Sinsal SON Estrella Galicia activa o 5 de maio a venda de abonos

Sinsal SON Estrella Galicia activa o 5 de maio a venda de abonos para asistir á nova edición do festival, que se celebrará os días 21, 22 e 23 de xullo na Illa de San Simón

Os abonos de tres días estarán dispoñibles desde as 12:00 horas deste venres, 5 de maio, a través da plataforma en liña www.enterticket.es, mentres que as entradas por día poderanse adquirir a partir do vindeiro luns 8

Unha novidades salientables desta edición será a ampliación de horarios: as e os asistentes sairán da illa cara o porto de Vigo ás 23.30 horas o venres 21 e o sábado 22

O festival, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca en San Simón, contará este ano coa participación de máis de vinte bandas e solistas procedentes de África, Asia, América e Europa e de diversos estilos

Ademais da programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia promoverá actividades paralelas, para todos os públicos, coa intención de dar coñecer o patrimonio cultural, natural e histórico da illa durante a celebración do festival

O festival Sinsal SON Estrella Galicia activará este venres 5 de maio, ás 12:00 horas, a venda de abonos para a súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023 na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: en Sinsal SON Estrella Galicia, o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa.

Sinsal SON Estrella Galicia 2023 contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Bandas e solistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Unha novidades desta edición do evento cultural, que impulsa a promotora viguesa Sinsalaudio, é que os concertos ampliarán o seu horario: así, as e os asistentes que embarquen pola mañá ou a primeira hora da tarde no porto de Vigo, partirán de San Simón contra ás 23.30 horas da noite os días 21 e 22; e os de Meirande sairán da illa contra as 22.45 horas.

Durante o desenvolvemento do festival, as e os asistentes ao Sinsal SON Estrella Galicia poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo de todo o día. Ademais, Sinsalaudio organizará actividades musicais específicas. Entre elas, haberá unha exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro, que este ano afondará na gravación magnética e nos diferentes soportes; un taller específico sobre a fixación de música en soportes;  o rexistro de cancións da man das artistas asistentes ao festival ou mesmo a participación activa -tanto na illa coma desde a casa, nas semanas previas ao festival- a través dunha instalación.

Deste xeito, e durante toda xornada -desde o desembarco e até o momento de coller o barco de volta-, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.

Venda de abonos

O venres 5, a partir das 12:00 horas, o público poderá adquirir os seus abonos de tres días a través da plataforma web www.enterticket.es, na que poderá seleccionar o seu abono en función do embarcadoiro desde o que desexe viaxar a San Simón: como é habitual, estarán situados no porto de Vigo e Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande). Aquelas persoas que decidan partir desde a cidade olívica gozarán dunha viaxe máis longa en barco e dunha estancia de maior tempo na illa.

Os prezos dos abonos variarán en función da idade do público (maior ou menor de 16 anos). Por unha banda, no caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial de 155 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será 145 euros. Pola outra, o prezo deste tipo de entrada para as e os menores de 16 anos, ou que teñan esa idade no momento de celebración do festival, será de 60 euros (Vigo) ou 50 euros (Meirande). A organización recorda que o número de abonos de Sinsal SON Estrella Galicia é limitado e convida ao público a non quedar sen a oportunidade de descubrir as músicas locais, nacionais e internacionais que se agochan este ano baixo o seu cartel.

Entradas por día

De cara á semana seguinte, concretamente o luns 8 de maio, a sairán á venda as entradas por día de Sinsal SON Estrella Galicia. Todas aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen tamén o traslado á illa desde Meirande ou Vigo, poderán adquirilas a partir das 12.00 horas a través da plataforma www.enterticket.es.

Ao igual que no caso dos abonos, o prezo dos billetes variará en función da idade e do embarcadoiro no que se tome o barco, ademais do tempo de estancia na illa. Así, as entradas do venres 21 -cuxa programación se desenvolverá unicamente en horario de tarde- serán as máis económicas -50 euros desde Vigo ou 45 euros desde Meirande, sendo a entrada de menores de 15 euros nos dous casos-, mentres que as entradas do sábado 22 e do domingo 23 permitirán gozar dunha xornada completa en San Simón, desde pola mañá e até a noite.

Así, no caso dos billetes por día de Vigo, o prezo será de 65 euros no caso do sábado 22 (20 euros para menores de 16) e de 60 no do domingo 23 (18 euros para menores), mentres que as entradas o barco que se toma desde Meirande será de 60 euros o sábado (20 euros para menores) e 55 euros no caso do domingo 23 (18 euros para menores). Todos os horarios de barcos e prezos están dispoñibles en http://festival.sins.al, na que toda a información esta actualizada para consulta.

Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.

