A compañía Redrum Teatro leva á escena a súa adaptación ao galego da obra de Paco Bezerra,un dos referentes da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática

Ao finalizar a función do venres, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 á xornalista cultural Ana Romaní

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acollerá este venres, 13 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta do espectáculo O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro a partir dun texto asinado polo dramaturgo Paco Bezerra, referente da dramaturxia española contemporánea e Premio Nacional de Literatura Dramática 2009. A obra expón un conflito social de actualidade e moitas veces silenciado, como é o ataque ao diferente e o acoso escolar, unha dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo. 

Redrum Teatro, compañía comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto de Paco Bezerra que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos. Coa súa proposta, Redrum Teatro dirixe a mirada ao acoso escolar a raíz dunha escrita da que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBIQ+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e mais da incomprensión familiar. 

A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, quen participaron, esta mañá, na presentación do espectáculo, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés. O elenco estivo acompañado polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da localidade bergantiñá, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Na súa intervención, Guillermo Carbajo sinalou que estrear O pequeno poni no marco do FIOT é unha “gran satisfacción”, xa que se trata dun dos grandes festivais en Galicia e un “auténtico referente” para a escena do país. “É a primeira vez que estreamos no FIOT e iso é sempre unha garantía absoluta para un espectáculo que bota a andar”, explicou Carbajo. O actor quixo manifestar o agradecemento da compañía á organización do festival e aproveitou a ocasión para facelo extensible ao Concello do Grove, cuxo auditorio acolleu os ensaios, ao Concello de Teo e á Agadic, xa que O pequeno poniconta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica. 

No referente á obra, Carbajo limitouse á destacar que o seu personaxe achégalle unha perspectiva de “aceptación da diversidade e meis de tolerancia” a unha historia que, durante a rolda de prensa, analizou máis polo miúdo a actriz Laura Míguez, coprotagonista da montaxe. “Este texto de Paco Bezerra pon o foco nunha serie de temas que son fundamentais hoxe por hoxe: o respecto á identidade e á diversidade, a violencia institucional e os diferentes paradigmas da crianza”, sinalou Míguez. 

A actriz puxo o foco neste último aspecto ao indicar que Irene e Xaime, os dous protagonistas do espectáculo, son dous pais que intentan “facelo o mellor posible” ante o conflito empregando “as ferramentas que teñen”. “Cada un destes pais difiren nas formas, amosan aspectos polarizados e esta situación repercute no seu fillo”, reflexionou Míguez antes de engadirlle outro elemento que afecta o benestar do cativo: “a violencia institucional”. “A institución, neste caso representada no centro educativo, amosa a incapacidade tanto para actuar e tomar medidas radicais fronte ás agresións como para asesorar as familias”, afondou Míguez.

O pequeno poni

Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez) conforman unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, quen vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida: O meu pequeno poni. Algo inocente que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afronta a parella, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta a obra, unha peza que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais coma colectivas. 

Paco Bezerra escribiu este texto no 2016 a raíz de diferentes novas dos Estados Unidos que coñeceu a través dos medios. Concretamente, céntrase no caso de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu á escola cunha mochila da serie nomeada anteriormente. Mais Grayson nunca chegou a sentar no pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. Neste caso, a dirección do colexio optou por culpabilizar ao menor agredido e acusouno de “disrupción na aula”.

Encontro con Paco Bezerra, Alex Sampayo e Guillermo Carbajo na ‘Escola do espectador nas ondas’

Para todas aquelas persoas que queiran afondar tanto no texto coma na montaxe de Redrum Teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo propón unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar o sábado 14, ás 17.00 horas, no Dubra Café. A cita, de acceso libre, contará coa participación do director de O pequeno poni, Alex Sampayo, do actor Guillermo Carbajo e do dramaturgo Paco Bezerra. O podcast estará dispoñible na sección de OndaFIOT no espazo web www.fiot.gal.


Entrega do premio Xograresa de Outono

Por outra banda, o mesmo venres 13, contra as 22.15 horas, unha vez finalice a función de O pequeno poni, o FIOT de Carballo entregará o galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní. A xornalista, Premio Nacional de Periodismo Cultural 20218, súmase así á comunidade de honra do FIOT, que congrega ás e aos profesionais imprescindibles para o desenvolvemento das artes escénicas do país. 

Ao outorgar este recoñecemento, tanto as xograresas e xograres de outras edicións, coma o propio FIOT, salientan o papel de Ana Romaní como figura imprescindible no xornalismo cultural. Con este recoñecemento, o festival abre o espectro do premio a novos sectores vinculados ás artes escénicas, como é o da comunicación, poñendo así en valor a súa relevancia e necesaria labor par o coñecemento e a consolidación do teatro. 

AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO

Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura
É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta
Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889

Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro

Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón
Por elas (concerto), de Adhara e Ritman

Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia

Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas

Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas

Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura*
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta
Ao finalizar a función, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta

Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir

Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Con Alex Sampayo (director de Redrum Teatro), Guillermo Carbajo (actor de O pequeno Poni) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2009.
Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa

Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo

20231011-NP-FIOT32-O-pequeno-poni