IRIBARNE arranca esta fin de semana a súa xira en Vilalba coas entradas xa esgotadas

O concello natal do político acolle, este sábado 13 de xaneiro, ás 19.00 h, no Auditorio Carmen Estévez, a estrea en Galicia dun dos espectáculos revelación da presente temporada escénica

Por outra banda, o sábado 20 de xaneiro, a obra de ButacaZero sobre Manuel Fraga chegará ao Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela co aforo tamén completo

IRIBARNE é unha revisión da figura de Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira, coproducida por ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

A obra desembarca en Galicia tras a súa presentación en Madrid o pasado outono, onde estivo en cartel un mes e esgotou, tamén, todas as entradas

Alén de Vilalba e Compostela, IRIBARNE xirará por toda a xeografía galega e parte da española neste 2024, con datas xa confirmadas en Pontevedra, 

A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria

Este sábado, 13 de xaneiro, ás 19.00 h, Vilalba acollerá a esperada estrea en Galicia de IRIBARNE, o novo espectáculo de ButacaZero. Logo da súa celebrada presentación en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas e acadando  o aplauso unánime do público e da crítica, IRIBARNE aterra -coas entradas xa esgotadas- no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, no que será o punto de partida dunha xira por toda a xeografía galega e numerosas cidades españolas que se desenvolverá durante o 2024. A obra, unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas baixo a dirección de Xavier Castiñeira, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

Despois da súa estrea galega no concello natal de Fraga, a seguinte fin de semana, IRIBARNE poderá verse no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela (sábado 20 de xaneiro, ás 19.00 h), coas entradas tamén esgotadas desde hai días. A obra continuará así unha intensa xira que xa ten diferentes datas confirmadas dentro e fóra de Galicia, entre as que figuran Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que está editada por Subterfuge Records.

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS


Vilalba ESTREA EN GALICIA E EN GALEGO

Auditorio Municipal Carmen Estévez | sábado 13 xaneiro | 19.00 h https://entradasvilalba.es/evento/teatro/iribarne-1 | ENTRADAS ESGOTADAS

Santiago de Compostela 

Auditorio de Galicia | sábado 20 xaneiro | 19.00 h https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/iribarne | ENTRADAS ESGOTADAS

Miranda del Ebro

Teatro Apolo | venres 26 xaneiro | 20.30 h https://entradas.tourmiranda.es/TicketMiranda/programacion/Pases/displayPase/f41b9dac9107e38b28ae5cc6b112dc24

Pontevedra

Pazo da Cultura de Pontevedra | xoves 8 febreiro | 21.00 h

Barco de Valdeorras

Teatro Municipal Lauro Olmo | venres 23 febreiro | 21.00 h

Vilagarcía de Arousa

Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa | sábado 24 febreiro | 20.00 h

A Coruña

Teatro Rosalía de Castro | venres 15 e sábado 16 marzo | 20.30 h

Lugo

Auditorio Municipal Gustavo Freire | xoves 11 abril | 20.30 h

Tomiño

Auditorio Municipal de Goián | sábado 20 abril | 21.00 h

Cangas

Auditorio Municipal de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) | sábado 4 maio | 20.00 h

Bilbao

Teatro Arriaga | xoves 9 maio | 19.30 h https://www.teatroarriaga.eus/programacion/iribarne/#entradas-arriaga

Narón

Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h

Vitoria

Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h https://principalantzokia.janto.es/ Ribadavia | Auditorio do Castelo | MIT Ribadavia 2024 (19-27 xullo)

20240110-NP-Vilalba-IRIBARNE

Presentación do libro e a inauguración da Exposición TINTA DE FOL, de David Cuence e Boroa, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o martes 16 de xaneiro de 2024, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, un acto no que se procederá á PRESENTACIÓN DO LIBRO E A INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN TINTA DE FOL, de DAVID CUENCE e BOROA, e que contará tamén cunha DEMOSTRACIÓN PICTOACÚSTICA.

NOTA_INFORMATIVA_TINTA-DE-FOL

Fillas de Cassandra presenta ‘Últimas Dionisíacas’, “un convite ao festexo colectivo e catártico”

Fillas de Cassandra presenta Últimas Dionisíacas, o seu novo directo, “un convite ao festexo colectivo e catártico” que verá a luz o 16 de febreiro en Vigo

A presentación do novo show de María SOA e Sara Faro, no que estarán acompañadas doutras dúas músicas, terá lugar o venres 16 de febreiro ás 22.00h no Auditorio Mar de Vigo e as entradas xa están á venda en www.teuticket.com
Nestas Últimas Dionisíacas, Fillas de Cassandra revisitará os temas máis recoñecidos de Acrópole, o seu álbum debut, desde unha electrónica máis escura e potente, mais tamén dará a coñecer temas inéditos que formarán parte do seu próximo LP


Logo de derrubar a Acrópole e subir aos altares das grandes salas de concertos e festivais do país coas súas letras directas e a forte conexión co público, Fillas de Cassandra bota unha última ollada á polis. Este 2024 o dúo regresa cun novo directo, Últimas Dionisíacas, unha proposta na que demostrará que a mestura entre o tradicional, o pop e o techno ten un efecto catártico. A presentación terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo e as entradas están á venda desde esta mesma mañá a través da plataforma www.teuticket.com 
Fillas de Cassandra, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro, subirase de novo aos escenarios o vindeiro mes de febreiro cunha nova proposta escénica e musical, na que fará unha nova lectura dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. 
Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.

Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

A presentación de Últimas Dionisíacas, a nova proposta musical e escénica de Fillas de Cassandra, terá lugar o venres 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. A apertura de portas será ás 21.30 horas e o concerto comezará ás 22.00 horas. As entradas pódense adquirir desde esta mesma mañá, desde 18 euros, a través de www.teuticket.com

20240104-NP-Fillas-de-Cassandra-presenta-Ultimas-Dionisiacas

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: SÁBEO

Miguel Díaz, SÁBEO

Sábeo quen treme de medo sen aparente motivo. Unha presenza ameazante que te abanea, que te invade para consumirte. Sábeo quen sofre perda, quen sofre terrible perda, quen de súpeto se ve privado de piar fundamental. Sábeo quen non atopa as bágoas cando as precisa, quen as encontra cando non as chama. Sábeo quen coñece fonda tristura indefinible que non é quen de sacudir. Sabe da dor quen a padece. Cadaquén ao seu encontro de xeito distinto.

Sábeo e coñece os danos un mesmo, os danos que provocan os cambios. Quen o sufriu sabe a que sabe a amargura, a desfeita imparable que nos elimina. Que abate e derruba partes de nós que non volverán. Quen se viu axitado por cruel violencia, sabe o que é afogar en día soleado. Sabe que cando un regresa desa terrible negrura, non o fai sendo quen era.

Ti sabes que o sei. Eu sei que o sabes. E abre o día e un vese empurrado a encetar un bolo, a abrir outro rego, a erguerse coa caída da folla. Un vese irremediablemente empurrado a sorrirlle a un mundo de navallas e caricias, de violencia e pétalos, de despedidas e esperanza.