier Gutierrez e Luis Bermejo. A cita, que en seguida esgotou as entradas dispoñibles, presentarase en Carballo o domingo 15 ás 20.30 horas. 

Por outra banda, a Rúa dos Contos, o XXIV ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais do ano, Por unha banda, a narradora Vero Rilo, acompañada ao acordeón por Santi Cribeiro (Berrogüetto, Os d’Abaixo) presentarán no Casino 1889 (mércores 11, 21.00 horas) Tralalareira, historias de vida, de tradición oral e de contos para cantar. Dúas horas despois, ás 23.00 horas, a Taberna O Patacón acollerá o concerto Por elas, de Ahara & Ritman, no que a protagonista absoluta serán  as letras das cancións. 

Finalmente, o sábado 14 dará comezo o VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a proposta de microteatro do FIOT para apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. O acceso a estes espectáculos é gratuíto, mais cómpre facer unha reserva de praza previa a través do enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com. As primeiras sesións terán lugar o sábado no taller de olería Crúa María Barca, na que se estreará Ananké? Edipo en 15 minutos, de Contradictoria Compañía, -na que a través do metateatro e o humor cuestionarán a liberdade do ser humano- e na pista de skate, na que Souvenir representará O que é o raio, nin maldita idea, un espectáculo que xoa coas expectativas do público nunha viaxe surrealista e irónica. Haberá catro funcións (12, 13, 18 e 19h) de cada peza. 

AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO

Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura
É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta
Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889

Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro

Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón
Por elas (concerto), de Adhara e Ritman

Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia

Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas

Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas

Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir

Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Coa participación de Álex Sampayo (director de Redrum Teatro) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2019 e autor de O pequeno poni.

Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa

Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo

20231020-NP-E-meu-amigo-terceira-semana-FIOT32

IRIBARNE, a nova obra de ButacaZero sobre Manuel Fraga, estréase no Centro Dramático Nacional este 12 de outubro

Con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, IRIBARNE radiografa en clave de humor a figura de Fraga e o seu papel na recente historia de España a partir dunha intensiva investigación que percorre dende o franquismo ata a democracia

A obra propón un trepidante xogo escénico a cargo dos seus intérpretes: Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Anxo Outumuro, Lidia Veiga e a propia Carrodeguas

Coproducida polo Centro Dramático Nacional, ButacaZero e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, IRIBARNE estará un mes en cartel no Teatro Valle-Inclán

ButacaZero estrea a súa nova proposta escénica, IRIBARNE, este xoves, 12 de outubro, noTeatro Valle-Inclán de Madrid. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e estará en cartel na Sala Francisco Nieva ata o 12 de novembro.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga, que, preguntada polo seu balance logo de investigar a figura do político, o cualifica como “un gran creador de contidos, que era quen de xerar o discurso que a el lle conviña en cada momento”.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar a Fraga. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, que creou unha banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que será editada por Subterfuge Records.

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

20231010-NP-Estrea-de-Iribarne-no-CDN

Camiño Escena Norte chega esta fin de semana a Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín

Sexpiertos, recoñecida co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta con Telmo Irureta -Mellor Actor Revelación nos Premios Goya 2023- como protagonista, poderase ver o venres 13 en Viveiro e o sábado 14 no marco da 32ª edición do FIOT de Carballo

Misery, a adaptación teatral de William Goldam da novela de terror homónima de Stephen King, chegará á Casa da Cultura de Vimianzo o sábado 14 da man da compañía asturiana Saltantes Teatro

Circus Magníficus, o espectáculo de malabares, equilibrismo e maxia  da compañía cántabra Malabaracirco, apto para todos os públicos, poderase ver o domingo 15 na Praza do Camiño de Portomarín

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa quinta edición entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, achegará esta fin de semana novas funcións do seu programa de exhibición e encontros co publico ás localidades de Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín. Do venres 13 ao domingo 15, a veciñanza destes municipios poderá gozar coas representacións de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, Misery, da asturiana Saltantes Teatro, ou de Circus Magníficus, da cántabra Malabaracirco. 

Un dos pratos fortes do circuíto de funcións do nomeado Itinerario Constelacións é o espectáculo Sexpiertos, da compañía vasca Tantakka Teatroa, unha peza que obtivo o Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción. O protagonista e cocreador é Telmo Irureta, quen acadou o Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación. Na peza interpreta a Nico, un xornalista con parálise cerebral. Sobre o escenario, con Ana (Miren Arrieta), unha vendedora de caramelos sumida en múltiples contradicións, explicarán sen complexos as súas vivencias afectivo sexuais para amosar que todas e todos nós temos diferentes medios, soños e ilusións. 

