A banda máis emblemática do hip hop do país celebrará o seu vinte aniversario a través dun “abraiante akelarre musical de amizades” que se desenvolverá nas salas Capitol e Malatesta desde as 19.30h da tarde e até as 05.00h da mañá

Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores actuarán na festa de aniversario, na que tamén colaborarán Grande Amore, Malandrómeda, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou Guillerme (Quempallou), entre outros nomes

DKTC activa hoxe mesmo a venda de entradas, que inclúen un exclusivo fanzine de agasallo, no espazo web
www.diosketecrew.org; no que haberá un cupo limitado de billetes para aquelas persoas que queiran acceder “á cerimonia litúrxica completa”

Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, celebrará o vindeiro 2 de decembro os seus vinte anos sobre os escenarios por todo o alto: Santiago acollerá, entre as 19.30 e as 05.00h, unha xornada maratoniana de concertos e actuacións nas que DKTC se acompañará de artistas da escena musical galega, como Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes. As entradas para a cita, que terá lugar nas salas Capitol e Malatesta, están desde hoxe mesmo dispoñibles no espazo web www.diosketecrew.org e na plataforma en liña www.enterticket.es
A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras da propia banda, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, celebrará dúas décadas de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) e Guillerme (Quempallou) compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol. Será unha data sinalada na historia do grupo, “porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda”, aseveran os seus membros.

Mais esta excelsa celebración ampliará o seu espazo de festexos e chegará a dúas salas da cidade, “porque unha soa sabía a pouco”, explica DKTC. Así, entre as 19.30 e as 00.00h, a actividade desenvolverase na Sala Capitol, mentres que, entre as 00.30 e as 05.00h, a festa acontecerá na Malatesta co concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, ademais doutras sorpresas adicionais.

As entradas para a festa de aniversario ‘Tremendos Anos 20’ xa están á venda na web oficial da banda, www.diosketecrew.org. O público poderá adquirir, por 20€, a entrada que dá acceso unicamente á Capitol, ou o bono que dá acceso á experiencia completa (Capitol + Malatesta, 25€), do que haberá un cupo limitado de billetes dispoñibles ao que poderán acceder as primeiras compradoras. Ademais, para culminar esta celebración, o público recibirá pola compra de cada entrada, como agasallo, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións de artistas gráficas e 20 remixes de hits de DKTC realizados por outros tantos produtores musicais. Un traballo portentoso que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial. 

DIOS KE TE CREW

Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LPs, diversos EP e percorrer centos de escenarios, DKTC publica no 2022 En que ano estamos?, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos máis salientables dos últimos tempos: OG, con Boyanka Kostova.

O vindeiro 2 de decembro, a banda -acompañada de A.L. Crego nos visuais- festexará os seus Tremendos Anos 20 sobre os escenarios en Santiago de Compostela, nunha xornada que, de seguro, ficará no recordo das persoas seguidoras da recoñecida banda de Ordes.

20231011-NP-Concerto-Tremendos-Anos-20