Recentemente o festival foi premiado nos Iberian Festival Awards co galardón ‘Best Contribution to Equality’, que o sitúa como o evento máis relevante en España en canto á Contribución á igualdade. Este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo: ademais de nunca repetir no seu cartel creadoras e creadoras, favorece o coñecemento de novos artistas -o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza de creadoras queer é contínua en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: REVOLUCIÓN

Temos aínda no fondo do peto un grans de esperanza que rebolen contra todo. Semente insubmisa que latexa como mirada que porfía en abrir cancelas, en acariñar boqueiras.

Na terra, nós. Que proclamamos a valía da tristeza, como ingrediente imprescindible. Que acollemos as achegas da nostalxia. Que lucimos a lama propia nos dentes, que defendemos os sucos que nos habitan e que saltamos os valados entre a desidia e a devastación de tempos escuros que non, que aínda non son quen de derrotar a nosa revolución de margaridas.

Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila protagonizan a ponte de maio no EMHU

Este domingo 30, ás 16:00 horas, o Castelo de Santo Antón será o escenario do espectáculo  Estirando el chicle en un castillo, que recolle a gravación do exitoso podcast de Carolina Iglesias e Vitoria Martín, que regresan ao EMHU por segundo ano consecutivo

Tamén o domingo 30, ás 18:00h, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón co seu espectáculo de vivencias personais La comedia salvó mi vida

Ás 20:30h, Javier Veiga presentará no mesmo escenario a proxección do seu filme Amigos hasta la muerte, con un show-tertulia posterior protagonizado polo propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán

O luns 1 de maio será a quenda dun dos ‘showmans’ máis esperados deste terceira edición do EMHU: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achegará ao Colón, ás 19:30h, o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0    

O Encontro Mundial de Humorismo avanza na programación da súa terceira edición esta ponte de maio con Carolina Iglesias e Victoria Martín, de Estirando el Chicle, Ignatius Farray, Javier Veiga e Juan Dávila como protagonistas.

A terceira xornada do EMHU, que se desenvolverá o domingo 30 de abril, contará cun escenario único, o Castelo de Santo Antón, que acollerá un dos shows máis destacados desta terceira edición do festival. Alí chegarán ás 16:00 horas Carolina Iglesias e Victoria Martín -que repiten no EMHU trala súa exitosa visita en 2022- para presentar o espectáculo Estirando el chicle en un castilloEstirando el chicle é un podcast de comedia no que as cómicas conversan con mulleres relevantes da cultura e do entretemento. Nas súas xa cinco temporadas, converteuse nun dos podcasts máis escoitados de España, superando o millón e medio de ouvintes mensuais. O proxecto, galardoado con dous premios Ondas e o Premio EMHU Fenómeno no 2022, fixo historia ao vender todas as entradas do Wizink Center de Madrid en menos de 24 horas, converténdose no espectáculo de comedia máis grande que xamás se celebrou na historia do noso país. Este 2023, no EMHU, Estirando el Chicle achegarase ao Castelo de Santo Antón para unha facer unha gravación especial do podcast con público en directo.

Pola súa banda, Ignatius Farray tomará as táboas do Teatro Colón (domingo 30 de abril, ás 18:00 horas) con La comedia salvó mi vida. Durante una hora e media, Farray contará de corazón as súas vivencias e opinións como cómico coa fe de que a risa, antes ou despois, chegará. Con máis de 12 anos facendo Stand-up Comedy, o artista segue a pensar que ese é o estilo máis xenuíno e verdadeiro de facer comedia, precisamente pola implicación persoal que se supón que hai que ter coas cousas que se din ou se contan sobre o escenario.

Finalmente, a proxección da ópera prima de Javier Veiga como director cinematográfico -baseada na exitosa obra de teatro homónima que batiu récords de billeteira nos teatros galegos, nacionais e incluso internacionais- será o ramo da xornada do EMHU este domingo, 30 de abril. Ás 20:30 horas, o Teatro Colón da Coruña acollerá o primeiro pase con público en Galicia do filme Amigos hasta la muerte, que ten como protagonistas a Marta Hazas, Mauricio Ochmann e ao propio Javier Veiga e en cuxo reparto se contan, tamén, os humoristas galegos David Amor, Xosé A. Touriñán e Ledicia Sola.

Pero a velada promete moito máis, pois haberá proxección, preestrea, coloquio, espectáculo… e o poida xurdir! Así, logo do pase, o público poderá gozar xunto a Javier Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Toruiñán dunha tertulia para escachar coa risa, onde, ademais de coñecer unha morea de intrahistorias da gravación da película, haberá moitas sopresas e o xenuíno humor destes catro xenios e amigos.


Estrea en Galicia de La capital del pecado 2.0

O EMHU continuará no día festivo e o luns, 1 de maio, será a quenda dun dos showmans máis esperados deste terceira edición do festival: Juan Dávila, o auténtico mesías da improvisación, que achega o monólogo cómico do momento, La capital del pecado 2.0, ao Colón ás 19:30 horas, no que será a súa estrea en Galicia. Un espectáculo ideal, como él mesmo describe, “para vir coa familia, se estás solteiro ou solteira, en parella, co teu grupo de amigas, se estás buscando novas oportunidades ou algunha cita inesperada”. Sábese como comeza, pero o final sempre é decisión do público: será parte do imprevisible mentres goza do show máis falcatrueiro e atrevido do ano. 