Sexpiertos contará esta fin de semana cunha dobre función en Galicia. Por unha banda, o venres 13 estará na mariña lucense, concretamente, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (20.30 horas). Ao día seguinte, o elenco viaxará ata Carballo, para presentar a súa proposta no marco do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Cómpre salientar que a 32ª edición do FIOT foi elixida este ano como a iniciativa cultural galega da liña de programación Vieiros, e que pon en valor o proxecto noutros territorios participantes do CEN (Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra). 

O sábado 14, a actividade de Camiño Escena Norte centrarase na Costa da Morte. Ademais da representación de Sexpiertos no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas), na que haberá un encontro ao finalizar co público, CEN chegará ata Vimianzo para presentar Misery, a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de terror homónima de Stephen King. Considerada unha proposta de culto no eido do terror psicolóxico, a peza será interpretada pola compañía asturiana Saltantes Teatro. Ao remate da función (que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas), celebrarase un encontro co público que contará coa mediación de Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro e presidente de Escena Galega. 

A última proposta para esta fin de semana chegará da man da compañía cántabra Malabaracirco, cunha ampla traxectoria en festivais e encontros de Europa, África e América, e responsables da xestión e coordinación da Escola Municipal de Circo e Teatro Físico de Torrelavega. Trátase do espectáculo Circus Magníficus, unha divertida peza na que unha singular troupe, liderada por Giuseppe Morosso, sorprenderá ao público ao combinar malabares, maxia, equilibrismo, funambulismo e, moi especialmente, altas doses de humor. A cita será o domingo 15, a partir das 18:00 horas, na Praza do Camiño de Portomarín. 

AXENDA CEN 2023 | VENRES 13, SÁBADO 14 E DOMINGO 15

13/10/2023 | 20.30 horas. Teatro Pastor Díaz, Viveiro. 

Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)

Público adulto | Reserva de entradas no teléfono 982560162 e no correo rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 14.00 horas e a partir das 19.30h. na billeteira do teatro o día da función. 

14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Pazo da Cultura, Carballo. 

Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)

Público adulto | Venda de entradas na web do FIOT, www.fiot.gal. Encontro co público ao remate. Acompaña: Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro).

Din que o corazón de Ana é un dormitorio baleiro. Nico quere tatuar o seu. Están atrapados nun ascensor e van pasar de seren descoñecidos a amigos. Ben, isto pasou hai tres anos, pero viaxando ao pasado, viviremos no presente o que nos veñan contar. O amor, o sexo, a soidade e os prexuízos da xente serán os temas a tratar. Unha historia de dous amigos, unha historia de crecemento persoal tinguida de humor e dor a partes iguales.


14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio da Casa de Cultura, Vimianzo.

Misery, de Saltantes Teatro (Asturias)
Público adulto | Venda de entradas en 
www.woutick.es. Prezo: 5 € Encontro co público ao rematar. Acompaña: Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)

Misery é a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de Stephen King do mesmo nome. Paul Sheldon, un célebre escritor de novelas románticas, sofre un grave accidente mentres conduce no medio dunha tormenta de neve. Pouco despois esperta na casa de Annie Wilkes, a muller que o rescatou. Por sorte para el, ela é enfermeira, así que, ademais de lle ofrecer refuxio durante a tormenta, axúdao coa recuperación das súas feridas. Ela confesa ser a maior admiradora da saga de novelas de Misery Chastain, creada por Paul. Pero tras pasar uns días na casa, Paul comeza a preguntarse se está a salvo con Annie. 

15/10/2023 | 18:00. Horas. Praza do Camiño, Portomarín (en caso de choiva, a función terá lugar no polideportivo municipal).
Circus Magníficus, de Malabaracirco (Cantabria)

Público infantil e familiar | Entrada libre ata completar capacidade

O gran Giuseppe Morosso chegou na súa caravana para sorprender a pequenos e grandes coa súa trouppe de circo. Esta creación pon en escena, ao máis puro estilo cabaret, un espectáculo que combina malabares, maxia, equilibrios, funambulismo e altas doses de humor. Unha obra destinada a público familiar, que nos achega as grandes proezas do circo, o máis difícil aínda, desta insólita equipa formada polo pallaso Americo Liflor, o robot funámbulo analóxico ZX81, e o equilibrista Kenny Bell.

20231009-Camino-Escena-Norte