No seu programa de actividades paralelas, o EMHU 2023 conta tamén coa exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá ver até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, con acceso libre. Coa mostra, que recolle ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos-, o público poderá descubrir a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita. 

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 PARA A PONTE DE MAIO

Domingo 30 de abril

16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo *

18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida *

20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte *

Luns 1 de maio

19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia) *

* Os medios gráficos (vídeo e foto) poderan tomar imaxes unicamente durante os primeiros cinco minutos de cada show. As fotografías deberán tomarse sen flash e desde o fondo da sala. Non se permitirá o acceso á mesma durante o desenvolvemento do espectáculo. Aqueles medios que teñades algunha necesidade específica por favor, contactade con nós a través do correo ou do whatsapp. Grazas pola vosa comprensión!

20230429-Axendas-EMHU-30-de-abril-e-1-de-maio-Xornadas-3-e-4-EMHU-2023

‘Sin datos no hay paraíso’, ‘Humoris causa’ e a Escuela de Impro Coruña protagonizan a segunda xornada do EMHU

Os ‘influencers’ Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño, que xuntos suman máis de 20 millóns de seguidores en Instagram, YouTube ou TikTok, volverán ao Teatro Colón con ‘Sin datos no hay paraíso’ (17:00h), coas últimas entradas dispoñibles en www.emhu.es

Javier Cansado, Dani Rovira, Eva Hache e Xosé A. Touriñán protagonizan o prato forte da xornada, ‘Humoris Causa’, un espectáculo sen precedentes creado especialmente para o EMHU, que se poderá ver en dobre función -ás 19:00 e 22:00h- no Pazo da Ópera

O alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña, dirixida por Oswaldo Digón e Víctor Grande, subirá por vez primeira as táboas acompañado por rostros coñecidos da comedia, na sede coruñesa de Afundación, ás 12.30 horas, con entrada libre

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo continúa a súa andaina na Coruña cunha segunda xornada, este sábado, 29 de abril, que promete novamente as mellores risas e que estará protagonizada polos espectáculos Sin datos no hay paraíso e Humoris Causa, aos que se suma a estrea nos escenarios da Escola de Impro Coruña.

Deste xeito, a actividade do EMHU este sábado 29 comezará cunha proposta aberta ao público na sede coruñesa de Afundación: o alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña, dirixida por Oswaldo Digón e Víctor Grande, subirá por vez primeira ás táboas acompañado por rostros coñecidos da comedia. A cita será ás 12.30h, con entrada libre ata completar a capacidade do auditorio. É una honra para o EMHU poder axudar, incentivar e apoiar aos talentos da comedia galega do futuro, e máis nun campo tan atractivo como é o da improvisación.

Pola súa banda, os ‘influencers’ Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño volverán ao Teatro Colón -ás 17:00h- con Sin datos no hay paraíso. Xuntos suman máis de 20 millóns de seguidores. Por separado, son referentes en Instagram, YouTube ou TikTok. Agora regresan ao EMHU tras xirar por toda España co espectáculo que estrearon no festival hai un ano. Unha graduación teatral para catro dos artistas de comedia con máis proxección da actualidade. As últimas entradas dispoñibles pódense conseguir Ena web oficial www.emhu.es.

O prato forte do sábado contará cunha dobre función -ás 19:00 e ás 22:00h- no Pazo da Ópera coruñés.  Humoris Causa é un espectáculo sen precedentes e unha das citas ineludibles do EMHU. Creado expresamente para o  evento, este ano conta con catro dos mellores humoristas deste país xuntos por primeira vez nun escenario: Javier Cansado, Dani Rovira, Eva Hache e Xosé A. Touriñán.

No seu programa, o EMHU 2023 conta tamén coa exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, aberta desde este venres 28 ao público que se poderá ver até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, con acceso libre. Coa mostra, que recolle ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos-, o público poderá descubrir a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita.

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 PARA A PONTE DE MAIO


Sábado 29 de abril

12:30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade)
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso **19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa *22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa * 

Domingo 30 de abril

16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo *
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida *
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte *

Luns 1 de maio

19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)


* Os medios gráficos (vídeo e foto) poderan tomar imaxes unicamente durante os primeiros cinco minutos de cada show. As fotografías deberán tomarse sen flash e desde o fondo da sala. Non se permitirá o acceso á mesma durante o desenvolvemento do espectáculo. Aqueles medios que teñades algunha necesidade específica por favor, contactade con nós a través do correo ou do whatsapp. Grazas pola vosa comprensión!

** Lembramos que para esta fin de semana unicamente quedan dispoñibles acreditacións para cubrir ‘Sin datos no hay paraíso’.

  

20230428-Axenda-sabado-29-Segunda-xornada-EMHU-2023